Páginas

jueves, 10 de octubre de 2013

A LUZ DAS PALABRAS (29) Fina Casalderrey



Fina Casalderrey

Penso, sinceramente, que sobran as introducións cando falamos de Fina Casalderrey.
Fina é unha muller entrañable, cunha obra moi importante na LIX galega, cun Premio Nacional no seu peto, con tantos recoñecementos a todos os niveis que faltan palabras e adxectivos para nomealos todos.

Fina escribe moi ben. Moi claro. Directamente aos rapaces e rapazas cunha linguaxe sinxela que eles entenden. Conta historias tenras, porque ela é tenra. A eles e a elas gústanlles os libros de Fina e non me estraña nada.

Eu quedara feliz cando lera o seu libro Dúas bágoas por máquina. Entón a coñecín. Sempre nos admiramos mutuamente. A ela gustábanlle os meus poemas. Alá fun eu para encontrarme cos seus nenos aos que, segundo ela, tamén lles gustaban.
O encontro foi marabilloso. Claro, cunha muller da categoría humana de Fina Casalderrey, non podía ser doutra maneira. Tamén recordo as casetes, que me enviou nunha época na que tiven que gardar cama, con poemas recitados e cantados polos seus alumnos e alumnas. Non houbo medicamento mellor. Fixeron, entre todos, que me sentise moi feliz.


E para rematar, porque Fina non precisa de introducións, nunca esquecerei uns premios Xerais celebrados en Carril, nos que Fina me dixo literalmente: “Antonio, este premio vas gañalo ti. Merécelo.” O ano seguinte gañaba con Na fogueira dos versos. Fina é así de xenerosa, algo que resulta moi grato para os que a queremos.

Ah! Esquecíame. O vindeiro día 22 de Novembro, ás 19.00, no Teatro Principal de Pontevedra, Fina Casalderrey lerá o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega.
Foi este un gran recoñecemento tanto a Fina Casalderrey como a súa obra, ademais de supoñer unha satisfacción enorme para a LIX galega, que tanto necesita do esforzo de todos para acadar a visibilidade que precisa.
 
Salón do Libro de Pontevedra
Hai certo tempo a organización do Salón do Libro de Pontevedra dedicoulle o mesmo a Fina. Preguntáronme se quería loala no acto que tería lugar coma homenaxe a ela. Dixen que si sen dubidalo. E escribín un texto cheo de agarimo e admiración por ela.

Agora vouno publicar aquí, como unha nova reivindicación (non sería necesaria, pero…) da figura de Fina Casalderrey, grande escritora e amiga de verdade.


FINA NON SE ESCRIBE CON F

Non se podería entender a miña vida de escritor sen a presenza de Fina Casalderrey.
O primeiro libro que lin dela foi Dúas bágoas por máquina. Sensibilidade e axilidade narrativa resumen esta obra. Emocionoume.
Coñecín a Fina e decateime axiña de que era a autenticidade en persoa. Unha autenticidade envolta en agarimo e respecto. Unha autenticidade que un agradecía nuns momentos de loita por ser lido.
No Salón do Libro de Pontevedra, lendo o texto dedicado a Fina
Fina sempre me deu azos para que seguise polo camiño emprendido. Sempre creu na miña escrita. Sempre se confesou admiradora da miña poesía. E iso enchíame de orgullo. Fina estaba segura de que eu acadaría algún que outro éxito e nunca esquecín as súas palabras saídas do corazón: “O importante, o maior premio é que te queiran os lectores. Non o esquezas”. Tiña razón. Eu miraba para ela e pensaba no acertado desta afirmación. Ser querido e respectado polo que facías converteuse nunha constante na miña vida. E, en boa parte, débollo a Fina.
Así que tras reflexionar moito sobre estas e outras cousas, cheguei á conclusión que Fina se podería escribir con F de familiar, de fenómeno literario, de fantasía, de famosa, de forza interior…pero non, non só. Fina escríbese con A . Si, si, con A de agarimo pola súa familia, de agarimo polos seus alumnos, de agarimo polos seus amigos, de agarimo por todos aqueles e aquelas que escribimos, polo seu alumnado. Agarimo,si, pero tamén podería ser de AMOR. Amor á vida, ao ser que sofre, a tanta xente vulnerable, ás pequenas cousas, aos cativos e cativas, ao seu compañeiro de toda  a vida.

Porque Fina non se escribe con E de envexa pero si con E de entusiasmo,
nin con A de ambiciosa nin de arrogante, pero si con A de amiga, de amabilidade; nin con U de única protagonista pero si de útil.
Fina escríbese con C de Casalderrey, claro, pero tamén con C de compartir, con C de coincidencias. Fina e mais eu  temos algúns puntos comúns. Común,por certo, tamén se escribe con C.
Únenos aos dous o amor polas palabras, polo ensino, polo termo MESTRE ou MESTRA, o respecto polos lectores, o contacto coa querida e chorada María Victoria Moreno.
Únenos a paixón pola poesía, o ton poético da prosa, a facilidade de alegrármonos polos éxitos dos amigos. Únenos a liberdade á hora de escribir e enfocar o que escribimos.
Fina escríbese tamén con M de Moraña, de Marín, de Mariano. Con M de mestra, palabra fermosa que tanto lle gusta. Nunca esquecerei o trato recibido na miña primeira visita aos seus alumnos do colexio Santa Lucía. Como lían/vivían os meus poemas! Dramatizaban, cantaban, vibraban. Sentías que te querían. Que te agardaban cun agarimo pouco común. Aí estaba ben visible a man de Fina. Porque Fina se escribe con X. Si, con X de xenerosidade. É esta unha das maiores cualidades de Fina. Fina é xenerosa coma escritora. Percíbese a través dos seus personaxes, os mesmos que te engaiolan cada vez que les ou reles os seus libros. E abofé que é así. Pero é xenerosa coma escritora porque o é coma persoa. Lembro a carta que dirixiu aos meus alumnos alá polo ano 1995, penso. A cada un deles foille dicindo algo específico. Animounos a mergullarse no fascinante mundo da lectura. Deulles ánimo para que seguisen camiños acertados na vida e incidía (Ai, a súa xenerosidade!) na poesía do seu mestre.

Por iso Fina escríbese con X de xenerosa, de xenial, de xeitosa. Fina leva ben dentro conceptos tan humanos como o de xustiza social. Xa digo, Fina escríbese con X. Lembro, tamén, cando estiven doente dunha afección renal. Neses momentos, Fina, si, si, esa Fina que se escribe con X, sóuboo. E non tardou en chegar á miña casa unha gravación en casete coas voces dos seus alumnos recitando os meus poemas de Lueiro de papel desexándome unha rápida recuperación. Foi unha delicia. Un agasallo inesquecible que gardo con agarimo e que me axudou a ver algo de luz nuns días de tebras.
Ademais, Fina escríbese con I de inesquecible. Cando les un libro seu, queres coñecela e cando a coñeces non a esqueces nunca. Fina escríbese con I de infatigable, de ilusión, de ilusionista, de ilusionada, de ilusionante. Ler as súas novelas ilusiona. Faiche pensar, emocionarte, reflexionar. Por iso Fina escríbese con P de pensamento, con E de emoción, con R de reflexión. E tamén con Q de querer. Sempre me impresionou o amor polos seus pais. Un amor desinteresado e fondo. Fina non se cansa de querer. Nuns tempos nos que non se valora de abondo a figura dos maiores, Fina quéreos, aparecen nas súas novelas e axuda a que os lectores reparen neles. Fina, pois,  escríbese con Q de querer e sentirse querida. Quere, ademais, que compartamos con ela a loita por un mundo mellor a través dos aloumiños, do cariño por aqueles que a rodean. Porque, e xa tardaba, Fina se escribe con T de tenrura. Se hai algo que a define completamente, se tivésemos que empregar un único adxectivo – algo imposible ao falarmos desta muller- eu quedaríame coa palabra tenra. A tenrura dos personaxes de Fina procede da súa persoa. Tenra na ollada, tenra nos seus xestos, tenra na voz. Definitivamente, Fina escríbese con T de tenrura. Agora si podo dicir que os seus personaxes, homes e mulleres, nenos ou nenas, vellos e vellas e, non o esquezamos, os animais, tan importantes na súa vida, todos están cheos de tenrura. Claro, coma ela. Non podía ser doutro xeito porque para Fina, o mesmo que para min, vida e literatura camiñan sempre da man.
Tras o acto de Pontevedra
Fina escríbese con N de narradora. Fina conta, engaiola, fai sentir que a palabra posúe moitos rexistros. Demostra que a palabra atrapa cando se utiliza con enxeño e intelixencia. Fina sábeo e é quen de tinguir os seus escritos dun humor tenro que desbota do seu discurso dramatismos innecesarios. Encántame a súa afirmación de que valora moito que as palabras teñan ás. Fina, claro, escríbese con I de identificación. Todos os seus lectores identificámonos coas súas criaturas, valoramos as súas reaccións e queremos sentir coma eles.
Pero Fina escríbese, tamén, con A de apertura nos temas que aborda. Lembro que, cando lin O estanque dos parrulos pobres , quedara marabillado pola maneira de contar algo tan duro como a morte. Impresionoume a sensibilidade coa que tratou un tema tan traumático para tanta xente, tendo en conta que pensaba nos nenos coma destinatarios.
Con A, tamén, de abrir portas á vida, aos cambios que nela se producen, aos sufrimentos e ás alegrías. E faino tanto a nivel literario como persoal porque Fina é moi agarimosa. Si, si, con A, claro.
Fina escríbese con O de ollos. Ollos infantís aos que leva ilusionando anos tras ano nas aulas e nos libros. Por iso ten esa capacidade tan especial para escribir literatura tras ver o mundo con ollos de nena.
Fina escríbese con N de nena grande, de nai, de navegar polos mares dos afectos, de dicir non á hipocrisía. Tamén se escribe con M de medo. Medo a defraudar, a que non sexan entendidos os seus propósitos, a que non se valoren convenientemente esas cousas pequenas que tanto lle afectan. Medo a que non se teñan en conta os latexos emocionados dos lectores, a que os chamados críticos escriban por escribir, moitas veces a partir de estúpidos prexuízos. Fina ten medo, en resumo, a que as persoas perdan a liberdade de escoller os camiños que queren percorrer..
Fina escríbese con V de verosímil. Unha verosimilitude que a permite reflectir con claridade o mundo dos cativos e dos adolescentes na súa escrita. Fina consegue algo que sempre quixo acadar: “arrincar risos tenros e pícaros, medos, bágoas, escandalizar de cando en vez os cativos e ser politicamente incorrecta ao botar man de palabras e temas que, de certo, lles roubo da súa realidade”.
Fina, en definitiva, escríbese con todo o abecedario porque o seu corazón é tan grande como o seu talento literario. Por certo, tamén con C de corazón, porque Fina ten o corazón moi grande, porque escribe dende el e porque, coa súa palabra, a el chega. Co corazón acariña, con el conmove, con el sacode. Por isto e por tantas outras cousas, permíteme, Fina, que te escriba con G de grazas. Grazas, miña amiga,  por ser como es.
                                         ***************************                                            


Por estas e moitas razóns Fina Casalderrey non podía faltar en Versos e aloumiños.Esta sección, que tanto seguen os lectores, estaría orfa sen a súa palabra.
E Fina, unha vez máis, non nos fallou.
Enviounos un texto fermoso, cheo de agarimo e entrañable, como é esta muller a quen tanto queremos.
Grazas, Fina, por este agasallo tan tenro.

