Hai autores e autoras
dos que agardo con ilusión a saída dun novo libro. Persoas que se dedican a
esta nobre arte da literatura e que me chegan, coas súas obras, ben dentro ou
me provocan unhas ganas enormes de gozar co que escriben.
Unha desas persoas é,
sen ningunha dúbida, An Alfaya. An escribe de marabilla. Coida moito a
súa prosa e, normalmente, pon o dedo na chaga naqueles temas que se interesan
polo ser humano, como seres ilusionados, cos seus problemas cotiáns, coas súas
eivas vitais, cos seus encontros e desencontros, coas súas dúbidas na procura
dunha calma necesaria para vivir.
E An Alfaya eleva todos estes mundos persoais á categoría literaria.
Velaí o seu gran mérito como escritora.
Gústame desta muller a
capacidade que posúe para penetrar na psicoloxía dos seus personaxes.
Escaravella nos seus comportamentos e amósanos uns homes e mulleres, uns nenos
e nenas, con contradicións, coas súas arelas e decepcións, pero sempre dotados
dunha tenrura que os ennobrece.
E todo isto resulta ben
patente no seu fermoso libro O recendo das clementinas. Non canso
de proclamar que An é unha escritora de
personaxes, capaz, dende logo, de tecer tramas aparentemente sinxelas
(endexamais simples, eh?) envoltas nun sentimento que emociona e dotadas da
tensión da boa novelista.
Neste libro, entramos
na vida, nas sospeitas, nas dúbidas de Abril, unha nena que se traslada cos
seus pais a un barrio novo sen coñecer a verdadeira causa do traslado. Todo
isto, apoiado no silencio dos pais, provoca nela dúbidas que acabarán por
enchela de desconfianza neles.
O achado fortuíto dunha
fotografía vaina levar a un desacougo fondo que fará que o seu comportamento se
volva hostil cos pais.
Por outra banda,
personaxes entrañables como don Claudio, o rico propietario dunha frota de
vehículos de aluguer; da súa muller dona Clementina, que pasa ben tempo no seu
cuarto ou nunha cadeira de rodas e que escribiu contos infantís; de Bernal con
quen fai amizade e con quen xoga á Play e que a segue onde vai ela; do
empregado do seu pai no taller de reparacións de coches, Sebastián, a quen
chama Ferramenta e polo que a nena
sente un cariño especial, son algunhas das persoas que andan pola novela e
danlle á mesma un sentido de humanidade profunda.
E sen esquecer a boneca Paulina, cunha historia detrás, que
tentará arranxar Abril, pois é unha rapaza a quen lle encanta fedellar nos
obxectos, nos aparellos, nos electrodomésticos para montalos e desmontalos se
están estragados.
Todos os personaxes
teñen unha grande importancia na novela, na que hai tensións, misterios por
resolver, descubertas, fuxidas e incertezas.
Un libro tenro, que
crea pequenos espazos persoais, que deixa situacións ao noso criterio, que
permite falar e discutir. Unha clara viaxe ao interior das persoas que senten a
necesidade de saber quen e como son. Unha historia fermosa, exposta con
intelixencia por quen é unha das mellores narradoras do panorama galego actual.
ANTONIO GARCÍA
TEIJEIRO