A
rula, o peluche e a nena é a historia dunha rula moi curiosa. Pero que moi curiosa.
Airosiña, que así se chama, foi a primeira
das irmás en botar a cabeciña fóra do
niño feito polos seus pais na póla dun vello carballo que había por tras
dunha casiña de fiestras verdes.
E que viu Airosiña, ademais do ceo, das
nubes e da silueta das montañas ao lonxe?
Pois os
cristais que pechaban unha galería e, a través deles, un oso de peluche.
Ese
foi o punto de arranque dunha fonda amizade. O
comezo dunha historia marabillosa escrita co bo saber e a sensibilidade
dun dos máis grandes escritores da nosa LIX: Paco Martín.
O noso autor tece un relato no que fai das
descubertas e da tenrura o centro do mesmo. Salferido, ademais, cun lúcido
diálogo con Jimena, vai contando o nacemento desta nena entre trazos de
aventura e de curiosidade. Esta curiosidade que levará a Airosiña (e a súa
irmá, Voandeira) a descubrir diversas características vitais dos seres que
poboan o mundo.
Enxeñosa a maneira de contar, por exemplo,
quen lles pon nome ás rulas, que son as tías (si, si, as irmás dos pais ou
nais), que son os papaventos e de que materiais están feitos, que son as rodas
e algunhas cousas máis.
E Quemitraste, que ese é o nome do oso, vai
abríndolle os ollos a Airosiña con simpatía, con agarimo e, aínda que algunhas
veces parece algo pedante, entre eles comeza o que será unha fonda amizade que vai ser moi positiva para os tres personaxes desta
historia.
Na casa onde vive o peluche vai nacer unha
nena. E Airosiña decide quedar alí ata que naza. Coa axuda de Voandeira vai
gardando nunha caixa de madeira grans e outras sementes para cando chegue o
inverno e non poida saír na procura de alimento.
Voandeira e os
seus pais marcharán polas rotas do sur ao chegar o frío, pero ela non. Ela
vivirá agochada preto de Quemitraste para gozar do nacemento da pequecha.
Porén, tamén o peluche sairá gañando con todo isto, algo que o fará feliz. Algo
que os lectores e lectoras do conto descubrirán con deleite. Airosiña e
Voandeira serán as "culpables" desa felicidade.
Ilustración de Belén Martín |
Paco Martín, unha vez máis, escribiu un
relato moi rico literariamente (linguaxe coidada e viva, forma novidosa para
estas idades, personaxes ben deseñados, situacións magnificamente
construídas...) e ateigado dunha tenrura que envolve cada aventura, cada
momento, cada pasaxe.
Na presentación, Paco comentou o seguinte:
«A rula representa a ansia de liberdade, que tamén ten o peluche, que vive arrombado no cuarto da nena, mais ao que lle gustaría viaxar e coñecer o mundo, o que conseguirá grazas a axuda de Voandeira, outra rula viaxeira. Pensei que a rula e o peluche facían unha simbiose bastante agradable.»
Con Manuel Bragado na presentación do libro en Lugo |
Unha historia para ler e para contar. Unha
invitación para emocionarse e para gozar, cunhas ilustracións de Belén Martín, moi vivas, que acaen perfectamente ao espírito do libro.
"A rula, o peluche e a nena" é unha historia tenra que engaiola e que ole a liberdade.
Unha historia fermosa que nos permite
respirar o aire puro da boa literatura.
ANTONIO GARCÍA
TEIJEIRO