Páginas

jueves, 11 de septiembre de 2014

CADERNO ÍNTIMO (XX)










                                                             Páxina vixésima


Recendos salgados envoltos en inocencias sen rumbo.
Vexo o mar mentres as imaxes descalzas de tantos recordos
bailan na memoria
                                espida.
Estou a contemplar aqueles esquecementos
                                                    que sempre tiveron os días contados.
Ao lonxe, as cores do misterio, molladas na inmensidade mariña, semellan
                                                             arpexios de sal e horizonte.
Sinto que o mar está, á vez, dentro e fóra de min
                                          e fai que moitas palabras saídas da miña boca
                                                                             voen procurando respostas.
E penso. Penso. Penso...

Fotografía de Anxo Cabada

    Maréame tanto espazo onde quixera pousar
                                as metáforas que fun  deixando na néboa.
                        Misión imposible.
Chaira que enchoupa a plenitude atinxida con esforzo
                         e abre as súas veas para que reborde a auga que precisan
                                           as flores e aqueles desexos estancados na secura.
Vexo o mar e busco os versos inquietantes d´”O cemiterio mariño” , tantas veces lidos dende a voz de Paul Valéry, o seu autor.
        Volvo a escoitalos e tremo de novo:

Paul Valéry
Si, mar, mar grande de delirios dotado,
Pel de pantera e clámide perforada
Por tantos ídolos do sol,
Hidra absoluta, ebria da túa carne azul
Que te trabas a cola refulxente
Nun tumulto semellante ao silencio…


Resoan os versos.  O mar acólleos con respecto.
Temo a entoación do poema e pecho os ollos.
Con eles cerrados, advirto o abismo da desmemoria.
Balbordos constantes de difícil control.
Preciso do agarimo e alguén, gran poeta, recita no meu oído, en voz moi queda, estes versos do seu “Mar de Lira”:

Tremeu.

Francisco X. Fernández Naval. Foto de Maribel Longueira
Foi a caricia
que fixo del mapoula,
murmurio
vagalume,
airiño que antecede ó aire.

Ourizóuselle a pel
coma un orballo,
coma sombra de noite que leveda,
sentiuse transportar coma folla de outono,
coma folerpa núa.

Transpirou.

Transpirou relocente
coma escuma das rochas
liberou un salouco
e sorriu
e soñou
co recendo da rosa.


Volven os recendos do mar ao tempo que esculpo o recendo da rosa do que falaba o poeta, no meu ceo infinito.
E Chisco, que así se chama este facedor de versos, voz e corazón amigos, pensa que penso naquela miña andoriña que voa na distancia e agasállame cun poema fermoso do mesmo libro:
A miña andoriña.

Era andoriña,
si, si,
era andoriña
pendurada á mañá
no bico dun canto.


Fermosas palabras. fermosas lembranzas.
No balcón imaxinario que me permite mergullarme no espírito do mar sen mollarme, sinto medrar os soños durmidos nas caixas silandeiras do acougo.
Saen á luz e agóchanse na estancia máxica da cámara fotográfica de Anxo. Queren parecer reais e acariñar os meus degoiros.
Metáforas sen palabras. Exposicións de cores cálidas en versos.
Visións que Anxo é quen de debuxar dende a mirada penetrante que vai do seu interior ata as profundidades dos salaios e das sombras.
Visións atinadas. Visións de artista que sente.

 
Anxo Cabada. (Autorretrato)
O encantamento dunha extensión de escuma, brillo, negror e forza e cristal – que é o mar-  abala sen medida os anhelos humanos.
Por iso vivimos. Por iso o mar está preto de quen o chama.
 
...dunha extensión de escuma, brillo... Foto de Alba Piñeiro.

E a man da muller que me ama percorre silandeira o meu cabelo.
Non di nada. Para que?
Sabe perfectamente  por onde andan os meus pensamentos.



Eu déixome aloumiñar e fundo a beleza das imaxes co amor desa man que o di todo en silencio.
Seguimos os dous agardando que alguén lle poña un sorriso á realidade.
Quimeras?

                                                                                                          O VELLO SOÑADOR