Claudio Abbado |
Acaban de dicirmo.
E doeume moito.
Persoas coma el nunca
morren, porque deixan o seu ronsel para sempre nas súas interpretacións, nos
seus discos, nos eidos audiovisuais. E todo permanece na memoria dos que amamos
a música.
Foise o gran director
italiano Claudio Abbado. Sen dúbida,
o mellor director da súa xeración. Un home admirable, comprometido co ser
humano.
Ese home que chegou a
afirmar que non lle gustaba falar, que prefería dirixir.
Director musical das
mellores orquestras do mundo. De natureza tímida e introvertida. Un home que
loitou por acadar ese soño que, xa cando tiña oito anos, escribira no seu
diario que quería ser director de orquestra.
Un fenómeno poco
habitual: foi un director sen ego.
As súas cualidades humanas son moi evidentes.
Como di a escritora Helena Matheopoulos, “Abbado é unha persoa desprendida,
tranquila, absolutamente sincero e auténtico, un dos poucos directores que
produce na orquestra a impresión de ser un colaborador interesado en
acadar o mellor dela (desagrádalle
enormemente que o chamen “mestre”), e valora moitísimo o feito de ter
sido director musical dalgunhas orquestras cuxos músicos elixen o director”.
Así é. Escoito, na súa
lembranza, o primeiro concerto para piano e orquestra de Beethoven. Ao piano, o seu amigo Maurizio Pollini; el, dirixindo a Orquestra Filarmónica de Berlín.
Unha xoia que está moi preto de min no meu lugar de traballo.
Ademais, tamén merco
unha caixiña cunhas obras de Haydn
que pagan a pena. Son sete sinfonías de Londres. Dirixe a Chamber Orquestra of
Europe e resulta unha delicia escoitala.
Ata sempre, MESTRE,
aínda que non che guste o termo.
Escoitemos e vexamos a Claudio Abbado dirixindo o Adagietto da 5ª sinfonía de Mahler. (8´31)
Hai xa algúns días
deixounos tamén outro home comprometido.
Comprometido coa
sociedade civil arxentina, loitador contra a ditadura que infectou este país
durante ben tempo. A súa poesía desgarrada, directa, nacida do vínculo entre a
realidade inmediata xunto a unha elaborada estrutura expresiva e certas
técnicas vangardistas, para “descubrir o marabilloso que se agocha tras os
feitos cotiáns”.
Si, hai uns días foise Juan Gelman, o poeta arxentino, nado en
Bos Aires no ano 1930.
Juan
Gelman que definiu a poesía como “ un oficio ardente no
que un traballa mentres agarda que se produza o milagre da maridaxe feliz da
vivencia, a imaxinación e a palabra”.
Poeta de moito talento,
xera unha poesía plena de intensidade que pon en conxunción vida, creación e
escritura. Versos dotados dunha gran precisión na linguaxe, chea de amor e
sentimento, de delicadeza e orixinalidade.
Juan Gelman fala sobre a poesía. Escoitalo é un pracer. Ironía e claridade no seu recitado.
Leamos, agora, dous poemas
deste magnífico escritor:
HILOS
El nudo ata hilos para que
de coser.
El hilo calla y sigue con
el alma que le quieren atar
y
como amado en su amada desata
aires, aguas, ardores
que no se pueden apagar.
El nudo que ató la pobreza
es una cara de la nada.
Hay hambres
en el sabor roto del mundo.
(De Mundar. Visor 2008)
NO SABER
ARROJEN las desgracias íntimas.
cuáles deliran, inútiles.
Sobre sus hojas no hay
pajaritos del cosmos desvestido.
Viva el sol, viva el sol.
En los menos del alma
caben amores a la vista, caballos,
maderas de un carpintero loco.
Llevaron a otro cuarto
las hogueras sagradas,
los
abordajes a la esperanza, triste
de nos, callados.
Se pregunta qué somos
Sin cosechar la boca.
(De El emperrado corazón amora.
Tusquets. 2011)
Se queredes escoitar o poeta na súa propia voz, tedes aquí, un vídeo de 22 minutos, que paga a pena ver.
E o terceiro suceso,
este si, vivo e cheo de paixón pola música do extraordinario pianista Alfred Brendel.
Nado en Wiesenberg,
Moravia, este home, que ofreceu o seu primeiro recital aos dezasete anos, tras
estudar no Conservatorio de Graz, converteuse nun concertista dun grandísimo
prestixio.
Recibiu numerosos
premios ao longo da súa carreira, outorgáronselle os títulos de honoris
causa das universidades de Oxford e Yale, ademais de moitos outros
galardóns. É, tamén Brendel, un
brillante ensaísta sobre temas musicais, sen esquecer os varios libros de poemas
que escribiu. A súa integral, por exemplo, das sonatas para piano e dos cinco
concertos para este instrumento e orquestra de Beethoven son xa unha referencia esencial para os amantes da música
clásica.
Teño nas miñas mans un
libro interesante e imprescindible: De
la A a la Z de un pianista. (Un libro para amantes del piano). Acantilado
2013, coa tradución do alemán de Jorge Seca.
Coincido co rotativo
alemán Frankfurter Allgemeine Zeitung,
cando afirma “que Alfred Brendel fai
neste volume unha sincera declaración de amor ao seu instrumento con este
glosario”.
Efectivamente, un
glosario apaixonado, escrito dunha maneira intelixente, no que toca temas
fundamentais do piano, escritos dun xeito ameno e clarificador. Acorde,
arpexio, Bach, Beethoven, Brahms, conxunto instrumental, crescendo, emocionar,
equilibrio, interpretación, lied, pedal, síncopa, sinxeleza, tose, trinos ou
virtuosismo, entre moitos outros, son puntos sobre os que Brendel escribe con sabio coñecemento e esta sabedoría permite que
o lector deguste a súa prosa e aprenda sen se decatar.
No prefacio, o propio Brendel explica o obxectivo do libro. É
moi nidio e comeza así:
“Este libro destila o que, á miña avanzada idade, teño que
dicir sobre a música, os músicos e os asuntos do meu oficio. O meu outro
oficio, a literatura, esixe que diga as cousas con sinxeleza, pero sen
simplificalas inadmisiblemente. Ademais, tamén intervén aquí a miña
predilección polo aforístico e fragmentario…”
Un libro de referencia,
coma as súas interpretacións, escrito por un artista, un intelectual, un
estudoso, alguén que, de xeito apaixonado, dedicou a súa vida á arte da música,
sempre en consonancia coa literatura.
Un libro, pois, para
gozar da música e da palabra sedutora.
Saboreemos a mestría de Alfred Brendel, interpretando un impromptu de Schubert. Op.142, nº2 (5´59)
Tres grandes homes.
Tres poetas da vida. Tres persoas enchendo de sentimento todo aquilo que
acometeron (e Brendel, afortunadamente)
aínda emprende).
Tres figuras que Versos
e aloumiños hoxe quere salientar.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO