Cando
lin Galería
de saldos, fiquei abraiado. Tiña diante miña un libro de relatos
potente, duro, orixinal no seu planteamento e que sentín coma unha frecha
directa ao centro dos sentidos.
Decateime axiña que estaba diante dun
escritor sólido.
Así considero a Diego Giráldez, o seu autor.
Diego Giráldez (Foto de María Díaz) |
Acaba de demostrar que é un escritor de longo percorrido, que ten moito que dicir (algo que non se pode afirmar de todos os escritores), porque é quen de dotar aos seus personaxes dunhas vidas ásperas, co fracaso por diante, rabuñando a mala sorte, as frustracións, os desamores ou a violencia e sentir que os podemos tocar, abrazar ou compadecernos das súas circunstancias. Seres que están á nosa beira, que vemos pola rúa sen reparar neles e que, se os coñeces, podes identificarte perfectamente con eles. Ai, o poder da escrita intelixente!
Encantoume este libro. Pasa a ser un dos meus favoritos. Un deses volumes dos que botar man, nun determinado intre, para falar da boa literatura que se fai en Galicia.
A ninguén pode estrañar, pois, que lle
solicitase, dende Versos e aloumiños,
un texto para a nosa sección A LUZ
DAS PALABRAS.
Diego Giráldez, cunha xenerosidade enorme,
accedeu á petición e nós temos hoxe a satisfacción de que poidades ler o seu
texto no noso blog-revista.
É algo para gozar.
QUEN É DIEGO GIRÁLDEZ ?
Diego Giráldez (O Porriño, 1976). Licenciado en Historia
da Arte, exerceu o xornalismo en distintos medios escritos e dixitais.
Durante cinco anos, traballou na redacción
do xornal A Peneira dirixindo unha das súas cabeceiras comarcais e
coordinando o seu suplemento cultural, Kalaikia.
Ao tempo, colaboraba como columnista de opinión cos xornais A Nosa Terra e Xornal de Galicia e a través de
reportaxes culturais coa edición galega de El
País.
Na actualidade, escribe no diario Praza Pública e na revista Luzes.
Ten varios libros publicados (poesía, arquitectura, historia,…), fundou e
dirixiu a revista Malladoura
e hoxe en día dirixe o CanZine,
publicación oficial do Festival de Cans.
É autor do libro de relatos curtos “Galería de saldos” (Edicións Xerais, 2016),
que está a ter boa aceptación por parte de público e crítica.
En
2010, recibiu o Premio Literario “José Saramago” de relato curto. En 2011,
no Porriño, concedéronlle o Premio Círculo “Cultura”. En xaneiro de 2016,
fíxose co primeiro accésit do certame “Modesto R. Figueiredo” e en maio deste
mesmo ano gañou o premio literario “Manuel Murguía”.
Persianas
Diego Giráldez
Hai poucas técnicas de iluminación máis
eficaces que modular a luz dun cuarto coa persiana. É o mellor xeito de
ecualizar a comodidade cando precisas illarte. Calibrar a persiana para
iluminar un cuarto é un instante decisivo. Por iso hai quen antes de coller a
fita para tirar dela, cuspe nas mans e despois frótaas, coma un ximnasta unta magnesio nas súas antes de subir ás
paralelas. Tamén están os que prenden un cigarro e aspiran cos ollos pechados,
concentrados, para lograr a perfección. A dispersión é o anticipo dun fracaso e
o cigarro estabiliza. A persiana responde.
A doce sensación conséguese se, coa destreza coa que se ten que cociñar un souflé, conquistas a luz para que baile
coas sombras. Para iso, hai que saber as fendas que trae de serie a persiana e anotar
nunha libreta o número das que quedan abertas cando a luz é a perfecta, cando
notas que a iluminación se engancha a ti. Aí, normalmente, suspiras emocionado
e suando, porque acabas de conseguir a canasta da vitoria no derradeiro minuto
e dende o medio da cancha. Algo así. Ao día seguinte, logo do esplendor, conformista, izas a persiana tarareando un
toque de retreta.
É curioso comprobar como as persianas, ademais, redecoran os cuartos. O
meu, por exemplo, directamente roubado dun escaparate de Pórtico, cun lenzo que
é unha copia dun Gauguin que me regalou un artista local e un edredón en
homenaxe a todas as cores de Taití, cambia segundo a luz que a persiana deixe
pasar. Os obxectos alcanzan o sentido común. Sobre a miña cómoda, que é onde
baleiramos a alma diariamente, como deixándoa caer, hai un xoieiro, un marco
cunha foto familiar, un bote coas cinzas da miña tía Carlota e un pin dos Xogos Olímpicos de “Seul 88”.
Eran obxectos inútiles ata que a persiana decidiu xogar a reconstruílos. Agora
son de cor e falan.
Nas cidades tristes, tamén os mendigos durmen a carón de persianas. Pero son metálicas e incontrolables. Suben e baixan de xeito automático logo de que un comerciante –normalmente con bisoñé- xire unha chave. Ese tipo de persianas son insolentes coma unha canción do verán. Non frean nin modulan a luz dos escaparates. E os mendigos durmen cunha luz imposta. “Unha vez que te acostumas, xa está”, díxome un día un que me emprestou unha moeda para tabaco.