Páginas

viernes, 4 de marzo de 2016

" A DIFUSIÓN OCULTA DAS LECTURAS RECOMENDADAS ", UN NOVO ARTIGO DO ESCRITOR MANUEL VEIGA

Manuel Veiga. Foto de Ana Mosquera


Unha vez máis Manuel Veiga, grande escritor, enorme lector, reflexiona sobre un tema que o apaixona: a lectura.
     
     E faino poñendo o acento na importancia da  literatura xuvenil que chega ás casas. Pon o acento neses libros que, prescritos nos centros escolares, dormen nun andel para un día caer nas mans dos adultos e sorprendelos.
     
     Ese libro pode ser unha descuberta e o inicio, quen sabe!, para entender mellor a necesidade da lectura, ademais de descubrir a  súa importancia na vida de persoas que viven de costas ao fenómeno literario.

     
     Un interesante artigo que nos permite ver a outra cara dos libros, pechados no seu momento nas aulas , e que posúen vida máis alá delas.




                               A difusión oculta das lecturas recomendadas

                                                                                                                              Manuel Veiga Taboada



Percorrendo certos mercados de rúa ou de segunda man ou observando simplemente os escaparates das librarías das vilas, un dáse conta de que son os lugares onde máis libros en galego se ven e tamén que os máis representados son os de literatura xuvenil.
       
        Estar neses mercados e neses trinques é un nada desprezábel indicativo da súa importancia social. A literatura xuvenil existe e a súa presenza non é nin moito menos secundaria.
       

        Resulta evidente que este fenómeno de difusión ten a súa orixe nas lecturas recomendadas nos colexios e institutos. Pero o que quero destacar aquí é que esa oferta non queda reducida ao espazo escolar. Os libros chegan ás casas, fanse visíbeis e circulan entre a sociedade. É dicir, a literatura xuvenil –non toda ela, claro– chega, nunha segunda vida, aos adultos. E isto, en calquera sociedade, pero máis na nosa, máis tratándose de libros en galego, é importante.
       
        Sabemos que boa parte dos adultos non entran nunca nunha libraría se non é para mercar un libro escolar para os seus fillos. Sabemos tamén que eses mesmos adultos consideran prescindíbel o gasto en libros e sabemos, por último, que moitos deses adultos conservan aínda certo prexuízo contra a lingua galega: non a tiveron no ensino, non a consideran útil e, en definitiva, non a ven como igual ao castelán.



Agora consideremos outro aspecto. Por nivel económico e cultural, resulta que a lectura, en moitos casos, máis apropiada para este amplo sector social é a lectura chamada xuvenil.

Pola estrutura das frases (sen moitas oracións subordinadas, para entendérmonos), polo vocabulario (non demasiado complexo), polo recurso a unha trama clara e por outras razóns máis, resulta que unha boa parte deste tipo de literatura acaba sendo a máis adecuada para un amplo número de persoas, desas das que xeralmente dicimos “que non len”.

O único modo de que un libro, e máis en galego, caia nas súas mans é que xa estea na casa, que xa estea amortizado.

Unha tarde longa, algo que está enriba da mesa, unha lapela que fala dun tema atractivo e resulta que ese libro –obxecto estraño, ao principio– acaba por resultarlles interesante, fala do que nunca imaxinaron ou do que sabían pero nunca comentaran en público.

No que respecta á lingua, e posto que ninguén os examina e ninguén os observa, poden descubrir talvez por si mesmos que entender o galego escrito non é tan difícil e que, se che interesa o que estás a ler, avanzas sen apenas darte conta.

A literatura xuvenil utiliza, ademais, polo común, unha forma pedagóxica que a este tipo de lectores lles resulta bastante apropiada. Algúns, incluso, pode que se inicien, deste modo, no gusto pola lectura. Isto último, dependerá, claro, doutros factores: de que exista un clube de lectura na asociación de veciños ou de que teñan con quen comentar o que leron sen acomplexarse nin sentirse inferiores ou de que, simplemente, sigan encontrando os libros adecuados. Moitas veces, os fillos rematan o período escolar e non volven entrar máis libros na casa. O adulto pode sentir entón esa carencia, pero aínda así talvez non dea o paso de achegarse, el só, a unha biblioteca ou a unha libraría. As limitacións económicas e culturais son case sempre unha carga difícil de eliminar.



Mais, aínda así e con todos os matices e variantes pertinentes, creo que a literatura xuvenil está filtrándose, producindo un certo achegamento á cultura en galego por parte dos adultos. Sobre todo entre os de extracción popular, pero non só. Algunhas persoas, de clase media, perden tamén os seus propios prexuízos, ao comprobar que as novelas en galego non son propaganda política, que soan ben e que con elas poden chegar incluso a emocionarse.

Nos círculos literarios sempre se di que en Galiza non existe unha literatura popular. Pois ben, esta, cos pros e contras que se queira, podería selo. Abondaría, en moitos casos, con modificar o rótulo. Poñan popular en lugar de xuvenil e, talvez, o problema se resolva. A fin de contas, que é Memorias dun neno labrego: un libro xuvenil ou unha novela popular?