Páginas

jueves, 14 de abril de 2016

PAPEIS RECOBRADOS (6) . Trobalinguas e Trobapaz : emoción en varias linguas


   Foto de Anxo Cabada



Vivín a experiencia do Trobalinguas. Percorremos moitos puntos de España e de Portugal deleitando cos nosos versos diferentes e creados dende o máis fondo dos nosos sentimentos.

     Despois veu Trobapaz, poemas en relación cos diversos conflitos bélicos e sociais que sufrimos. Algúns anos despois, todo segue, por desgraza, vixente.

     De aí que recobremos este texto que conta algo do vivido. Paga a pena coñecelo e comprender que ese debe ser o espírito que prevaleza.

     Foron dúas experiencias emocionantes.







                                          TROBALINGUAS: EMOCIÓN EN VARIAS LINGUAS



     Son uns proxectos engaiolantes, necesarios. Son eses proxectos que fascinan polo que teñen de emoción, de sorpresa, de vida. Estou a referirme a Trobalinguas e a Trobapaz. O primeiro, lectura de poemas nas catro linguas do Estado, foi. O segundo, lectura de poemas en cinco linguas (as catro mencionadas máis o árabe), é agora mesmo. Ambos os dous serán para sempre, porque estas actividades tan enriquecedoras non morren endexamais e deben permanecer na memoria colectiva.
O primeiro, Trobalinguas, cumpriu o seu ciclo tras aterrar felizmente en moitos puntos da xeografía española, e mesmo de Portugal. O segundo comezou a súa andaina – xa houbo tres recitais – e, supoño, terá longa vida.


     
     Hai unhas semanas Trobapaz celebrouse en Madrid. Cun fermoso libro deseñado por Tesa González e baixo a experta dirección de Sara Moreno, impulsora destes proxectos, deixou no Centro Galileo toda a súa maxia. Resultou un acto emotivo, marabilloso que reuniu moito público arredor da palabra poética recitada en sete linguas: galego, castelán, catalán, éuscaro, árabe, inglés e chinés. En efecto, os poemas de Miquel Desclot, Juan Kruz Igerabide, Ana María Romero, Abdul Hadi Sadoun, ademais dos meus, emocionaron, unha vez máis, as persoas que encheron o centro cultural. Un pensa que as linguas deben sumar, convivir en igualdade e harmonía; que todas son moi necesarias e que é un auténtico xenocidio cultural discriminar e afogar as linguas minorizadas.


     
     E así o demostrou o público asistente cos seus aplausos e apertas emotivos, seguindo os poemas nos diferentes idiomas, mercando o libro e solicitando dedicatorias ao rematar o acto. 
     Trobapaz é un proxecto concibido arredor da poesía e contra a violencia nun mundo inxusto e convulso. Afirma Sara Moreno, no prólogo do libro:”…pregúntome por que eliximos este nome e non trobaguerra pois todos os integrantes do proxecto nos declaramos en pé de guerra. Non só contra os monstruosos conflitos que destrúen, en gran beneficio duns poucos, dos de sempre, dos que non precisan máis bens materiais, tamén en contra das pequenas guerras, ou grandes, do noso redor, intolerancia, segregación, violencia, inxustiza, racismo, analfabetismo (…). Semella unha loita inútil despois de tantos séculos de repetir unha e outra vez a mesma cantilena para aparentemente non avanzar. Nós pensamos que é unha marcha lenta pero segura”. 
     E eu engado a todo isto que a palabra literaria tenta asumir responsabilidades. Primeiro, dende a ética; despois dende a literatura en si mesma.
    

     Antes que nada debe ser literatura. A orde non importa, pois deberían estar tan identificados estes conceptos que terían que se fundir nun único obxectivo: o realce do literario e o seu compromiso artístico.

     Vexamos como mostra algúns versos escoitados en Madrid:
 
Miquel Desclot

     Di Miquel Desclot: tots som l´insomni,/ tots som el plor;/ tots som la cendra,/tots som la pols./Hi ha, doncs, cap solta/enllá de tots?  (todos somos o insomnio,/todos somos o pranto;/todos somos a cinza,/todos somos o po./Logo, hai sentido/alén de nós?

Juan Kruz Igerabide

     E Juan K. Igerabide deixa versos coma estes: Berunezko gudaritxoak/ttapa-ttapa dobiltza./Haurrik gabeko kaleetan,/zanpa-zanpa bizitza. (Soldadiños de chumbo/percorren a avenida/pisando os indicios,/ de nenos e vida.)´

Ana María Romero Yebra

     E Ana María Romero escribe nun poema: Eres un niño del hambre/con piel negra o con piel blanca./Ligero armazón de huesos/y el vientre hinchado de nada.

En árabe, Abdul Hadi Sadoun déixanos: Toma un pouco de cor verde/-dille ao guerreiro-/toma un anaco de veludo,/ esquece o fusil/ e pinta nas árbores/todos os muros queimados da terra.
 
Abdul Hadi Sadoun

     Eu, seguindo a música que felizmente puxo Paco Ibáñez ao meu poema, leo, canto e pregunto, entre escéptico e esperanzado: Que ocorre na terra?/ Que ocorre, rapaz?/ Se son pesadelos,/ eu quero espertar.



     A forza da palabra literaria, a denuncia literaria dende a poesía, os desexos literarios de xustiza voaron durante máis de hora e media no ceo de Madrid. Foi unha experiencia excitante, ademais, poder escoitar poemas en inglés e, sobre todo, en chinés. Un fermoso agasallo que non se dá a miúdo.
E mentres vexo fotos e lembro o acontecido nun acto singular, déixome levar polas cancións dun home excepcional que nunca baixa a garda en ningún sentido: Luis Eduardo Aute quen, coas cancións do seu novo disco, Intemperie,  vai pousando en nós  unhas letras intelixentes molladas en melodías variadas, ricas e próximas aos sentimentos dos seres humanos.
Unha delicia.



                                                                                                     ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO