Pedro Cerrillo |
De novo, no noso blog-revista,
a palabra reflexiva, a palabra sabia dunha persoa que non debemos perder de
vista.
Sempre hai que ter preto de nós a Pedro C. Cerrillo Torremocha, porque
nos axuda a comprender o valor da palabra escrita, da palabra oral. Sempre nos
axuda a reflexionar sobre as consecuencias do hábito lector, ese acto íntimo
que nos produce un inmenso pracer a todos os que temos a literatura como un
hábito vital.
Sobre o efecto transformador da lectura e
sobre a censura e a súa irracionalidade vai
este texto que, unha vez máis, nos permitiu reproducir o catedrático da UCLM.
Desta volta coa magnífica tradución da profesora Alba Piñeiro Estévez.
Versos
e aloumiños séntese
moi honrado de ofrecer aos seus lectores e lectoras unas liñas cheas de
claridade e acerto.
O efecto transformador
da lectura
PEDRO
C. CERRILLO TORREMOCHA
Nalgún lugar xa teño escrito que a lectura non pode cambiar
o mundo, pero si as persoas, e estas, coas súas accións e intervencións, poden
axudar a facer un mundo mellor, máis solidario, máis libre, máis crítico e máis
xusto. Se a lectura non tivese esa capacidade transformadora que pode provocar
nos lectores emocións, reaccións ou respostas endexamais vividas antes, os
ditadores non a verían coma un perigo e coma unha ameaza para os seus poderes autárquicos.
A historia da
humanidade está chea de momentos nos que libros e mais lectores foron
censurados e perseguidos,
encarcerados e asasinados; nuns casos, dende
posicións institucionais de forza (a Inquisición, tanto en España coma en
América, as ditaduras de Videla en
Arxentina, de Pinochet en Chile ou de Salazar en Portugal; que dicir de Franco
na España do 39 ao 75 do século pasado!, diversas igrexas,…);noutros casos, as
censuras e persecucións producíronse contra escritores ou libros concretos:
Salman Rushdie, Roberto Cotroneo, Orhan Pamuk,…
Salman Rushdie, Roberto Cotroneo, Orhan Pamuk,…
Aínda hoxe son
visibles na rede auténticas listas de libros prohibidos para os que son membros dalgunhas "grupo-seitas", listas que funcionan coma guías lectoras marcadas
en vermello que eviten "contaminacións" indesexadas: por iso, non
poden ler a Sartre, a Camus, a Nietzche, a García Márquez ou a… Quevedo!
Que desperdicio
intelectual!
Os que prohiben
determinadas lecturas están provocando no lector intelixente o inmediato desexo
de acceder ao libro prohibido. E, en calquera caso, os que deciden tal ou cal
prohibición probablemente non teñan lido o libro prohibido; e, se o fixeron ,
dende logo non o entenderon. A estulticia do
censor non ten límites, porque prohibir ler é como poñerlle cancelas ao campo, xa que a lectura é un acto individual, que
pertence á esfera do privado; é coma se quen
quere prohibir decidise prohibir amar, ou soñar… é imposible! A quen le, ama ou
soña, poden perseguilo, represalialo, condenalo, pero non
poden evitar que siga lendo (aínda que só sexa na súa memoria), amando (aínda
que só sexa no seu recordo), ou soñando (aínda que só sexa na súa imaxinación,
mesmo en estado de vixilia).
Gabriel García Márquez |
A capacidade
transformadora da literatura (na que muíños de vento poden ser vistos coma xigantes
ou unha sinxela cabaza converterse
na máis fascinante carroza) é a incontestable razón pola que nada nin ninguén
evitarán que lectores e libros teñan longa
vida, tanta coma longa é a súa historia
pasada.