Páginas

martes, 27 de febrero de 2018

COÑECENDO UN POUCO MÁIS A MORAIMA,O SOL BRILLA CON FORZA


                                Con Moraima na súa casa





Cando quero  vivir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando semento a espranza.
Digo Moraima

e ponse azul a alba (…)




Non me estraña que Celso Emilio Ferreiro escribise estes versos no seu poema Xaneiro 1972, II do libro  Onde o mundo se chama Celanova.
     E digo que non me estraña nada, porque tras coñecer a Moraima, convivir con ela a fondo, compartir ilusións e desilusións , agarimo e confesións das que me sinto moi feliz ou un mundo de anécdotas curiosas, comprendín o que foi para Celso. Como me dicía onte o meu amigo David Otero, “foi soporte”. Non sei o que sería del sen Moraima, pero si podo afirmar o que foi ela: compañeira, amiga, guía, defensora, amante e moitas outras cousas que non cómpre comentar.
Pola miña banda, sempre sentín que me/nos quixo coma fillos a Susi e a min.
 
Con Susi na casa de Avda. Castrelos
     Cear na súa casa era un pracer, sobre todo se de sobremesa facía arroz con leite. Como boa asturiana que era, tiña un toque especial para esta delicia.  Nunca comín ningún mellor.

     Coñecina cando lle propuxen facer un Celso Emilio Ferreiro para nenos, a proposta de Ediciones de la Torre
Negouse en redondo ao principio (estaba cansa de que esquilmasen a Celso), pero unha conversa con Susi, a miña muller,  por teléfono propiciou que nos abrise a súa casa. Nunca máis saímos dese andar marabilloso fronte ao Parque de Castrelos. A nosa, tamén foi a dela.Aí comezou unha relación intensísima ata a súa morte.
     
     Despois, non só fixen o Celso Emilio para nenos, senón tamén a Antoloxía do poeta celanovés para a Biblioteca das Letras Galegas de Edicións Xerais.
     
     
     Mil lembranzas de Moraima. Mil agarimos. Mil actos de amor.
     
     Tampouco non podo esquecer a visita que fixemos ao cemiterio onde estaba a tumba do poeta en Celanova. Limpámola, preparámola e logo visitamos uns amigos que por alí vivían. Unha experiencia inequecible.
 
Na tumba de Celso Emilio, cando acompañamos a Moraima
     Arranxando carpetas e papeis, dou cuns recordos impresionantes. Dous poemas dun cartafol de 1936: un de Pepe Velo e outro de Celso; un poema sinxelo que está asinado por Emilio Ferreiro  que leva por título, Apunte. Agasalloumos con moito agarimo.
     

     

     Ademais, teño nas mans un tesouro para min: un poema manuscrito de Moraima dedicado ao seu home. Leva por título Recuerdo e é pura emoción polo que significa. Podédelo lelo aquí.
     
     


     No Celso Emilio para nenos incluía eu dous poemas escritos por ela. Un, chamado Nunca e outro, cuxos primeiros versos dicían así:

Te llamé toda la noche, / pero tú ya no me oías / dormías un largo sueño / soñando que te veías / en tu Celanova amada / en tu tierra tan querida…

     Unha fermosa reflexión escrita un tempo despois de falecer o poeta, a expresión dun sentimento de amor ao compañeiro de sempre e que remata así: ¡Campanas de Celanova! / no podré olvidar el día / en que tocabais a muerto / y mi corazón moría. / ¡ Campanas de Celanova. / Nunca olvidaré ese día!

         A derradeira vez que vimos a Moraima foi na presentación de Na fogueira dos versos, Premio Merlín, no Corte Inglés de Vigo. 
Derradeira fotografía con Moraima
Estaba feliz de ter asistido á mesma. Ao final quedamos con ela, falamos na beirarrúa da Gran Vía e colleu un taxi. Era decembro de 1996. Despediuse dicindo que despois das festas tiñamos que ir cear á súa casa. Niso quedamos. Mais… xa non houbo cea. A principios do mes de xaneiro, se non me trabuco, Moraima falecía. Unha das súas netas comunicóunolo por teléfono. Nunca esquecerei ese día, ese intre e os que viñeron despois.
      Moraima foi unha muller de forte personalidade, cun corazón tan grande que nel cabiamos moitas persoas. Unha muller que non deixou de amar endexamais. Intelixente e aguda. Elegante, con moita clase. Alguén que axudou a Celso Emilio a ser o que foi. Un ser inesquecible.
     
     Xa non está. Porén, dende as fotos que hai dela na súa casa, témola presente e querémola cun amor desinteresado e infinito.

     

     Ter compartido tanto con Moraima é un deses agasallos que a vida che dá.

                                                                                                   ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO