Páginas

domingo, 1 de diciembre de 2013

A MIÑA PRIMEIRA ROSALÍA, UN GOZO PARA OS SENTIDOS



Edicións Xerais de Galicia agasallounos, hai un tempo, co magnífico libro O meu primeiro Celso Emilio, na edición de Xiana e Xosé Lastra, con ilustracións de María Manuela. O volume levaba, ademais, un CD con oito poemas do autor celanovés musicados e cantados.

No mes de outubro viu a luz outro libro da mesma serie, cos mesmos editores e ilustradora. A poeta a quen se dedica o libro non pode ser outra que Rosalía, cando se cumpren cento cincuenta anos da publicación de Cantares gallegos.

Esta obra é verdadeiramente atractiva. Unha antoloxía moi ben escollida, un CD con doce poemas musicados cunha calidade que non é frecuente. Teño que dicir que gocei con esta proposta literaria  unha barbaridade.

O libro está dividido en tres partes: a primeira chámase Así viviu, unhas páxinas dedicadas á vida da poeta, moi claras, para que os pequenos (pequenos?) lectores teñan unha idea de quen era Rosalía de Castro.
A segunda parte leva o nome de Así sentiu, e comeza cuns textos en prosa da autora de Cantares gallegos sobre os seus obxectivos á hora de escribir o libro. Hai reproducida unha páxina de publicación do poemario cuxas primeiras liñas din: Grande atrevemento é, sin duda, para un probe inxenio coma o que me cadrou en sorte, dar a luz un libro cuias páxinas debían estar cheias de sol, de harmonía e daquela naturalidade que, unida a unha fonda ternura, a un arrulo incesante de palabriñas mimosas e sentidas, forman a maior belleza dos nosos cantos populares… E deixa claro Rosalía que o móbil que a levou a publicar este libro foi a “falsedade con que fóra de aquí pintan aos fillos de Galicia coma a Galicia mesma, a quen xeneralmente xuzgan o máis despreciable e feio de España, cando acaso sea o máis hermoso e dino de alabanza “ (…). E segue este apartado con fermosos poemas, moi ben escollidos e que deben ser lidos dende a fondura máis precisa por todos aqueles que senten este noso país ben dentro.


A terceira parte leva por nome Así a cantamos e son poemas de Cantares gallegos e Follas Novas. Músicos e voces de verdadeira calidade, fan dos poemas rosalianos unha auténtica delicia. As cancións teñen arranxos moi variados que van dende o jazz (Nani García é un músico de referencia neste eido, e toca, ademais, o piano) á música popular ou os cantares de cego, musicados por persoas tan prestixiosas como Amancio Prada, Rodrigo Romaní, Xurxo Varela (marabilloso coa viola da gamba) Baldomero Iglesias (Mero), María Manuela, Xoán Montes ou Luís Emilio Batallán (este, no poema A Rosalía de Curros Enríquez). Roberto Grandal, Nuria Lestegás, Paco Barreiro, José L. do Pico, Pablo Sabio, Marcos Teira, Simón García ou a mandolina de Manolo Dopico.
Na fotografía superior: Mini. Nas outras dúas: Mª Manuela e Xiana, e Mero.

As voces e recitados de Xiana, Mino, Mero, María Manuela son unha delicia para o oínte, porque están cheas da sensibilidade de quen sabe cantar e pon a súa voz para engrandecer o discurso rosaliano.

En definitiva, outro libro sobre Rosalía de Castro, neste ano de celebración, que non é un libro máis. Vén sendo un achegamento a esa muller que tanto nos leva deixado nos nosos corazóns. Unha obra moi completa que combina boa música coa palabra poética, algo que eu veño defendendo dende sempre, moi ben editado e cunha concepción brillante que eleva  a visión de Rosalía ás cotas máis sublimes, sen esquecer o seu carácter divulgativo. Un carácter que non esquece endexamais a emoción lírica e o compromiso cívico.
Arriba, á esquerda: Xosé Lastra. Nas demais fotografías os músicos participantes no CD
Remato estas liñas recordando os versos de Luís Pimentel que os autores poñen ao principio: Non convén chorar máis. / Ela chorou por todos e pra sempre. Versos que levan debaixo unhas fermosas palabras que resumen o espírito do libro:

Esta publicación é unha homenaxe a Rosalía de Castro, que puxo a súa voz e a súa vida ao servizo da dignificación da nosa lingua, das mulleres e dos desfavorecidos, en tempos nada propicios.

Un pracer para os sentidos. Palabra poética, música, cancións e unhas ilustracións de María Manuela que non poden ser máis axeitadas para enriquecer os textos incluídos neste volume.
                  
                                                                                                                                    ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO