Páginas

sábado, 24 de marzo de 2018

CULTIVAR AS EMOCIÓNS DO ALUMNADO A TRAVÉS DA POESÍA




                                                                                                                                         Antonio García Teijeiro


Se hai algo que teño claro na miña vida é que os seres humanos precisamos da poesía. E se os seres humanos precisamos da poesía, esta debe estar presente, na escola dun xeito vivo. O ideal sería que na casa se lles lesen poemas aos nenos e nenas. Que se xogase coas palabras, cos movementos das mans, coas cancións, cos trabalinguas, coas adiviñas...

     Pero coma isto normalmente non se fai, serán os docentes os que deben asumir que un pequecho non pode pasar a súa etapa académica de costas á poesía. E agora pregúntome: fano? Tras pensalo un pedazo, debo dicir con mágoa que, en xeral, non. Levo comprobado a través dos anos, e dende múltiples experiencias, que a poesía non está presente nas aulas como debería. Só certas persoas son conscientes do valor do feito poético nas súas clases. Persoas que loitan en solitario, demasiadas veces diante da incomprensión de pais, nais e compañeiros e que se senten sós no seu traballo. Non nos enganemos: a poesía non vive dabondo na escola. Está á marxe e iso é algo que non se pode permitir. Ben é certo que se están a dar pasos, pero moi paseniñamente.
 
Alumnas/os de Sacra Rodríguez (Extremadura)
     Vin coma docente, e mesmo coma escritor, que a poesía pode axudar a cambiar a liña de conduta de nenos e adultos. Os rapaces son un eido fértil de emocións que non chegamos a cultivar. Unha mágoa pois están abertos a experiencias motivadoras, libres, suxestivas. Desexan que os ilusionemos,están expectantes perante a actitude do mestre ou da mestra. E, a miúdo, o ensinante decepciónaos, porque non lles ofrece o que deles agardan.

     A poesía ten que habitar na escola. Por iso se necesita un mediador : o mestre ou a mestra que crea na importancia de achegar poemas aos seus alumnos. Algn que le, que está convencido da importancia dos versos neste espazo tan rico como é a aula. Algn que non lles teña medo, que sexa quen de crear un ambiente especial, que recite, que lles lea poemas, que os anime a ler poesía, que os incite a escribir, a descubrir poetas, a cantar.


     
     Eu penso que a poesía debe entrar nas aulas en voz alta. Poesía para sorprender, para gañar a atención dos rapaces, para emocionar.
E se o docente cre no que está a facer, os alumnos e alumnas ficarán enfeitizados.
Porque a poesía non se ensina: a poesía contáxiase, vaise filtrando sen decatarnos e chega a converterse nun veleno do que non podemos curarnos. Así é, xaora. A poesía permítenos gozar coas imaxes, co ritmo, coa música e cos silencios das palabras e ofrécenos unha nova maneira de ser, de mirar e interpretar o mundo para facernos seres humanos máis completos, máis ricos e máis libres.


     Os docentes teñen capacidade para impresionar a rapazada. Capacidade para enfeitizala, para facer deses nenos e nenas persoas que coñezan o que hai detrás deses versos, para transmitirlles a emoción da palabra ben utilizada e para que, ao longo da súa vida, respecten e amen a poesía.
Os docentes deben seducilos e comprender que non se trata de facer poetas na aula. Trátase de acadar que eses nenos e nenas se acheguen aos poemas con agarimo e  confianza. Que os coñezan, que  non lles teñan medo como lle pasa á maior parte dos ensinantes.


     Porque esa é a razón de que a poesía non estea presente nas aulas. A demasiados ensinantes non lles interesa a poesía, porque non foron educados nela. Os versos son algo descoñecido para eles, algo alleo, algo que se desprestixiou, e algo do que as persoas viven á marxe. Téñenlle medo por ese descoñecemento da emoción que desprenden os poemas. Por ese descoñecemento do valor que a palabra poética posúe para reavivar conciencias e descubrir sentimentos. Por ese descoñecemento que a poesía ten para escaravellar nos muros que rodean o ser humano e abrirlle fiestras de luz.
    


     
     Tras comentar que a poesía ten que entrar en voz alta nas aulas, quero referir certos pasos que se poden dar para que se consolide nese lugar tan necesario: o primeiro paso sería o coñecemento da literatura de tradición oral. Mostras vivas, frescas, cheas de ritmo e de vida. Falo das adiviñas, dos trabalinguas, dos diálogos, das mentiras etc. Pequenos poemas ateigados de enxeño, de ironía, de humor, de surrealismo puro que fan as delicias dos pequenos. Un segundo paso levaría ao coñecemento daqueles poetas que escriben para os nenos dende o respecto e o agarimo. Homes e mulleres que os queren e achéganlles poemas acaídos aos seus intereses. Un paso máis (ou paralelo) serían os contos rimados para que entendan o concepto da versificación das historias. Deseguido, podían entrar nos poetas que, sen escribir especificamente para eles, teñen poemas que poden ser gozados polo alumnado. Un paso sen présas cunha maneira diferente de abrir novos camiños poéticos. Camiño que os levaría a coñecer, nun paso novo, os romances. Esas historias en verso que tanto os enfeitizan. Dígoo por experiencia.  En fin, e logo cancións, poemas en música, poesía sen rima. A festa da poesía.  Pero non esquezamos o máis importante: estar convencidos de que a poesía ten valores necesarios para a formación das persoas. E moita, moita lectura, porque sen lectura…