Páginas

viernes, 14 de noviembre de 2014

"BELEZA CONTRA A PODREMIA!" UN CORREO POÉTICO de AN ALFAYA



 
An Alfaya

     Dedicarme a isto da literatura deume, ao longo de todos estes anos,  máis alegrías que decepcións. Claro que decepcións tamén as houbo, pero as alegrías supéranas con enorme vantaxe.
      
     Un escribe neste blog -e manteno dun xeito habitual- para que nel teñan cabida as opinións literarias e artísticas máis variadas.
      

      Encántame que as persoas escriban nel. Que a súa creatividade, as súas reflexións, o seu talento fiquen ancorados permanentemente nesta fiestra aberta. Este é un blog que non pretende estar ao meu servizo, senón que quero que sexa participativo. Cantas máis colaboracións haxa, mellor. E non me mpodo queixar neste aspecto.
      
      Moitos lectores e lectoras así o entenden. E gústalles que sexa desta maneira. A nós, tamén.
      
      O principal obxectivo que procuramos é que a arte teña presenza en Versos e aloumiños e que a poesía, xénero minoritario por desgraza, ocupe un lugar importante. Pero non pechamos as portas a toda sorte de textos creativos: fotografía, música, narrativa, pintura, crónica, artigos literarios, xornalismo etc.
      
     Van saíndo moi ben as cousas. Grazas por comprender e compartir o espírito que nos move.
      

     Dicía que a literatura me deu moitas alegrías. E amizade.
     Unha desas persoas amigas é, sen dúbida, An Alfaya.
      
     Hoxe, tras publicar a entrada do meu Caderno íntimo, á que chamei “Repugnancia”, recibo un correo que me emociona. Ben se ve na entrada a carraxe, o noxo que me produce a actitude de certos (bastantes) seres humanos nestes intres tan convulsos.
      

     De aí que as palabras de An me enchan de satisfacción. Eu non son un ser negativo e á chea de cousas que levo feitas na vida remítome. Pero a paciencia, a tolerancia e a comprensión teñen un límite. Xa non podo ver tanta superficialidade nin sentir preto de min o pasotismo das persoas. Esa non é a actitude que se debe tomar diante de tanto atropelo. Síntome agredido.
      
     Ben, pois lle pedín a An permiso para publicar o correo enviado e mais o poema que as miñas palabras lle provocaron. Boa provocación, xa que eses versos me encantaron. A súa alma de poeta deu un aviso.
       
     Aquí quedan os textos recibidos.
      
     Grazas, An, por comprenderes o meu estado anímico.
      
     Un pracer.



     
     Queridísimo Antonio. Mándoche un bico nada repugnante por eses sentidos apuntamentos nos teus "Versos e aloumiños". Canta forza, canta rabia, canta necesidade de desafogar coa palabra!
Palabras tamén de interese no "Faro Cultural!.
Canta falta nos fan voces vivas como a túa ou como a do meu admirado Aute!





Beleza contra podremia!

Repúgnanme os que distorsionan a percepción do mundo
para que o mundo se mova ao seu antollo,
os que impoñen a súa  pútrida pantomima,
os que portan a diario a carauta da hipocrisía,
os que matan a esperanza a forza de estercar os soños,
eses que alimentan as vergonzas amasadas co fermento das falacias, 
Do blog de María Vázquez Sellán.

e tamén os que calan cun silencio impune.

Chío de corvos son os berros das súas voces.
Mais ás veces unha andoriña sálvanos de nós mesmos.

Beleza contra a podremia.

A túa amiga, An

      
     Tras pedirlle permiso para a súa publicación, recibín estoutro que vos presento deseguido:


     
     Permiso concedido, Antonio. Saíume de corazón. Lin as túas palabras no blog e de forma inmediata entrei no correo e escribín o poemiña.
Bicos sempre da túa amiga An

      
An Alfaya, Antonio G.T. e Helena Pérez
     Non é fermoso o feito de penetrar no máis fondo dunha persoa sensible e provocarlle a necesidade de escribir un poema?
      
     Ah!, meus amigos e miñas amigas, este é o poder da palabra escrita.
      
     Que máis se pode pedir?

     Pois outra canción do noso admirado Aute para ti e os que loitan por sobreviviren nesta treboada de irracionalidade.

                                                    "Las cuatro y diez".

                                                                                                   ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO