Páginas

martes, 28 de abril de 2015

XOSÉ NEIRA VILAS "APARECE" NUN ENCONTRO POÉTICO. QUE PRACER!






Estiven no CEIP “Isaac Peral” de Ferrol hai unhas semanas. Sentinme de marabilla entre rapaces e rapazas vivos, con ganas de participar no encontro. Alumnos moi motivados  que me recibiron con grande agarimo.
    
     Foi un acto rico e cheo de amor á palabra poética.
     Notei que esa palabra cobraba unha importancia enorme no desenvolvemento da formación dos nenos e nenas que estudan no centro.
    

     Un alégrase de que isto ocorra. Xa hai ben anos que só fago encontros naqueles lugares nos que hai verdadeiro interese pola literatura. Onde traballan mulleres e homes que, con dificultades ás veces, fan da creación literaria algo fundamental no seu quefacer cotián.
     Hai que estar preto deles e eu non o dubido.

     Neste encontro todo foi felicidade. Cando rematei, agasalláronme diversas cousas.
    
Con Neira Vilas e Anisia Miranda na Habana. 2008
  

     Entre elas, un poema dunha alumna e un fermoso libro do meu querido e admirado Xosé Neira Vilas, dedicado polos nenos e nenas que leron os meus libros e que me agradecían a visita e, ademais, escriben, o feito “de conseguir que gocemos coa poesía”. Fermoso. Emocionante.


       

     O libro, editado magnificamente por Edicións Embora, vai servirme para ilustrar esta entrada en Versos e aloumiños.  O seu título, Aquel neno.


          Todos levamos, afortunadamente, un neno dentro. E Neira Vilas leva demostrado ao longo da súa rica obra que ese neno está presente a miúdo no que escribe.
     Aquel neno, ilustrado axeitadamente por Xosé Vizoso,  recolle unha chea de textos breves, pero moi emocionantes, nos que expresa múltiples feitos da súa vida. A vida dun neno pobre dunha aldea galega dos anos 30 e 40 que, cos seus medos, descubrimentos, teimas, sorpresas, etc. foi conformando un carácter que o levou a converterse nun referente esencial da cultura galega.

     Nestes pequenos relatos hai moita emoción. Hai, tamén, vivencias propias e de tantos e tantos cativos veciños do autor. Rapaces e rapazas de centos de  parroquias de toda Galicia e, talvez, de máis alá.
    
     Como moi ben podemos ler na contracuberta, Aquel neno  non só é unha memoria persoal de Xosé Neira Vilas, senón a de tanta rapazada que percorría e daba os primeiros pasos polas aldeas de noso.

     Para rematar quero reproducir un deses textos e, xa que logo, o poema que me agasallou, ao rematar o acto, Natalia Mera.

     A literatura une. A literatura sacode. A literatura crea complicidades.

     Quero que estes textos me fagan cómplices de todos e todas vós.

 
Xosé Neira Vilas

Todo calado

HABÍA GUERRA EN LUGARES DE LONXE. Chegaban á aldea algunhas noticias. Noticias tristes. El preguntaba a uns e a outros. Quería saber. En vez de querérense, os homes andaban a tiros, matándose nos montes, nas cidades, no mar. Os avións guindaban bombas e tamén mataban e desfacían casas e de todo.Mataban a eito. Na aldea non había eses ruídos de metralla. Na aldea, silencio na xente, que non se atrevía a falar. Silencio en todo. Non había romarías. Non se oían as gaitas nin a cantarola de Reis, nin estoupaban foguetes, nin repenicaban as campás, nin se escoitaban os vivas do Entroido. Só se oía o pranto dalgún meniño, o brúo dunha vaca, o roñar dun bacoriño no cortello, o canto dos paxaros ou a ladaíña dos grilos ou o murmurio teimoso do río.

                                                        
                                                                                         XOSÉ  NEIRA  VILAS

                                                               
                                                                         (De "Aquel neno". Edicións Embora.2013) 

Ilustración de Xosé  Vizoso para o texto.





     Poñemos punto final a esta entrada co poema de Natalia Mera.

      Todo un pracer.

   

                                                                                                ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO