Páginas

viernes, 19 de diciembre de 2014

OS MURMURIOS DO can CAN ( 3 )





     Leva algúns días o can Can tentando falar comigo.
     A verdade é que, ás veces, se fai algo pesado.
     Paso á súa beira cos pés de lá para que non se decate da miña presenza, mentres o animaliño segue metido entre libros e discos.
     Agora anda coa leria de que quere un mp4. Vaia, vaia! Por pedir que non quede.
     O certo foi que, cando quedei un pouco libre de tantas historias que teño, decidín escoitalo.
    E quería contar cousas e, sobre todo, aconsellar libros para estas festas de Nadal e Reis. Non me pareceu mala idea.
     Escoitade/lede o que me foi contando.

     
O can Can dinos musitando que…


     … me viu triste  cando eu lin que morrera o gran músico, compoñente e baixista de Cream,  Jack Bruce. E conta que escoitou algún dos discos del en solitario, que atopou na miña discoteca. En concreto, “Songs for a tailor” cativouno. Pero non só. “Menos mal -afirma- que os músicos non morren endexamais, pois queda a música para sempre”.

                Jack Bruce en acción xunto ao gran guitarrista Joe Bonamassa. Tocan "White Room".


     … lle gustou moito o libro de Teresa Zatarain “Sin miedo a decir te quiero” (Ed. Creotz). Unha historia en prosa rimada, sinxela pero dunha gran sensibilidade. Díxome que, tras ler o conto, non vai dubidar de todo aquello que fale dos sentimentos.



     
     … se sorprendeu da fermosísima edición facsímile do conto “Blancanieves”, editada en 1930 pola Editorial Calleja, que me enviaron dende Cuenca en edición do Servizo de Publicacións da UCLM (2014). Unha xoia completa que conta cun interesante estudo introdutorio do Director do CEPLI, Pedro C. Cerrillo.





     … o propio Pedro C. Cerrillo acaba de publicar un entrañable libro de cantigas de berce que leva por título “Nanas para dormir niñas despiertas”. As ilustracións son de  Antonio Santos e edita tamén o Servizo de Publicacións da universidade conquense e o Patronato Universitario “Cardenal Gil de Albornoz”. Fermoso álbum, que paga a pena coñecer.
      





Velaquí unha desas nanas tan aloumiñantes:


Ilustración de Antonio Santos

NANA DE LA LUZ

Esta niña es un clavel,
esta niña es una rosa,
esta niña es una luz
que alumbra todas las cosas.

Duerme, mi niña,
duerme, mi bien,
duerme, mi vida,
duerme, mi ser.




     …  ten un agarimo especial por  Ringo Starr, porque lle parece unha persoa auténtica, sen dobre cara e, ademais, un magnífico batería. De aí que lle ilusionase ler o libro que Ediciones SM publicou co título “El jardín del pulpo. Octopus´s garden” con ilustracións de Ben Cort. O libro leva, ademais, un CD coa famosísima canción “do xardín do polbo” que cantaban os Beatles (a voz é a del) na versión orixinal. Está feliz e non deixa de poñela á mínima ocasión.

                        Ringo Starr, en solitario, canta "Octopus´s garden".










     … lle doe que remate a colección “Libros da Frouma”. O derradeiro número, que eu tiña sobre a mesa, caeu nas súas patas e encantoulle. Trátase de “CaRa inversa”, un poemario con poemas literarios e visuais (estes, arredor dos libros) de dous magníficos poetas e artistas, Pepe Cáccamo e Baldo Ramos.
Vexamos e leamos algo deste proxecto interesante:

      
     POEMA DE CÁCCAMO  (fragmento de CONTRA A RUÍNA)

o tempo ese extravío esta derrota
de nomes consumidos
de labios sen memoria

o esquecemento a brétema
epidemia furtiva que deita sobre a pel
fungos de luz envisa flor de esponxa profunda
que esgana que non deixa
alentar       (…)

E á dereita, a composición visual de Baldo Ramos.



     Un extraordinario proxecto de colaboración a dúas voces, no que o motivo xerador é o libro-obxecto. Cada autor crea unha peza coa que o outro dialogará  poeticamente. Así, suman vinte libros e vinte poemas cada un. Un diálogo de ida e volta, circular e cómplice.


     … quedou abraiado cando nun andel deu cun libro dun dos ilustradores que el máis admira, Xan López Domínguez, bo amigo meu, editado por Edelvives. O seu nome: “Las aventuras de la Bruja Fritanga. Xan é o autor do texto e das ilustracións. Nel  atopamos ao mago Renlong con todas as súas apócemas e loucuras máxicas, convertido en xigante e o periplo de Fritanga para dar co antídoto de diversos  meigos para ver de reverter o esconxuro. Recoméndao  con moito interese.


     … sabe  do meu amor por Lorca e atopou un álbum fermosísimo de Ian Gibson, ilustrado polo moi prestixioso Javier Zabala, que leva por título “Federico García Lorca para niños”, editado por M1C, hai un ano exactamente. Un achegamento  moi interesante á figura do gran poeta granadino. A súa vida, a súa obra e a súa morte contadas dunha maneira sinxela e moi directa polo célebre hispanista.
     Chamoulle a atención as liñas que pon o libro e que son unha actitude que se debe ter ante a vida: “Se mirades con atención ao voso arredor, tamén vós poderedes descubrir, como García Lorca, a poesía que encerran as cousas. Tan só é preciso sentir e logo…Soñar.
     As ilustracións de Zabala, sinxelamente impresionantes.


      
     A verdade é que non para. Nótalo emocionado e iso gústame. Non o vou negar. Pero chegamos ao límite. Como pasa o tempo. Parece que foi onte cando chegou á praia e atopeino sobre unha rocha e xa leva ben tempo comigo.
     Véxoo tan feliz nos andeis, entre libros, que eu recoñezo que é unha sorte telo preto.
     Non perde de vista nada  do que lle interesa e move a cola ao escoitar a música que soa na sala
     Pídeme con insistencia, para rematar e volver ao balcón, onde o agarda o novo libro de poemas para nenos de Marilar Aleixandre que quere comezar a ler. Pídeme, repito, que poña un vídeo cunha canción de  Serrat e que llo dedique a Susi, a quen tanto quere.
     E así o fago.


     Anímate e escoita "Lucía", unha das tantas fermosísimas cancións de Joan Manuel Serrat. 
               E, claro, Susi, para ti de parte do can Can.