Páginas

viernes, 6 de mayo de 2016

A AUGA LIZGAIRA DE PACO MARTÍN : "AIRES, MULLERES E CORTESÍAS".

Paco Martín




















     De novo, a auga lizgaira de Paco Martín nas páxinas de  Versos e aloumiños. E nun artigo no que, citando a don Álvaro, pon o dedo na chga desta terrible realidade que é a violencia de xénero.

     Un pracer ler os seus artigos.
     Paco Martín é un clásico das nosas letras e dá gusto saborear a súa palabra en todas as ocasións.





                                   Aires, mulleres e cortesías

                                                                     Paco Martín

         Don Álvaro Cunqueiro, o mestre imperecedoiro, na introdución que fai en As crónicas do Sochantre para nos debuxar ós lectores a Bretaña na que se desenvolve a novela –nación de doña Ginebra, mi ama, que ten alí un pazo, dúas roseiras i un reiseñor, como dixera xa no Merlín e familia- escribe: Os vivos en Bretaña coñecen si os áers que corren son difuntos ou non, e quítanlle o sombreiro a unha brisa de maio, porque aduviñan que é a fermosa Ana de Combourg que pasa sorrindo por entre as ponlas verdes das abidueiras. Mozos hai que se namoran dun áer...
         

         E quen está a ler, fóra de cal sexan a súa idade e condición, fóra do lugar e do tempo no que o faga, ten que erguer a ollada do libro e pechar as pálpebras para saber do case imperceptible murmurio que treme, errabundo na longura sutil do aire, mentres agarda o merecido respecto dun saúdo galante.
         
         

     
Cito agora aquí a palabra escrita do xenial Cunqueiro porque, mentres lembraba estas cousas e andaba a navegar por internet á procura de certa información que precisaba, fun dar, sen pretendelo, nun lugar no que aparecían as cifras arrepiantes dos casos de mortes violentas de mulleres pola man covarde de homes que eran, ou foran algunha vez, a súa parella. Non puiden menos que preguntarme se tamén por estas nosas terras correrán aires defuntos que poderían ser a fermosa Ana -ou María, ou Pilar, ou Inés- asasinada, que pasa coma un salouco por entre os arames armados coas aguzadas espiñas da incomprensión e o desprezo.

         
         E, se cadra, si que corren e non nos paramos a saber deles. Non pido que outros o fagan, pero eu, por se acaso, penso hoxe quitar o sombreiro da miña solidariedade todas cantas veces crea que debo incluír no meu respecto ás mulleres vivas a consideración que aqueloutras tamén merecían e, desgraciadamente, nunca tiveron.