Páginas

miércoles, 30 de abril de 2014

A NOVELA PERDIDA DE WOODY GUTHRIE


Woody Guthrie



       Entrei, como fago a miúdo, na libraria. É un acto case cotián.
      
       A libraría, xunto con Elepé, vén sendo para min unha segunda casa.
      
       Vou directamente á mesa de novidades en galego. Despois, diríxome á sección de poesía. Folleo os poemarios que me chaman a atención, leo algúns poemas, algúns versos e decido o futuro do libro en cuestión. Xa o convertín nun rito que se repite un día si e outro tamén dende hai moitos anos.
      
       Feito isto, reviso os andeis da LIX e as diferentes mesas que amosan os títulos máis recentes das diversas editoriais. Síntome moi feliz entre libros. Case sempre deixo reservado algún título ou saio cun par deles no bolso. Non o podo remediar.
     
        O acto lector, que se produce na miña casa en cada un dos recunchos creados para iso, resúltame un pracer difícil de expresar con palabras.
      
       Case sen querer, estou afastándome do que quería dicir. Ou talvez non. Tanto ten. Pois facendo o percorrido habitual na libraría, cheguei aos libros da editorial Anagrama. Tras unha primeira ollada, reparei nun libro cuxo autor era Woody Guthrie. Non o podía crer. Woody Guthrie? Era o Woody Guthrie que eu admiro tanto? Era. Non tiña nin a menor idea de que este home, luz para tantos artistas comprometidos coa música e coa liberdade, que levaba tatuado na súa guitarra o lema Esta máquina mata fascistas, escribise unha novela. Veume á cabeza ese fermoso himno “Esta terra é a túa terra” e, deseguido, lembrei as súas magníficas memorias “Bound for glory”, publicadas en español por Global Rythm, co nome de “Rumbo a la gloria” na tradución de Ezequiel Martínez.
      
       Coñecía fondamente a súa obra musical (hai ben anos que mercara un vinilo cunha selección dos seus temas máis importantes), pois, ao longo do tempo fora mercando cedés coas súas cancións, sempre tan suxestivas.
     
       Sabía, ademais, a profunda admiración que Bob Dylan sentía por este pioneiro do folk americano (el foi quen mo descubriu) e, mesmo, coñecía as opinións ben favorables que Pete Seeger tiña sobre Woody.
      
       Pero unha novela? Grandísima e marabillosa sorpresa. O seu título?  "Una casa de tierra”, cunha edición e introdución de Douglas Brinkley e Johnny Depp! Si, si, ledes ben. Trátase do coñecido actor, que era amigo do primeiro.
       
       Ilusioneime, tras refregar os ollos e ver a fotografía do xenial trobador. Era el! E lin por detrás que era a única novela de Woody Guthrie, rematada en 1947 e inédita ata o momento. Aínda non a rematei (estou con ela)*, pero quero salientar o feito. Segundo podemos saber (e así o vou comprobando), trátase dun retrato do “Dust bowl” americano que, coas súas tormentas de area e a súa pertinaz seca, agravou os devastadores efectos da Gran Depresión dos anos trinta.
      
       Din os editores, Brinkley e Depp, que “Guthrie perdura coma a alma da cultura folk norteamericana do século XX. A súa música é a terra. As súas palabras – letras de cancións, memorias, ensaios e, agora, narrativa - son os ladrillos de adobe. É un home do pobo, polo pobo, para o pobo”.
       
       Certeiras palabras. Podo aseguralo dende o coñecemento das súas cancións.
      
Douglas Brinkley
       Saín feliz da libraría. E pensei, axiña, no meu fillo Antón, alá nos EE.UU. A el gústalle, sempre lle gustou, dende que o escoitou por vez primeira. Falamos ben de veces del. E de Hank Williams, de Jimmy Rodgers, de Phil Ochs, do propio Seeger, de Dave Van Ronk ou de Odetta, entre moitos outros. Estaba desexando chegar á casa para intentar localizalo através do Skype, claro. Púxenlle un correo electrónico. Conectouse e falamos. Tampouco el non coñecía a novela. Foi unha feliz descuberta. E comezou, como fai sempre que algo se lle escapa, a investigar.
      
