Se
alguén como Toño Núñez, cando che
dedica un libro, di que es un espello para el, ademais de sentirte raro, pensas
que o que levas escribindo ao longo de tantos anos pagou a pena.
Se cando o coñeces e compartes un café (ou
o que sexa) con el en Vitruvia te decatas de que hai unha calor humana que nos
une, a satisfacción que te invade chega a converterse en felicidade infinita.
|
Con Toño Núñez en Vitruvia |
Toño Núñez ama fondamente a palabra
poética. Ama cada unha das cousas que o rodean. Ve e sente a paisaxe como algo
tan de seu que non pode prescindir dela de ningún xeito.
Toño Núñez contaxia amor moi intenso por
aquilo que merece ser amado. Como di Armando
Requeixo no limiar do seu libro Poemas de Amor en Outono, “leva a luz de Vilameixide nos ollos. Hai na
súa escrita un lentor antigo, como se seculares espectros lle habitasen a
memoria e cangase ás súas costas un Freixís antigo, perdido na néboa do Tempo,
ese Tempo que en Navia de Suarna se
fai río de pasar demorado, vagantío, case eterno”.
Así é. Sabias palabras do amigo que
reflicten a psicoloxía persoal e literaria de Toño Núñez.
Cando recibín Poemas de Amor en Outono
sentín que me envolvía un sutil manto de enerxía colorista. Lírica intimista que emociona polo amor que
desprende (a todo) e polo compromiso coa honestidade vital, pola denuncia e
pola evocación de diferentes abandonos.
Un
emociónase con versos coma estes:
Fun
pasando páxinas
do
libro dos días.
De
contido cumprido xa.
E
final incerto.
Engordiño.
Non hai présa.
E
aínda me sorprendo.
Como
facía de neno.
Porque
ti segues aí.
Quentando
os meus invernos.
A
pesares das miñas teimas.
Hai
luz na palabra de Toño Núñez. Luz cálida, amarelecida polo tacto das mans que
acariñan. Ateigada de presenzas certas que lle dan consistencia. Hai emoción.
Hai latexos.
De aí que hoxe poidamos lela e gozala.
Palabra de poeta total.
Un poeta que se nos presenta do seguinte
xeito:
|
Toño Núñez |
Eu son Toño Núñez.
Nacín en Navia de Suarna (Lugo), unha
pequena, pero fermosa, vila que padece de ausencias aló, ao pé da serra dos Ancares. Vila que
aloumiñan as augas puras do río
que a traspasa e nomea: o río Navia. Alí, onde Galicia colle da man as veciñas
terras de Asturias e León. Disto
hai, xa, máis de medio século. Mais, boa
parte da nenez paseina nunha humilde aldea: Vilameixide.
Si, son da aldea. De neno
alindei vacas, comín cereixas nas cerdeiras, escoitei contos na lareira
e o cantar dos carros, impregneime do
olor da herba seca… E apañei amorodos nos
prados... Aínda que agora vivo na cidade… ai… os amoriños primeiros… son moi
malos de olvidadare…
E mentres alindaba as vacas, soñaba… Quixen xogar no real
Madrid. Como Amancio. E non pasei do Iris de Magoi. Quixen ser cantante de
orquestra. Como Pucho Boedo. Pero só canto en dous coros. Quixen casar cunha
rubia… E casei cunha morena…
Mais, hai anos que a vida me trata ben. Moi ben. Cobro
nómina de mestre e, dende rapaz, teño “ínfulas literarias”, como dixo de min un
respectable señor. Escribo moi pouco e con moita desorde e descontinuidade.
Pero, de certo, escribir, como e cando me peta, é, esencialmente, unha necesidade.
En chegado ao outono da vida, conseguín autoeditar un libro moi importante para min: Poemas
de Amor en Outono, acompañado dun dvd con 16 videopoemas. Un libro de celebración e de recolleita. No 2005
publicara Navia, nai, outro fito na miña escasa produción literaria,
produción que inclúe unha gavela de relatos e de poemas que aparecen inseridos
en publicacións colectivas e revistas. Amais, teño uns cantos títulos
publicados para nenas e nenos: O
soño de Ánxela ( Everest Galicia), O señor mago e a folla ( Everest
Galicia), Macedonia de froitas (Ir Indo), As cores da vida (Ir
Indo), Amores de gato e rato (Kalandraka), O pirata Metepata (Baía),
O
monstro dos Ancares (Galaxia), Mago Goma (Kalandraka) e De como Chispo, o esquío, puido co frío
(Galaxia). Tamén me gusta moito escribir, moi de cando en vez, artigos de
opinión.
En fin… Son un home.
Un poeta, un home, que escribe para Versos e aloumiños este fermoso poema.
|
Rodeira. Foto de J. Albertos. |
Rodeira
Ao lonxe,
a tardiña vén
morrendo
no colo da ría.
E as gadoupas do
mar
adurmiñado
tecen presaxios
de derrota.
Que sempre
chega.
Nesta beira,
as ondas
esfarélanse
mansas.
E arrolan o
lombo
deserto
do areal de
Rodeira.
Morreu o solpor.
Quedei só.
Amo a soidade
escollida.
Mais…
Como doe a
soidade!
Cando fai
ferida.
Así,
diante da chaira
líquida,
o home (eu)
é un
nanoargueiro
ensimesmado.
Prepotente.
Interesado.
Que debulla
amenceres
incertos.
E mastiga
proxectos.
No porto,
os vagalumes
urbanos
do aire
pintan grilandas
de neón
no pelo da auga.
O mar
calmo,
ese monstro
aletargado,
espreita.
Nun xesto
temerario,
fixo os meus
ollos
nos ollos
negros
do mar. Son
fermosos
Como ollos de
muller
meiga…
Como engaiolan
eses ollos!
E fico así,
cativado,
un tempo sen
medida.
Á deriva…
De súpeto,
uns foguetes
intrusos
feren a noite.
Que medra.
E estragan a
maxia
sublime
do momento.
En Darbo hai
festa.
Non corre o
tempo.
Receosas,
unhas campás
tocan
o tango
azul
da despedida…
|
Festa en Darbo |
Mañá,
volverá
o balbordo de
pés
nómades
en peregrinación
cerimoniosa
a ningures.
Na procura dun
futuro
insondable.
E debuxarán
mosaicos
de pegadas
efémeras
na alfombra
húmida
de area.
Para que xoguen
as ondas
nenas
a borralas
do mapa.
Mañá,
no Forte,
alguén quentará café.
E encetará,
con maniotas de
desamor,
unha nova
singradura.
Mañá,
nas Pontes,
onde morre o
Bouzós,
as gaivotas
espreguizarán
a mañá.
E expurgarán,
na baixamar,
o areal
lamacento.
Na procura das
pegadas
inmorredoiras
de María
Soliña…
Xa non estou só.
A son do Pirulo,
dous corpos
famentos
devóranse
tenros.
Eu morro de
envexa.
Onde van
aqueles tempos…
Badalada a
badalada,
eu morro…
Mañá,
erguereime con
mal sabor
de boca.
E pensamentos
parricidas.
Mañá,
cando o lea,
poida que
asasine
este poema…
Mañá…
Toño Núñez (Cangas do Morrazo,
xullo de 2016)