Di Sandra
Alvarellos Varela, referíndose á literatura tradicional, que “non se deben deixar atrás nin esquecer as
verdadeiras raíces das que xurdimos, as que nos fixeron medrar e nos fixeron
grandes coma persoas e como pobo, do cal nos temos que sentir orgullosos e
defender sempre”. E engade: “Fagamos
da lingua o eixe da comunicación e sexamos pregoeiros de tradicións, para que
os nosos sinais de identidade nunca morran e as xeracións vindeiras teñan unha
razón de ser, saiban quen son, de onde proceden e coñezan as tradicións,
lendas, cantigas e demais trazos culturais que fan especial, máxica e
encantadora a nosa terra”.
Sabias palabras, espidas de ton gratuíto
que eu podo, sen dúbida, facer miñas. Palabras que leo nun libro marabilloso,
dun interese excepcional: Galicia
Encantada. O País das mil e unha fantasías (Edicións Xerais, 2014),
edición de Antonio Reigosa.
Antonio Reigosa é escritor, investigador e
divulgador da cultura popular de Galicia. Un non pode esquecer libros
fundamentais neste eido coma os volumes da colección Cabalo Buligán, o Dicionario
dos seres míticos galegos ou os Contos
colorados, todos eles en colaboración con Xoán R.Cuba e Xosé Miranda.
Reigosa é un autor salientable de
literatura infanto-xuvenil, gañador do Premio Merlín con Memorias dun raposo, ademais doutros títulos excelentes, nos que
queda patente a súa calidade literaria e a pegada que a literatura de tradición
oral deixa neles.
No seu día crea un proxecto, unha web:
Galicia Encantada, que nace para navegar pola internet. Dez anos despois,
convértese nun libro apaixonante. Un libro que nos permite gozar no papel de
documentos dun valor incalculable e, ao
tempo, poder entrar no suxestivo mundo dos mitos, das lendas, dos ritos, dos contos
e dos sucedidos que nos sorprenden e nos introducen nas entrañas dunha Galicia
máxica. Cronistas que contan, dende diversas perspectivas, o mundo real e o imaxinario dunha terra rica
en narracións fantásticas. Narracións que nos achegan ao seu espírito. Que nos
permiten coñecer un país irremediablemente sabio e encantado.
Resulta unha delicia perderse no fío
argumental deste libro tan necesario. Nos cocos e monstros, no alén, nas augas
enfeitizadas. Saber do demo, das casas encantadas, das romarías, da flora, das
lendas urbanas ou dos lugares míticos.Coñecer a medicina tradicional, a mitoloxía
relixiosa, os tesouros, os xogos, a toponimia e, mesmo, a poética do
imaxinario.
Coordina Antonio Reigosa, autor dun bo
número de mostras literarias no volume, máis de cincuenta autores e autoras que
nos contan historias suxestivas e guían o lector pola memoria e a fantasía
deste país.
Afirma Reigosa que “o patrimonio inmaterial é o máis
fráxil elo dunha cultura e, como forma parte da esencia profunda do pobo, da
xente común, é reo de prexuízos, vítima de alienacións e súbdito da
desmemoria”.
E ten razón. Por iso hai que celebrar que
dez anos despois da súa posta en marcha a web de Galicia Encantada siga
medrando e actualizándose con regularidade. Unha web que garda nos seus
arquivos centos de artigos, notas, informacións, opinións, imaxes e textos que
só son unha minúscula parte da case inabarcable obra que vén sendo o noso
imaxinario colectivo.
Este libro é unha interesante, amais de
esencial, mostra dun patrimonio inmenso no que debemos penetrar.
Di o gran Xabier P. DoCampo no prólogo desta
obra, ao se referir ao narrador (figura indispensable na literatura oral), que “a narración aspira a se facer memorable no
sentido de ser digna de permanecer na memoria, despois narrala é incorporala á experiencia propia,
mais tamén á das persoas que escoitan, onde o sabido de oídas se acomoda ao pé
do máis propio e faise experiencia” e remata con estas certeiras palabras: “Así foi sempre e así segue a ser, e seino
porque eu veño dun tempo no que só existía o tempo e a palabra”.
Un libro, pois, para festexar, para
degustar e emocionarse.
Un libro para sentir o que temos detrás
que, por certo, é moitísimo.
Ah! E sabiades que para curar a dor de
cabeza hai que botar leite nunha bolsa de plástico, envolver nun pano, deitarse
e aplicar o envolto enriba da cabeza ata que pase?
Esta e mil cousas máis nas páxinas dun
libro máxico.
Antonio G. T., Bernardino Graña e Antonio Reigosa |
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO