Páginas

viernes, 15 de enero de 2016

CRÍTICA DE MONTSE PENA PRESAS SOBRE "Lendo lendas, digo versos" NO NÚMERO 2 DA REVISTA DE LIX "CRIATURAS".



Acaba de aparecer o número 2 da revista de LIX galega CRIATURAS.
     Unha interesante publicación dixital galega e en galego coordinada por Ledicia Costas e Daniel Landesa e que ten un consello editorial de luxo formado por persoas moi significadas no eido literario infanto-xuvenil.
     
     Imprescindible achegarse a ela e saber algo máis de todo o que se publica no noso país, dos autores/as e ilustradores/as, dos acontecementos literarios e saborear os artigos que contén e que nos permiten entrar no interesante mundo da literatura para os pequenos que se fai en Galicia.

     Neste número podemos gozar dunhas fermosas ilustracións de Noemí López, dun artigo magnífico de Antonio Reigosa sobre “As boas criaturas do nadal galego”, unha interesante achega a un proxecto que paga a pena coñecer como é “Espazo Lectura”, un cara a cara entre Antonio Manuel Fraga e Miguel Mosqueira, recensións e críticas de libros, ademais doutros moitos temas de interese.
     
     Entre os libros que se salientan neste número está o noso querido “Lendo lendas, digo versos”, do que a especialista en LIX Montse Pena Presas escribe unhas palabras que nos enchen de satisfacción.


     Reproducimos aquí a crítica, un traballo que Versos e aloumiños agradece profundamente.

Montse Pena Presas


Dos imprescindibles: Lendo lendas, digo versos de A. Reigosa, A. García Teijeiro e X. Cobas 


Este final de ano deixounos un dos mellores libros infantoxuvenís do 2015: Lendo lendas, digo versos, unha obra creada a seis mans por Antonio Reigosa (que se ocupa das narracións), Antonio García Teijeiro (como creador dos versos) e Xosé Cobas (que consegue trasladar ese poderoso mundo mítico a unhas imaxes particularmente evocadoras). 

     O principal acerto da obra, a súa innovación máis poderosa é precisamente a de acertar a reunir, nun só volumen, o inxente coñecemento de Reigosa do mundo da tradición popular galega, a axilidade rítmica e musical dos poemas de García Teijeiro e a facilidade de Cobas para levar ao lectorado cara a universos oníricos, nos que calquera suceso é posible. Tres voces consolidadas construíndo á vez para devir nunha plurisignificación que, non obstante, semella ter sido argallada tan só por un creador (tal é o encaixe que acada nestas páxinas o entrecruzamento xenérico). 
   
Nun acaído limiar, os autores explican que 
se decataron da ausencia de poemas protagonizados por personaxes míticos galegos de tradición popular, polo que se decidiron a embarcarse (e embarcarnos) nesta aventura. 
     Así, as lendas recollidas tentaron manter a súa forma máis pura (se ben se albisca o adobío da escrita precisa e retranqueira de Reigosa, que é sempre estilísticamente coidada); namentres que as composicións poéticas trasladaron o sucedido nos relatos ao verso. Porén, as estrofas de García Teijeiro (sen perder a esencia clásica deste poeta) non sempre se conforman con iso, senón que en ocasións xogan a engadir novos detalles á lenda, o que as fai aínda máis interesantes. Igualmente, a súa lóxica narratividade, acompañada da facilidade na comprensión (que se apoia precisamente no texto narrativo) pode supoñer un estímulo para aqueles e aquelas que aínda non se decataron (en palabras de Fran Alonso) de que “a poesía non morde” e que cómpre perderlle o medo ata retala. 

     A escolla de personaxes míticos e de lugares máxicos resulta tamén moi acaída. O texto privilexia seres ben coñecidos (como os reis ou as mouras), mais sen caer nos tópicos (o encontro con estes personaxes non supón inmediatamente un suceso malo ou bo, senón que serán os feitos posteriores o que determinarán isto). Canda estes caracteres aparecen outros quizais menos difundidos, pero con historias realmente sorprendentes e en moitos casos, moi descoñecidas. A sorte é que cada quen pode procurar o seu texto, o que máis lle suxire ou lle sorprenda, o que lle ensine ou lle evoque algo. 
      
     Quen isto escribe, queda con “As tres bestas da Charca de Alligal”, quizais polos poderes curativos que amosa ter a auga, quizais polo poder feminino manifesto no personaxe da meiga, quizais polo perigoso que é o mal de amores ou quizais pola suxerentísima ilustración que, nunha variación, aparece na portada. Porque unha besta pode ser fermosa, pois a tradición popular ensina, entre outras moitas cousas, que ás veces aparece o branco onde todo semella negro. 
      
     A suxestividade das ilustracións (entre o que vemos e o que pensamos, con grande capacidade para captar a fotografía do que non foi), os acaídos versos (que rematan, profundizan e matizan a un tempo) e as intrigantes lendas (recollidas coa palabra xusta e lixeira) acaban por conformar un volume imprescindible. Pola súa beleza formal, mais tamén pola súa variedade textual e pola súa (re)creación da propia tradición, Lendo lendas, digo versos debese ser un referente. Porque cómpre non esquecer que, antes de que existise palabra escrita, todas e todos escoitamos a maxia dunha voz que nos fixo soñar, mais tamén aprender.