TÍTULO: Rufus.
O morcego que adoraba as cores.
AUTOR: Tomi Ungerer.
TRADUCIÓN: Sandra Senra Gómez e Óscar Senra Gómez.
EDITORIAL: Kalandraka.
Colección: Tras os montes.
Da man da editorial Kalandraka
chega ás nosas letras este clásico publicado por primeira vez en 1961 cuxo
autor é o recoñecido e premiado escritor e ilustrador francés Tomi Ungerer, gañador do Premio Hans
Christian Andersen en 1998.
Rufus.
O morcego que adoraba as cores
segue unha liña de obras anteriores onde os protagonistas son animais pouco
convencionais segundo os canons establecidos na sociedade. Algo do que que o
autor se valeu para plasmar tanto nos textos coma nas ilustracións a crítica
social da discriminación do que non segue as normas.
Trátase dun
álbum ilustrado cuxo protagonista é un morcego chamado Rufus que descobre, por
casualidade, as cores brillantes que existen polo día e que contrastan co
branco e negro da súa gris vida cotiá. Queda tan abraiado que decide pintarse
de fermosas cores e vivir de día coma os demais paxaros, pero axiña se decata de
que o seu soño vai ser difícil de cumprir ao ser sinalado e illado polos
habitantes da intolerante sociedade na que vive. Será grazas ao doutor Tarturo
como coñecerá o verdadeiro tesouro da vida, tanto sexa en branco e negro coma en cores
rechamantes, o significado da amizade que non entende nin de prexuízos nin de diferenzas
pero si sabe da xenerosidade, da confianza, do respecto e do agarimo.
Rufus atrae a lectores de todas as idades
que se deixen emocionar coa palabra ben artellada, adubada de humor intelixente
e acompañada de trazos pictóricos claros, directos, expresivos e en sintonía co
ton textual onde destaca esa dualidade dos dous mundos do protagonista: o seu
propio, a escuridade e o gris da súa cova, fronte o mundo soñado o das cores vivas e alegres.
ALBA PIÑEIRO