Páginas

jueves, 3 de noviembre de 2016

"A BIBLIOTECA NO SEU DÍA", SEGUNDO DAVID OTERO




David Otero é unha desas persoas críticas, anovadoras, cun espírito de loita descomunal. Capaz de escribir unha obra máis que interesante e cunha prosa moi intelixente , vai marcando os treitos que conducen a unha mellor consideración da literatura e, xa que logo, da vida.

     Inquedo ao máximo, leva ben anos “escribindo no aire”, segundo unha expresión súa que o leva a falar e vivir a liberdade.
 
David Otero
     No “Día da Biblioteca” escribiu este texto. Un texto cargado de verdade e de ironía que se fai necesario nestes  “tempos de ignominia”, que diría José Agustín Goytisolo. E tan necesario, pois estamos a vivir unha situación que nos empurra a dar as costas á decencia, á solidariedade, á xustiza social, ao humanismo…non sigo!
     
     De aí, a importancia da lectura, da literatura, do saber, das artes.
     
     Talvez non sexa suficiente, pero a cultura é algo polo que debemos loitar. Non podemos permitir que nola rouben e quede reducida a bonitas palabras sen consistencia.  Xogámonos moito nesta loita e a Biblioteca ten que ser ese lugar que nos axude a prender o lume  da forza que precisamos.

     
     Grazas, David, por seres guía e lembrarnos todo isto sen renuncias.



         
                      A BIBLIOTECA NO SEU DÍA
                                                       
                                                                  
                                                                                        DAVID OTERO



Nós andabamos por libre, cóntanme unha lectora e un lector.Cada un polo seu reconco. Pensabamos que a lectura era cousa de soidades consentidas.
     Mesmo daquela pensabamos que así estabamos ben coas nosas lecturas. E non. Pois, sen saber unha do outro, entramos na biblioteca e atopamos moitas “ elas” e moitos “ eles”coma nós. Atopámonos.E agora desexamos fondamente sabernos “nós” consolidados ( que de verdade aínda falta, leva os seus momentos).
     

     E así foi como nos lanzamos,Botámonos polos tantos mundos. Os das e dos que nos metéramos na rolda aquela tan primorosa de lectoras e de lectores.Tamén o fixemos polos tantos mundos dos libros.E así se foi creando, vaise creando, un mundo xigante de mundos. Universo de nós. Todo o fixemos porque nos petou. Cos libros. Na biblioteca. Coas bibliotecarias. Para así instalarnos mellor fóra, nas rúas, nas casas e nos nosos propios lugares de nos atopar para vivirnos íntimamente tantas cousas. Tanta vida.

     Notamos que as nosas experiencias collían máis de moito para encher as nosas vivencias de amantes e de amados. Por iso sempre volvemos ao facer ourado de ler e da lectura. Ao prateado inmedible dos libros. Na biblioteca. Nas Bibliotecas. Alí recordamos con gusto os tempos de ir por libre, que non eran feos, pero estes momentos de arestora, os de nós, na biblioteca sobre todo, vannos de moi ben.
     

     Tanto que nos colocan, que nos poñen , xusto e máis no que desexabamos.
A biblioteca deixou de ser ese lugar de baleiros feitos silencios a palabrapouca, a curtapalabra.

     Volveuse unha festa popular interminable.Xa que logo culta. Menudo amor alí. Na casa de libros e de lecturas  (dunhas, que tamén hai outras que non se fan alí). Lavabos de certas soidades asumidas agora liberadas. Espazo no que avanzar e conquistar. Pintando e repintando. Sabendo que pintamos. Facendo e refacendo. Soñando e desexando.
     
     Que é dicir sentindo. Que é dicir comunicando.        
     Que é dicir.



   
Con David Otero en Compostela