Páginas

jueves, 21 de enero de 2016

A LUZ DAS PALABRAS (50) Beatriz Maceda Abeleira



Coñecina tras ler o magnífico libro O álbum de Garrincha, publicado pola editorial Galaxia na colección “Árbore”.
     
     

     
     Fútbol e, sobre todo, unha sensibilidade especial para tratar o tema da inmigración atopamos nas súas páxinas. O valor do ser humano como tal, e a necesidade de  integración na sociedade tan diversa que nos toca vivir están ben presentes na historia.  Literatura e valores da man.
     
   
Beatriz Maceda Abeleira
 
Beatriz Maceda Abeleira
é unha muller sensible a todo o que significa arte. Fai literatura porque o necesita. Ama a palabra literaria con paixón. Isto é algo que compartimos.
     
     E, coma min, a música forma parte da súa vida dun xeito intenso.

     Beatriz tiña que espallar a súa voz, a súa luz en Versos e aloumiños.  Aceptou encantada a nosa petición. Beatriz Maceda  Abeleira é xenerosa e escribiunos un texto fermoso. Un texto evocador, persoal con pingas de tenrura e jazz.

     
                                                   Gozade del, como merece.


A man de Miles Davis



“Non toques o que está, toca o que non está”  (Miles Davis)



As estalactitas de xeo colgaban dos tellados das casas. A Terra Chá era así en inverno. Miña nai metíame a cabeza nun gorro de lá que se chamaba “verdugo”, nome ben feo para un gorro de nena.
    
     Eu, iniciaba a viaxe diaria cara ao colexio cada día, como se fora o primeiro, e acostumaba a inventar o camiño. Cheguei a facelo montada nun unicornio que levaba unha estalagmita de xeo en forma de corno na cabeza.
    
     No medio do camiño estaba “el chalet”, o único en toda a vila, de aí que o chamara todo o mundo así.  Sempre pasaba por diante del apurando o paso.
    
     Unha tarde,volvín do colexio pola rúa que daba á parte de atrás da casa. No balcón, estaba sentado un home cun chapeu branco e da súa boca,saía fume como da cheminea dun tren. Quedei parada observándoo  e foi cando escoitei  aquela música.
    
     Anos mais tarde, merquei o meu primeiro disco de jazz, “Kind of blue” de Miles Davis.
     Blue and Green, era a peza que soaba nunha casa imaxinada para darlle máis  emoción  ao camiño.

                                                                                                BEATRIZ  MACEDA  ABELEIRA