        Pedinlle que traducise, directamente dende o inglés, “This land is your land”, a súa canción de referencia. Comprometeuse e cumpriu.
      
       Unhas horas máis tarde, tiña a tradución no meu ordenador.Portouse, porque Antón, que está decontino a facer cousas, ás veces é un pouco “informal” cando lle pides algo. Informal nos prazos soamente, pois non deixa endexamais de cumprir o prometido.
      
       Velaquí a tradución:


The Dust Bowl
ESTA TERRA É A TÚA TERRA
Woody Guthrie

Esta terra é a túa, esta terra é a miña
Dende California ata a illa de Nova York;
Das fragas vermellas ás augas do Golfo
Esta terra fíxose para ti e para min.

Mentres camiñaba por esa fita de autoestradas,
Vin aí enriba ese ceo infindo;
Vin aí abaixo ese val dourado:
Esta terra fíxose para ti e para min.

Vaguei sen rumbo e seguín as miñas pegadas
Ata chegar ás areas brillantes dos desertos de diamante;
E ao meu redor unha voz soaba:
Esta terra fíxose para ti e para min.

O sol brillaba e eu camiñaba,
E abaneaban os campos de trigo e sopraban as nubes de po,
Cando se ergueu a néboa unha voz cantaruxaba:
Esta terra fíxose para ti e para min.

E no meu camiño vin un cartel
E nese cartel dicía: “Prohibida a entrada”.
Mais do outro lado non dicía nada.
E ese lado fíxose para ti e para min.

Á sombra dun campanario vin a miña xente,
Onda un posto de axuda humanitaria vin a miña xente;
Estaban alí de pé, famentos, e eu preguntei:
Fíxose esta terra para ti e para min?

Ninguén pode xa determe,
Pois camiño pola autoestrada da liberdade;
Ninguén pode xa facerme voltar atrás,
Esta terra fíxose para min e para ti.


         E agora escoitamos a canción nun vídeo que contén un documento excepcional.

       
        
        Comentoume, ademais, que leu no New York Times que poucos sabían da existencia da novela, cuxo manuscrito rematou en 1974 e permaneceu inédito ata estes momentos.
       
       O escritor Douglas Brinkley soubo del cando estaba a facer unha investigación sobre Bob Dylan para un artigo que debía publicar na revista Rolling Stone.
      
       Por outra banda, ningunha das biografías publicadas de Guthrie ata estas datas mencionou a novela, polo que Brinkley, coa axuda da Woody Guthrie Foundation e de Nora, a filla do cantante, empeñouse en buscar o manuscrito. A súa obstinación deu froitos. Acabou atopándoo e a edición de “Una casa de tierra” converteuse nun feito importante. Brinkley e Depp, bos amigos, escribiron o limiar. Ambos senten un grande interese pola figura de Woody Guthrie.
      
       E xa que sae  Bob Dylan á palestra, direi que no primeiro disco do mestre de Duluth, Bob Dylan (1962) que contén 13 temas, 11 arranxados por el e dous coa súa firma, aparece unha canción chamada “Song for a Woody” (unha evidente homenaxe ao seu venerado folksinger) na que, tomando a música de “1913 Massacre” de Guthrie e escribindo Dylan unha nova letra, podemos apreciar a admiración que por el sentía.
    
Johhny Depp
       Sempre se dixo que o Dylan mozo, o segundo día da súa chegada a Nova York, o 25 de xaneiro de 1961, visitou un Guthrie, xa terminal, no Greystone Hospital. “Bound For Glory” impresionara a Bob e, debido á lectura das memorias, tomou a Woody Guthrie como referencia persoal e artística.

       Velaquí unhas liñas deste tema:

Estou aquí, a miles de millas do meu fogar,
Camiñando por un camiño que outros homes andaron antes,
Estou a ver o teu mundo de xentes e cousas,
Oigo os pobres e labregos, princesas e reis.

Eh, eh, Woody Guthrie, escribinche unha canción,
Sobre un mundo paradoxal que dá voltas,
Que semella esfameado e enfermo, canso e roto,
Que semella estar a morrer sen ter nacido aínda.

Eh, Woody Guthrie, pero eu sei que ti sabes
Todo o que che poida contar e moito máis,
Estou a cantarche unha canción que non di abondo
Porque hai poucos homes que fixesen o que ti levas feito (…)
      
        E podemos escoitar a canción na voz de Bob Dylan, en directo no Continental Airlines no ano 1999.

      
         
       No seu libro “Crónicas, I” escribe Dylan sobre o trobador de Oklahoma: “ A miña vida cambiou para sempre o día no que me puxeron un disco de Woody (…) El captaba como ninguén a esencia das cousas. Era poético e duro á vez… O seu estilo, a maneira como a súa lingua ía debullando a letra, abatíate de costas (…) Para min foi coma unha revelación, coma se unha áncora moi pesada acabase de mergullarse nas augas dun porto…”
      
       Curiosamente, ao mesmo tempo da descuberta desta novela, mercara eu un disco fermosísimo chamado “Woody Guthrie at 100! Live at the Kennedy Center”, no que artistas como Rosanne Cash, Tom Morello, Lucinda Williams, Judy Collins, Ani DiFranco, John Mellencamp, Donovan ou Ramblin´Jack Elliott entre outros homenaxean en vivo ao máis grande cantante de folk americano.
      
        Non podía deixar pasar este interesante achádego. Por iso dou conta del neste artigo. Por iso entra en “Versos e aloumiños” coa dignidade que este home merece.
       
       Espero e desexo que a figura de Woody Guthrie sexa coñecida e valorada como corresponde.
     
      Woody Guthrie é grande, moi grande.

        * No momento de saír esta entrada neste blog-revista, hai dous días que rematei a novela de Guthrie.Non me defraudou. Non é unha obra mestra, dende logo, pero si a expresión dunha psicoloxía do ser humano que vive na miseria nunhas condicións humanas, laborais e familiares ínfimas. Ten tesión narrativa, uns toques eróticos, certos momentos poéticos e fai que o lector ou lectora mastigue a area que se levanta e que se una a uns personaxes trazados dende a crúa realidade.
                                                                                                                                             Antonio García Teijeiro

domingo, 27 de abril de 2014

A LUZ DAS PALABRAS (40) Elvira Riveiro Tobío



      
Elvira Riveiro Tobío
O primeiro libro que lin de Elvira Riveiro Tobío foi un poemario moi especial que escribiu para os cativos: Palabras brancas. Con el foi finalista do Premio Merlín de LIX no ano 2007. Interesoume moito a escritora deste magnífico poemario, a quen non coñecía. En todas as conferencias, mesas redondas ou talleres, este libro acompáñame sempre.
      

       As casualidades da vida fixeron que coincidísemos na Universidade de Vigo, durante unhas xornadas dedicadas á literatura infanto-xuvenil. Encantoume coñecela. Pero o mundo, como se di en tantas ocasións, é un pano e, un tempo máis adiante, substituíume no centro onde eu daba clase (e sigo a dala), durante unha baixa que se prolongou máis tempo do que eu agardaba.
      
        Coincidimos por última vez nunha mesa redonda en Compostela, a finais de 2013, falando de poesía e ensino (e moitas outras cousas) na compaña de Carlos Negro e Fran Alonso.
      
       Interésame o que escribe Elvira. Hai en todo o que expresa unha reflexión profunda do papel que xoga, como ser humano, nunha existencia que, ás veces, a supera. Elvira non escribe poesía amable, pero vive a súa vida dunha maneira moi profunda. Todo exerce sobre ela unha presión intensa, moi intensa. Para Elvira Riveiro, penso eu, a escrita convértese nunha necesidade para rachar muros, para acadar a luz que precisa para sentirse mellor. Elvira, sigo pensando eu, sabe que coa poesía non pode cambiar o esencial, pero si sabe que lle aporta as forzas necesarias para vivir cos ollos postos nun horizonte necesario, aínda que este se atope máis lonxe do desexable.
En Compostela (2013) con Antonio G. Teijeiro, Carlos Negro e Fran Alonso.
      
       Con Carnia Haikai, gañou a sexta edición do Premio de poesía erótica “Illas Sisargas”. Un poemario valente no que leva o amor e o erotismo polas canles máis profundas:  Je suis la voyeuse: / quero ver como comes, / como nos comes. / Non deixes nada, / dicíanche de nena… / Como aprendiches! / Je suis la voyeuse: / quero vervos comer / a sobremesa.


       Ou este poema dun erotismo sublime e explicitamente fondo:
 Mordo os teus labios,
cada un dos teus labios:
doce abanqueiro.

Intensamente
téñote a lume lento…
e insanamente.

Métoche os dedos
en cada boca, alí,
onde tes fame.


       Xa dixen que me interesa o que escribe Elvira Riveiro Tobío. Paixón, amor, desencanto, loita por sobrevivir.

       Había tempo que lle pedira un texto para Versos e aloumiños.

       E cumpriu.

        Estivemos hai uns días en La Cuchufleta, unha cafetaría que está preto das nosas respectivas casas (outra casualidade: vive na mesma rúa onde eu nacín), e conversamos. Hora e media que pasou a fume de carozo. Falamos de poesía, do que nos rodea…Intercambiamos libros. Un pracer, a verdade.

        E esta muller inqueda, con incursións na videopoesía, que crea espectáculos poético-musicais, performances; que recita en moi diversos lugares, tróuxome os seus últimos libros.  O poético e entrañable, As redes de Inés, publicado na colección “Merliño” de Edicións Xerais e a obra gañadora do Premio Avelina Valladares  de poesía, na súa XVII edición, Corpos transitivos,editada por Edicións Fervenza. Estes dous poemarios aparecerán proximamente nas nosas seccións “Catavento de poemas infantís” e “Escaparate poético”.

       Para Versos e aloumiños, Elvira Riveiro enviounos un impresionante poema, que recita habitualmente  e que non pasa desapercibido. Non é un máis. Quen o escoita pregunta onde o pode atopar. En ningures. É inédito.

        Por iso é unha honra que vexa a luz no noso blog-revista. faloume del. Recibino. Fiquei emocionado. Pedinlle que nos falase algo arredor del.

       E Elvira fíxoo. Expresa a complicación que para ela supón volver sobre o poema de amor. Pero ela regresa unha e outra vez porque (é certo) acredita no amor.

Compostela. 2013.

        Volver ao poema de amor significa, sobre todo, “non intentar caer na cursilería, achegarse ao tema de xeito non convencional, que non soe a repetido, tentar transmitir autenticidade e un pouco da emoción que o sentimento provoca”, segundo as súas propias palabras. E engade: “Pareceume que o tratamento máis clásico do tema incide no amor eterno, no amor para sempre, na celebración do amor que durou moito tempo… Entón, un pouco para poñer o contraste fronte a boa parte da tradición literaria occidental, quixen facer un canto celebrativo dun amor que leva 3 anos (unha data aparentemente insignificante e, por insignificante, co engado das cousas pequenas)”.

        Discurso clarificador e emotivo, que cativa. E continúa a poeta dicindo: “A partir de aí o poema requiriu un pouco de investigación arredor de toda caste de sucesos históricos, míticos,etc. que tivesen que ver co 3. Afortunadamente, a listaxe que saíu da miña pesquisa foi tremendamente evocadora, fermosa, variada… e deu lugar a un discurso que aúna o sorprendente e/ou ocorrente co propiamente emotivo”.

        Que marabillosa maneira de expór que certos espazos dos sentimentos non teñen límites!

        Que magnífico discurso poético para amosar as sendas tan variadas que existen para relacionar emocións dende diversos puntos de vista!

        E remata Elvira Riveiro Tobío con estas palabras: “Por outra parte, non quería caer de ningunha maneira no concepto de amor eterno (para min o amor é eterno exactamente mentres dura), por iso ese final, un final un tanto sorpresivo no que procuro xusto iso: referirme á caducidade do sentimento amoroso, caducidade que pode ser de 3 anos, de 30 ou de 3 días”.
      
       Sobran as palabras. Unha delicia ler esta exposición.

        Así que, unicamente, nos queda ler o poema e gozar dunha poesía de enorme nivel.

        Non sabes, Elvira, o moito que che agradecemos estas palabras e estes versos sublimes.



amor métrico decimal

febreiro ten trampas delicadas
que poden deixarte de improviso
Pintura de Xulio García Rivas
á porta duns labios sen amarre
poñerte no couzón e vas e entras
e ficas 3 anos suxeita no amocelo desa boca
mais ben mirado 3 anos non é tanto
á fin e ao cabo que pode pasar en 3 anos
á parte duns labios polos que ser atravesada?
se aínda un supoñer fosen 30
30 anos dan (é sabido) para unha guerra en Europa
con todo o que iso implica e non é grato facer patente baixo este título
30 para unha paz en Grecia
(digo da antiga Grecia)
comparado co trienio 30 anos xa son algo
algo aínda pequeno
limitado
pero 3 centos é outra cousa
3 centos anos xa dan para unha lúa de mel
para pouco máis en realidade
Pintura de Xulio García Rivas
(Hera e Zeus non fixeron máis ca iso nese tempo)
entón que son 3 anos?
apenas a centésima parte dunha lúa de mel
unha lilaina (eine Nichtigkeit mein Schatz para que entendas)
en 3 mil anos dálle tempo a un imperio
(exipcio por exemplo) a estender o seu poder
presenciar o seu ocaso en todo caso
durante un imperio hai ocasión para entreterse un chisco
se tal construír unhas pirámides
descubrir as bondades da escritura
facer dun río o centro do universo
por iso (en anos) 3 son un tris
algo ínfimo se pensamos en Prometeo e os 30 mil de condena coa aguia devorándolle as entrañas
Prometeo si que tivo tempo de ficar aborrecido da rocha da cadea e por extensión de toda a caste dos minerais metamórficos e aínda dos falcónidos
30 mil anos coitado Prometeo
30 mil a Idade da Pedra
todo pedra nin un único metal
fronte a 3
3 ínfimos anos coa pel estremecida
de pedra de metal de barro ardente
que pouca cousa 3 anos!
que pouca confrontados cos 3 centos mil para que xurda e se extinga toda a estirpe dos mamuts
toda a dos neandertais
deixando só rastros nos glaciares
Pintura de Xulio García Rivas
3 centos mil tamén o universo escuro
fronte a 3 anos do teu tan luminoso
e quizais non saibas que son 3 millóns
3 millóns de anos
milenio arriba milenio abaixo
o que abarca a extinción masiva do Devónico
bota contas
3 anos son un sopro
3 anos non son nada
se 30 millóns de anos é o que dura unha breve idade de xeo
dime daquela que veñen sendo 3 anos
cos seus 3 centos e pico días cada un?
se en 3 centos millóns de anos é normal que retrocedan os océanos xurdan continentes se ergan os Apalaches e o macizo da Guayana comece a vida animal e vexetal aparezan peixes e estes incluso sexan quen de mudar as súas aletas por patas e convertérense en anfibios e logo réptiles
se 3 centos millóns de anos dan para que as plantas poboen a terra para os artrópodos para os insectos para a orde dos quelonios que sorte de ridícula medida son 3 anos?
se 3 mil millóns ten a vida na terra dirías que 3 anos é un exceso?
3 anos debruzada na pradería solleira dos teus bordos
3 anos pondo nomes á brancura da tona acesa que te cingue
Pintura de Xulio García Rivas
3 apenas 3 sabendo cal é o significado certo da luz
aínda non me doen as trampas de febreiro
e dáme o corpo que sería quen de estar
quizais non 3 mil millóns pero
polo menos
3 anos máis
gozando do orbe intenso que se incendia neses labios
(ou 3 días)