Páginas

miércoles, 23 de noviembre de 2016

UNHA MENSAXE QUE DICÍA: "Ha muerto Leonard Cohen"

Leonard Cohen en plena actuación


Eran as tres da mañá e estaba sentado na cama lendo a extraordinaria novela de Antón Riveiro Coello, Laura no deserto.
     Sentín unha chamada na miña tableta. Ao principio non lle fixen caso. Seguín mergullado nestas memorables páxinas nas que Laura vai tecendo a súa desmemoria.
     


     Antes de apagar a luz botei unha ollada ao iPad. Había unha mensaxe do meu fillo, que vive nos EE UU, tan conciso coma demoledor. Dicía unicamente: “Ha muerto Leonard Cohen”. Fiquei abraiado, doído, desconcertado.
     Unhas horas antes estivera falando co meu amigo Anxo Cabada sobre as idades dalgúns músicos. Comezamos por John Mayall (a razón da conversa) e rematamos con Leonard Cohen. Grandes músicos con máis de oitenta anos, dixemos. Foi un aviso? Un presentimento?
     

     Tras a noticia pasaron pola miña mente moitos feitos relativos ao poeta canadense. Reparei nos anos que levo abeirado á súa música, as discusións de hai certo tempo con persoas que dicían que o seu estilo era deprimente, monótono, que non cantaba, que aburría… Lembrei a emoción que me produciron hai ben anos (e seguen a producirme) as descubertas de”Suzanne” e de “Bird on the wire”. Logo virían todas as demais. Lembrei a paixón compartida con el por García Lorca, o concerto de Castrelos no 2009, as horas sentado nun sillón, en soidade, deixándome levar por esa voz grave , envolvente, que soaba no medio dunha música celestial.
    
     E tantas outras cousas.
     
     Ao día seguinte volvín escoitar o testamento musical que nos deixou con ese precioso  e doente “You want it darker”, producido polo seu fillo Adam, co que te transporta a espazos sen lindeiros. Murmurios envoltos nunha música (cordas, coros…) marabillosa ; murmurios dun home que sabía xa a morte preto.
     
     Un home, Leonard Cohen, ben singular, que como di Luis Lapuente “buscaba  a luz penetrando máis e máis na escuridade”. Un home cunha vida na procura de si mesmo que se illou do mundo en Hydros, que se agochou entre as sabas do Chelsea Hotel ou que ingresou nun mosteiro budista para atoparse. Un home que nos inxectou emoción con cancións de amor e odio, que nos convidou a vellas cerimonias falándonos dunha nova pel; un home, en definitiva, como di Lapuente, “atrapado entre os seus desexos carnais e os seus demos espirituais, luzadas de silencio que nos lembran a nosa condición mortal, agora que el, tamén el, nos abandonou e só nos quedan as súas cancións”.

     Pois ben, deste visionario fun ao longo do tempo recollendo algunhas das reflexións que ía lendo en xornais ou revistas. Unhas reflexións poéticas, críticas, cheas de ironía e case metafísicas. Unhas reflexións ben preto do ser humano e das súas circunstancias.
     
     Un  Leonard Cohen auténtico dando pistas para que pensemos.
     
     E aquí están tres delas. Pensamentos que quero compartir cos lectores do noso blog-revista. Paga a pena deterse neles para sentir a intimidade dun home tan grande.
     
     Que vos interesen é o desexo de quen isto escribe.
   
     

     “A historia e o tempo fan á poesía obsoleta, agás as grandes obras. Eu non estou interesado na posteridade, que é, como alguén dixo, unha pálida forma de eternidade. Gústame escribir cousas que teñan unha proximidade horizontal, non cousas que vaian perdurar. Non estou interesado nunha póliza de seguros para a miña obra.”


     
     “Eu non establezo criterios para a felicidade; a min simplemente me gusta cantar, pero non quero crear un programa a través da miña música. Quero poñerme en pé, cantar a miña canción e volver sentar e escoitar os demais.”


     
     “Un sabe cando é feliz. Falouse demasiado sobre a mecánica da felicidade: a psiquiatría, as pastillas, pensar en positivo, a ideoloxía… Pero eu creo que o mecanismo xa está aí. Todo o que hai que facer é gardar silencio durante uns intres e un se decata de onde se atopa.”

     
     Quero rematar este texto cunha canción que sempre me emocionou:  “Bird on the wire”, que Cohen interpreta no concerto de Londres de 2013.





                                                                                                      ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO