Vino unha vez máis. Gocei unha vez máis.
Vibrei unha vez máis.
Bob Dylan
deu en Madrid un concerto primoroso. Se tivese que definilo cun adxectivo, ese
sería elegante.
Ao longo de dúas horas e cuarto (cun
descanso de vinte minutos), Bob Dylan demostrou que segue a ser o artista
musical por excelencia aos 74 anos de idade. Non hai ninguén coma el no
universo musical.
Sobrio, acompañado por unha banda
magnífica, foi elevando á categoría de arte cancións coñecidas e outras non
tanto. Coa súa levita beixe, o seu típico sombreiro claro e agochado na penumbra, Dylan creou un ambiente de intensidade vocal chea de maxia.
Bob Dylan arrisca en cada un dos concertos
(cen cada ano, máis ou menos) desa Never ending tour. Os seus músicos
coñecen perfectamente os desexos do xenio de Duluth e soan limpos, brillantes,
sabendo en cada momento o que deben facer. Dylan non tocou, como xa vén sendo
habitual, a guitarra nin o teclado. Pero diante dun piano de cola e , sobre
todo, coa harmónica conseguiu momentos excelsos.
Así é Bob Dylan. Esíxese e esixe os seus
admiradores. Non está disposto a aburrirse cantando as cancións de hai corenta
anos do mesmo xeito. Non baixa o nivel. Coa súa voz cavernosa acada pasaxes
dunha fermosura difícil de alcanzar polo resto dos cantantes. Dylan, a
diferenza dos que non o escoitan habitualmente, non engana a ninguén. O Bob
Dylan de hoxe é un artista diferente que foxe das multitudes, que consegue un
intimismo profundo que me encanta.
Entrada do concerto |
Por que hai que brincar, berrar e lanzar
proclamas cando actúa? Quen se sente estafado é que non sabe polas rutas polas
que transita o vello Bob e cal é a súa liña dende hai ben tempo. Agradecín
estar sentado no Barclaycard Center (vaia
nome ao Pazo dos Deportes!) escoitando a música, as palabras que vomitaba con
forza, as chiscadelas musicais que non faltan en ningunha actuación; gocei coa
brillantez dos músicos, co escenario medio en tebras, coa iluminación axeitada
para un concerto no que houbo de todo: country, blues, momentos case
jazzísticos, swing, folk e rock.
Bob Dylan é unha lenda e, xaora, un enigma
que, moi a miúdo, sorprende e emociona. Quen non comprenda isto, que escoite os
seus discos e todo arranxado. Inútil resulta andar con andrómenas que non teñen
ningunha razón de peso.
Repito que gocei coas cancións dos seus
álbums Tempest (principlamente)
e Through
life together, coas dúas cancións de Shadows in the night e coa interpretación sublime de Simple
twist of fate baixo o influxo da
harmónica e, mesmo, cos bises: marabillosos ese Blownin´ in the wind ao piano, case descoñecido, e un penetrante Love
sick.
Non esaxero se digo que este de Madrid foi
para min un dos mellores concertos do Bob Dylan actual. Velo tan enxoito, tan
pouca cousa e comprobar como enche o escenario resulta fascinante.
No descanso da actuación do vello Bob. |
Non o podo evitar. Nin quero.
Esa caixa de sorpresas que é Bob Dylan
sempre estará ben preto das miñas inquedanzas. Non me importa que sexa arisco,
nin que non dea unha palabra ao público, nin que ande con floreos demagóxicos.
O que si me importa é que cante, que revolucione os seus propios temas, que
faga da música arte (que é o que ten que ser), que cante sen tempos perdidos.
En definitiva, que siga a ser ese artista que leva a música nas veas e que
percorre medio mundo porque ten necesidade de cantar. Por diñeiro non o fai.
Ten ingresos varios e inxentes para viviren el e os seus durante anos e anos
sen necesidade de saír á estrada mes tras mes.
Bob Dylan leva significando para min
moito. E, curiosamente, continúa sen perder nada da influencia que deitou un
día sobre a miña persoa.
Estas son as cancións que soaron en Madrid
e eses son os músicos que forman unha banda xenial.
CANCIÓNS
QUE BOB DYLAN INTERPRETOU
Setlist
Things Have Changed
She Belongs to Me
Beyond Here Lies Nothin’
Workingman’s Blues #2
Duquesne Whistle
Waiting for You
Pay in Blood
Tangled Up in Blue
Full Moon and Empty Arms
She Belongs to Me
Beyond Here Lies Nothin’
Workingman’s Blues #2
Duquesne Whistle
Waiting for You
Pay in Blood
Tangled Up in Blue
Full Moon and Empty Arms
DESCANSO
High Water (For Charley Patton)
Simple Twist of Fate
Early Roman Kings
Forgetful Heart
Spirit on the Water
Scarlet Town
Soon After Midnight
Long and Wasted Years
Autumn Leaves
——
(Bises)
Simple Twist of Fate
Early Roman Kings
Forgetful Heart
Spirit on the Water
Scarlet Town
Soon After Midnight
Long and Wasted Years
Autumn Leaves
——
(Bises)
Blowin’ in the Wind
Love Sick
Love Sick
BANDA:
Kimball, Sexton, Garnier, Dylan, Recile (tapado) e Herron. |
Bob
Dylan – piano, harp
Tony Garnier – bass
George Recile – drums
Stu Kimball – rhythm guitar, maracas
Charlie Sexton on lead guitar
Donnie Herron – banjo, electric mand
Tony Garnier – bass
George Recile – drums
Stu Kimball – rhythm guitar, maracas
Charlie Sexton on lead guitar
Donnie Herron – banjo, electric mand
Los Lobos |
Non quero rematar estas liñas sen
salientar a marabillosa hora de boa música que ofreceron Los Lobos que actuaron
de 20.00 a 21.00. Esta banda liderada por David Hidalgo
deu unha lección de música de alto nivel, con ese estilo tan variado no que
predomina a música anglosaxona, pero como fillos de inmigrantes mexicanos,
levan no seu repertorio unha variedade de estilo que os fai moi sólidos. Con
influencias moi claras do rock, do tex-mex, do folk, sons caribeños, música
tradicional de México, rhythm & blues, boleros ou norteños etc. posúen un repertorio rico, pouco usual e dunha
calidade incuestionable. Un referente da mestizaxe musical de primeira liña.
Estiveron moi atinados nas cancións
escollidas, pero os momentos álxidos conseguíronos coa interpretación de La
bamba e Volver, volver.
Un complemento ideal para unha noite soberbia.
E agora, aínda que a imaxe é deficiente, podedes ver-escoitar un dos bises de Bob Dylan no concerto: Love Sick.
Ademais, unha magnífica versión do tema Early Roman Kings do seu álbum Tempest, tamén no concerto de Madrid.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO