A primeira vez que fun consciente do nome de Arthur
Alexander foi escoitando o primeiro disco dos Beatles, Please Please Me, ese
elepé que, segundo parece, gravaron nun só día para Parlophone. “Alexander”,
dicía debaixo do título da canción “Anna (Go to Him)” que tanto me gustaba. E o
mesmo apelido aparecería pouco despois nos créditos de “Soldier of Love” e “AShot of Rhythm and Blues” que os de Liverpool incluíron nas súas sesións para a
BBC. Como tamén me atraeron eses dous temas, axiña procurei unha compilación
coas mellores gravacións de Alexander (que non foi nada doada de atopar, por
certo), e entón descubrín que o intérprete e compositor desas tres pezas nacera
en 1940 en Florence, no estado de Alabama, unha terra fértil no eido musical na
que o noso home absorbeu influencias tanto da música negra como da branca, sons
que canalizou para a creación dun estilo moi persoal que ás veces era soul e ás
veces country e ás veces rhythm and blues sen ser en realidade ningún dos tres ao
cen por cento. De feito, o único xeito de clasificar a música de Arthur
Alexander sen resultar excesivamente teórico (o que é o mesmo que dicir pesado)
é afirmar que é simplemente inclasificable.
A música corríalle ao mozo Arthur polo sangue, pois o seu
pai era guitarrista de blues, pero a el non lle interesaba cinguirse só a un
estilo. Gustáballe, ademais, compoñer as súas propias melodías, algunhas delas
cun son tan preto do country que chegaron a ser rexistradas por cantantes de
música vaqueira, aínda que polo momento ningún destes temas chegaría moi lonxe.
Alexander tería que agardar ata o ano 1962 para acadar o seu primeiro éxito,
“You Better Move On”, unha canción que é boa proba desa música xeneticamente
mestiza, a metade de camiño entre o branco e o negro, que para sempre o
caracterizaría. Editada polo selo Dot, foi tamén unha das primeiras producións
saídas do estudio de Rick Hall na vila de Muscle Shoals, que pronto se
convertería nunha das mecas do soul. Pero como moitos dos protagonistas das
nosas descubertas fonográficas, Alexander era un adiantado ao seu tempo,
creador dunha música idiosincrática cuxa calidade, por desgraza, non sempre
quedaba reflectida nas listas. Así, tralo lanzamento de “You Better Move On”, a
Alexander levoulle un tempo voltar a situarse entre os máis vendidos, algo que
ocorreu cando gravou a devandita “Anna (Go to Him)”. Afortunadamente, aqueles
que teñen talento adoitan recoñecer o que é bo cando o escoitan, e non só os
Beatles tomaron nota das cancións de Alexander, senón que tamén os Rolling
Stones fixeron unha moi meritoria versión de “You Better Move On”, amosando
dese xeito a súa débeda co de Alabama.
A devoción que outros grupos máis populares sentían pola
música de Alexander, porén, non se traduciría en éxito comercial para el, e
despois de varios singles de enorme calidade que non venderon o que se
agardaba, Dot deixouno marchar. Fichou entón por Monument e por outras
compañías, pero endexamais conseguiría repetir os seus breves intres de gloria, nin sequera a principios dos anos setenta cun excelente disco para
Warner Bros. que contiña unha versión de “Burning Love”, que pouco tempo
despois ficaría identificada para sempre con Elvis Presley (cuxa morte, por
certo, Alexander lembraría nunha canción en 1977). Canso e frustrado polas
escasas vendas do elepé, Alexander decidiu retirarse do mundo da música e
aceptar un traballo como condutor de autobús, un emprego moi por debaixo do seu
talento artístico pero sen dúbida moito máis estable. Aínda que pisaría os
estudios ocasionalmente, gravando algunha pequena marabilla coma “Every Day I Have to Cry” (interpretada tamén, entre outros, por Jerry Lee Lewis), terían
que pasar case dúas décadas para que publicase un novo disco. Isto ocorreu en
1993, e o seu derradeiro álbum, Lonely Just Like Me (Elektra / Nonesuch) é moi
recomendable. Pero a sorte tampouco o acompañaría nesta ocasión, xa que faleceu
ese mesmo ano en Nashville sen ter a oportunidade de promocionar o seu
traballo final.
Na miña opinión, Alexander é un deses artistas que realmente
nunca escribiron ou escolleron unha mala canción, e por iso todos os seus
discos poden mercarse con total confianza. Pero un bo lugar para comezar a
nosa exploración do seu legado musical é The Greatest Arthur Alexander (Ace),
que presenta as súas mellores gravacións para Dot, o período máis
representativo da súa carreira. Ademais das catro pezas xa mencionadas que
gravaron os Beatles e os Rolling Stones, atopamos aquí temas imprescindibles da
súa discografía, coma “You’re the Reason”, “You Don’t Care”, “Dream Girl”, “Go Home Girl” ou “Black Night”, todos eles magníficos exemplos da súa voz cálida e
acariñadora e dese estilo tan de seu que ás veces os críticos definen como
country-soul, unha etiqueta bastante adecuada pero non totalmente
satisfactoria, porque xa dixemos que a música de Arthur Alexander é
inclasificable. Quen goce con esta compilación, debe facerse asimesmo con outra
que a complementa, The Monument Years (Ace), que contén todos os singles que
gravou para Monument e Sound Stage 7, ademais de con Rainbow Road (Warner
Bros.), o seu inxustamente infravalorado álbum de 1972. Estes tres CDs, xunto
co seu canto do cisne nos anos noventa, son testemuña evidente do xenio
creativo dun home único e anovador que, aínda que foi admirado por algúns dos
nomes máis importantes do rock, resultou incomprendido pola meirande parte do
público. Unha desas pequenas traxedias das que, por desgraza, está chea a
historia da música popular.
Coma no caso de Johnny Kidd, desta volta tampouco conseguín atopar vídeos de Arthur
Alexander, e por iso déixovos con “Rainbow Road”, unha das mellores cancións do
elepé que rexistrou para Warner Bros. a comezos dos anos setenta. Que un tema
coma este non acadase éxito ningún faime dubidar ás veces do bo xuízo do xénero
humano. Escoitádea e xa me diredes se non estades de acordo.
ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