Páginas

viernes, 22 de diciembre de 2017

LECTURAS E CANCIÓNS PARA OS MÁIS PEQUENOS



Non  sobran, nin moito menos, as publicacións para os maís pequerrechos. Non é nada doado escribir e debuxar libros de calidade para estas idades.
    Como estamos nas festas de Nadal e axiña virán os Reis ou o Apalpador, Versos e aloumiños, ofrécevos algunhas novidades que farán a delicia dos pequenos, sempre e cando lles transmitamos ese amor polos libros e realicemos ese acto entrañable de compartir personaxes, historias, ilustracións con eles e elas.

     


     Por exemplo, se os pequechiños han de deixar xa os cueiros, o chupete ou teñen que vencer o medo á escuridade, Emilia Rebumbio (que é o nome dun grupo de creativos que soñan e son un pouco nenos), coas ilustracións de Irene Sanjuán, dan vida aos Wombis. Editada por Galaxia, Os Wombis é unha colección de libros que contan a historia destes simpáticos animais que se embarcan en centos de aventuras para axudar os nenos e as nenas do mundo nas súas primeiras etapas.
     Tres son os volumes que acaban de aparecer: Os Wombis e a escuridade, Os Wombis e os chupetes e Os Wombis e os cueiros.


     


     Anxo Fariña é o creador de Gliz e a familia Nube. Unha familia composta por Nubenai, Nubebebé, Nubepai, Nuba e Nubo. Gliz é un pastor de nubes. Por iso coida moi ben dos que viven na súa casa. Failles a comida, dálles menciñas cando están enfermas, lelles contos cando van para a cama…e viven moitísimas aventuras. Libros de pequeño formato, con moita cor e uns personaxes tenros e aventureiros á vez. Levan estes libriños un xogo de buscar obxectos, animais… nunha páxina  e ao final do libro hai dúas para colorar e inventar, se cadra, novos personaxes.
     
Para colorar

     Saíron do prelo dous volumes: O pintor de cores e Onde está Nubebebé? Non fai falta dicir que Anxo Fariña ilustra e escribe estes libros atraentes para os máis pequenos, editados por Edicións Xerais.




     Mamá Cabra aparece felizmente nesta época. Gloria Mosquera Roel e Tomi López Serrano, coas fermosas ilustracións de María Lires, agasállannos un libo ben especial: Eu cociño, ti cociñas? Canción fermosas que son receitas, con letras de María Canosa, música de Gloria M. Roel, quen tamén é a autora da letra e da música das tres derradeiras cancións.
     Dicir a relación que existe entre este proxecto e o que desenvolven no CEIP de Sigüeiro (Oroso, A Coruña) as mestras María Salgado e Pilar Rivas. Ambas mestras levan a cabo un fermoso labor, un proxecto escolar cos nenos e coas nenas de 2º Ciclo de Educación Infantil. Eu cociño, ti cociñas? é unha proposta metodolóxica innovadora onde a cociña e a alimentación saudable se converten no medio perfecto para traballar diferentes aspectos curriculares e desnvolver as competencias básicas do alumnado.
     Ben pois a cantar, a cociñar e a gozar con ledicia deste libro-disco que, como non podería ser doutro xeito, fará a s dlicias de pequenos e maiores.

Está editado pola Editorial Galaxia  na súa magnífica colección Sonárbore.




                                                                                                       ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO