Páginas

sábado, 28 de noviembre de 2015

POLAS SÚAS OBRAS LEMBRARÉMOLOS / AS ( 14 ) Xosé Neira Vilas


Xosé   Neira  Vilas


A morte vén golpeando  forte na literatura.
     E faino en seres entrañables
     Xosé Neira Vilas foi un ser entrañable capaz de englobar os sentimentos dun pobo na literatura. Os sentimentos de cada un dos galegos cos que viviu, cos que sentiu, cos que se laiou. Porque Neira Vilas amosou sempre unha Galicia, a del e a de todos, que se fundía nos sentimentos máis íntimos. E tamén nos sentimentos que lle producían carraxe. Os que tiña decote no seu punto de mira. Cando o abracei na Habana, no ano 2008, sentín unha emoción ben profunda.

Na Habana (2008)
     
     Memorias dun neno labrego foi o primeiro libro que eu lin en galego. E o primeiro libro no noso idioma que leron os meus alumnos de 8º de EXB. Despois, “O ciclo do neno” completo. Logo, moitos máis, mesmo Cantarolas, un delicioso poemario para nenos con poemas de Neira Vilas e Anisia.

     



     Versos e aloumiños quere renderlle unha homenaxe. E quere facelo publicando dous textos breves que pertencen ao seu libro, Aquel neno, publicado por Edicións Embora. Uns textos cheos de agarimo polo ser humano, agarimoso como era el, e que ven a luz aquí grazas a  Miguel Toval, editor, a quen lle agradecemos o permiso que nos dera tempo atrás para publicar algún destes relatos breves no noso blog-revista.
As ilustracións, moi significativas, son de Xosé Vizoso.






LOITO


SEMPRE VIU Á NAI VESTIDA DE NEGRO. E Á Avoa, e ás outras mulleres da familia. E ás veciñas maiores. Só as nenas e as mociñas vestían con roupas doutras cores, ás veces, pois dende os dous anos xa lles poñían loito tamén ás cativas. Pero el cando menos quixera ver algunha vez á Nai con outra roupa. Había uns anos marcados para iso, xa fose Pai, fillo, irmán, Avó… E se se trataba do home era de por vida. E díxollo. Díxolle que quixera vela algunha vez vestida doutra maneira, pero para ela sería un sacrilexio. Así era o costume e cumpríao.





MENDICANTE


PASABA POLA ALDEA CADA CERTO TEMPO. Pedía esmola, e sempre lle daban algo. Vestía farrapos. Levaba un sombreiro de palla na cabeza. El achegóuselle. Faloulle. Acompañouno ata a outra beira do río. Turroulle da lingua e foi sabendo que era da beiramar; que estaba só no mundo; que fora xornaleiro pero que agora, debido ós seus anos e ós seus achaques xa non o chamaban; que de noite durmía nalgunha palleira ou debaixo dun hórreo. A el doeulle a miseria daquel home, voltou á casa, ergueu a tampa da artesa, cortou unha rebanda de broa e deulla. O forasteiro agradeceu, bagoxando.






                                           Fernanda Tabarés entrevista a Xosé Neira Vilas en Vía V. 





A Semente de Trasancos é unha nova escola de ensino en galego e fixeron esta curtametraxe na que falan con Neira Vilas de múltiples temas relacionados coa lingua, o ensino e demais.

Podedes vela aquí abaixo.