TÍTULO: Álex e o rato de corda.
AUTOR: Leo Lionni
EDITORIAL: Kalandraka. Colección: Tras os montes.
A editorial Kalandraka seguindo co seu necesario labor de
recobrar clásicos da literatura infanto-xuvenil, achégalles aos lectores para
goce de pequenos e maiores esta fermosa e tenra historia de amizade do recoñecido
deseñador gráfico, pintor, ilustrador e escritor de libros infantís Leo Lionni, creador do entrañable Frederick.
Álex e o rato de corda foi editado por primeira vez en 1969 conseguindo a Medalla de Honor Caldecott, un dos prestixiosos premios estadounidense
dedicado á LIX. Agora podemos lelo en galego grazas á tradución de Xosé Manuel
González “Oli”.
Álex e o rato de corda é unha fábula a través da que o autor pon de relevo a
importancia da amizade e do que esta significa coma compoñente imprescindible
para ser feliz.
Álex é un rato
que vive dentro dun burato nunha casa, onde todos os seus membros berran e
tiran cousas diferentes cando o miran roldando e apañando migallas.
Un día descobre a Guille, un rato mecánico que habita no cuarto da pequena Ana. O feito de que sexa un xoguete non lle impide a Álex iniciar comunicación con el, e o que comezou coma algo casual, axiña se vai converter nun encontro diario onde cada un dos ratos vai debullando e compartindo anacos de felicidade. Ata tal punto que como a vida de Guille parece máis cómoda ao sentirse querido, Álex decide ir na busca dun singular e misterioso lagarto, que ten o poder de transformar os animais no que queiran.
Pero o destino
gárdalles unha sorpresa aos dous ratos e así descubrirán que hai cousas que non
son efémeras nin pasan de moda para poder ser tiradas ao lixo, senón que son
duradeiras porque están sustentadas no amor, no respecto e na solidariedade.
As magníficas
ilustracións cheas de luz e a base de fermosas colaxes dotan de vida aos dous
protagonistas e espertan a empatía dos máis pequenos.
ALBA PIÑEIRO