Emocióname.
Un disco fermoso de jazz cobre a sala.
Sesións en pequenos grupos dirixidos polo mestre de Kansas City. Ambiente ateigado de enerxía e de optimismo. Destaca o órgano de Basie fundíndose coa maxia do gran Oscar Peterson ao piano.
Paul Quinichette deixa oír o seu saxo, dándolle ao tema un ton efectista e compacto.
Escoito a Buddy Rich na batería levando un compás delicadamente sedutor. Outros intérpretes axudan a enriquecer as pezas deste fermoso disco.
Deixo o libro que teño nas mans e entrégome a unha escoita profunda. Comezo a camiñar polo ritmo de Extended Blues e intento afastarme da realidade que me envolve. Todo é música.
Acaríñanme as notas con dozura e sinto un pracer de explicación imposible.
Ai, a música! Sempre está ateigando este lugar tan entrañable. Esta casa que desprende calor humana cada minuto.
A música que non deixa de crear atmosferas de profunda felicidade.
O poder das melodías, a pulsión dos instrumentos, a autenticidade da creación artística.
Sigo a escoitar a Count Basie e o seu grupo.
Xa me perdín no seu mundo.
Unha auténtica felicidade.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO