Pon sempre o dedo sobre
a chaga. É reflexivo. Ten criterios de seu e dunha amplitude ben grande.
Dá gusto conversar con el. Ten moito que
aportar a esta sociedade que anda tan despistada. Preocúpalle o ser humano.
Faise preguntas, busca respostas. Sacode a realidade. Ama a literatura.
Manuel Veiga Taboada,
de novo en Versos e aloumiños. Coa súa prosa, tan limpa coma punxente, expón a súa preocupación pola falta de
protección que a infancia ten diante do brutal consumismo no mundo que vivimos.
Nada sobra. Nada falta. Unha vez máis un
texto intelixente.
Leámolo coa atención que merece.
Quen
protexe a infancia da presión consumista?
Manuel Veiga Taboada
Creo que foi nos anos sesenta cando os
dereitos da infancia, sobre todo a través das Nacións Unidas, comezaron a ser
proclamados e defendidos en todas as esferas públicas. O camiño percorrido
durante o século XX foi longo e importante, marcado sobre todo pola eliminación
do traballo infantil e polo ensino obrigatorio. Tamén pola importancia que se
lle empezou a dar á alimentación dos menores (até ese momento a persoa
privilexiada da familia era o pai, coa xustificación de que realizaba un maior
esforzo físico).
Chegada a década dos setenta, comezou tamén a terse en conta, non só a
cantidade, senón tamén a calidade dos alimentos que consumían os nenos. Eu
tiven aínda compañeiros de primaria que almorzaban con viño e que incluso
tomaban unha ou dúas copas de augardente antes de chegar a clase. Dicíase que
daba enerxía e axudaba a entrar en calor.
A mellora xeneralizada da
economía e do nivel cultural deu lugar igualmente a unha evolución dos xogos.
Hoxe xa non se cre que os nenos do meu tempo xogásemos libremente con escopetas
de balotes ou con arcos que disparaban frechas afiadas de metal, feitas con
varas de paraugas, e que o máis común era organizar dous bandos e enfrontarse a
pedradas, sen que mediase discusión ningunha, simplemente por divertimento.
As xeracións un pouco anteriores á miña xogaban coa pólvora que quedaba
nos foguetes das festas xa usados ou machucando o contido dalgunha bala que
encontraran pola casa e que trouxera algún familiar da guerra. En cada
parroquia ou barrio había cando menos un neno que perdera un ollo ou varios
dedos.
Na actualidade, a protección da infancia céntrase na prevención e
condena dos abusos sexuais, sobre todo sobre as nenas, moitas veces cometidos
por familiares. E, nun número menor de casos, tamén sobre nenos que conviven en
seminarios, colexios ou entidades deportivas.
Este problema, moi presente nos medios, recibe ás veces un tratamento
exacerbado e sensacionalista. Por ter lugar en esferas privadas ou semiprivadas
resulta difícil case sempre coñecer os feitos e polo tanto xulgalos. O que
prima, en todo caso, é a protección do menor, sobre a presunción de inocencia.
Un asunto xuridicamente delicado.
Sen embargo, a sociedade actual non protexe os nenos noutro aspecto
importante e sobre o que non sería difícil lexislar. Refírome ao consumismo.
Coñezo a nais que limpan casas e aforran para comprarlles aos seus
fillos vídeo consolas. Pero os aparatos e a oferta cambian constantemente. Os
nenos, seducidos pola publicidade, acaban converténdose en tiranos fronte os
seus proxenitores que se senten desprazados.
Os agravios comparativos entre uns nenos e outros e a presión ambiental
que se xera acaban adquirindo tons moi graves, sen que o asunto pareza
preocupar ás institucións. O Estado non se atreve a afrontar o problema do
consumismo –limitando, por exemplo, a publicidade dirixida aos nenos– para non
danar os beneficios de certas empresas.
No caso das familias formadas por inmigrantes, o problema é xa acentuado,
en moitos casos irreversíbel. Moitos deses nenos formarán dentro de cinco ou
dez anos, esa xeración de delincuentes que xa existe en Francia. Fillos de
inmigrantes sen futuro, aditos ao consumo desde que naceron. Sometidos a unha
presión tan forte como a que xeran as drogas máis coñecidas.
Pero
tamén as familias integradas e con máis medios económicos e culturais teñen un
problema. A presión consumista sobre os menores de idade xera distorsións sobre
os valores a respectar, a educación do esforzo e a capacidade de concentración.