Páginas

miércoles, 30 de marzo de 2016

ESCAPARATE POÉTICO (LXXVI) Manuel Rivas







                                MANUEL RIVAS  (A Coruña, 1957)





O PRIMEIRO  MAR


Manuel Rivas
A onda non desandará o seu camino
Sabe que o mellor dela
Agarda na rompente
Da pantalla.
A conciencia é o estilo:
Non defraudar na derrota,
Caer con dignidade
Na vixilia
Da célula de primeiro mar.



O DESERTOR DA NÉBOA

Triste velocidade
Que non esconde o seu pasado,
Terra que aluca
Nas fiestras do tren
Á procura do desertor da néboa.



A CAZA
 
Ando á procura dun poema,
Un animal que aínda non existe,
Un insecto neóptero coma a preguiza.
Algo que me meta fóra,
Como un medo español.
Un poema que se agoche
Na necrose do castiñeiro santo.
Un poema que faga por min,
A primeira vez,
O nó dos zapatos.



INFORMACIÓN

A fiestra
Daba ao patio
E ollaba con fastío as outras fiestras,
A tose da súa luz somnámbula,
O código de bandeiras disléxicas na trandeira,
Mais unha radio falaba de temporal,
Cicloxénese, dixo o informador,
Cunha certa esperanza
De crear expectación.
Encontrei no espello
Un animal de compaña
Que protexer.



A CURVA

A peor ferida
É a do trazo recto.
Olla a gran cicatriz do horizonte.
A terra dá a luz
Trala curva de Cézanne.




(Do libro A boca da terra, editado por Edicións Xerais, 2015)




                               Manuel Rivas recita o seu poema "A desaparición da neve".