Non ten nome, pero está escrito con A de AGARIMO


“Pero o mellor  foi  o nacemento da nosa primeira neta. Chámase Lillian Sabela, pero chamámoslle Libby. É unha boneca. Xa lle fixen poemas (ata en inglés: cinco haikus) e alegrounos a vida a todos. O peor é que está moi lonxe. Que lle imos facer! Estivemos tres semanas nos EE.UU e foron inesquecibles.”(Correo de A. G. Teijeiro 05/09/2013 0:56)


Querido  e admirado Antonio:

 
Con Antonio en Bolonia

Que ledicia volver saber de ti!

Milleiros de grazas por compartires comigo a extraordinaria boa nova. Xa ves, a vida é coma unha montaña rusa. Agora toga estar arriba e contemplar o mundo vagariño. Canta ledicia e... canta envexa! Fíxate que, a raíz dunha conversa con Xabier Docampo, estamos pensando  en crear unha “Asociación de Damnificados” con todas e todos os amigos que, estando en idade de o merecer, non damos entrado nese Club dos Avós, das avoas, que tanto nos enchería a boca e o peito.

Cóntasme que lle fixeches poemas ata en inglés e iso arrincoume sorrisos emotivos, mais non me sorprendeu; se ti levas a vida enteira loitando para que a poesía burbulle nas escolas coma un manancial natural e para que mestres e mestras, adultos en xeral,  se desprendan de prexuízos e descubran, e transmitan, a maxia que encerran estes versos, que non farás por esa neta!! Canta enerxía contaxias por ese acontecemento!

Por se alguén canda ti lese esta misiva, quero tamén expresarche de novo a miña gratitude por todo o que levas feito polo meu alumnado que se ten queimado na fogueira dos teus versos, que coñeceu, á túa conta as caras de todos os ventos, da chuvia, dos fumes, da fantasía… Son afortunada por ter cadrado contigo nos camiños da vida, algúns psíquica e fisicamente costentos…

O teu Antón púxolle de nome Lillian Sabela. “Sabela”, malia vivir tan lonxe… Xa ves que preto están de ti, de vós… É o legado cultural que seu pai e súa nai lle deixaron, a súa manda testamentaria, leva pegadas duradeiras.
Antón con Lillian Sabela, Libby



Eu, outrosí, quero compartir contigo as miñas vontades para co meu fillo e a miña filla:



“Movida polo corazón, mais tamén coa cabeza, cando chegue o inevitable momento final, só quixera sentir na miña fronte o alento de voces próximas dicíndome “quérote”. E, de non poder ser, que alguén me meta na man uns papeliños de cores que gardo na gabeta da miña mesa de noite nos que di: “mamá, quérote moito”

Marcos, Rocío, meus fillos, ben sabedes que tanto o voso pai coma min coidamos que é mellor que ese instante nos atope liviáns de equipaxe; é por iso que non esperamos a hora derradeira para darvos canto imos tendo e precisades, tanto no material coma no tempo, nas conversas...

Lembraredes que vos teño falado de que nacín co corazón exiliado, e que me criei inxenuamente feliz, xa que as feridas dos vosos avós eran silenciosas —vivían nunha mansión de medo, de ventás cegas. Mesmo puidestes comprobar como a avoa Teresa —a única que vive no intre que isto escribo—, despois de tantos días de camiñar asustada dende aquel agosto que desatara treboadas de miseria, despois dun tempo de pouca escola na que aprendeu un chisquiño a ler e a escribir unicamente en castelán; agora que o avó se foi definitivamente, faille versos; e faillos en galego! É certo que pon todo con “v” e agarda, para non lixar o poema, a que vós lle digades onde lle ha de subir o “rabo”. Escribe, á fin, na lingua real dos seus soños, malia non ter aprendido.

Non sexades analfabetos en idiomas, mais non caiades nunca na trampa de opoñer a nosa lingua a ningunha outra. Todas son fermosas e cantas máis aprendades, mellor; pero non deixedes morrer unha soa palabra para que o universo enteiro non se doia de orfandade e desamparo, como advertía o poeta.
Con Mariano en Bolonia

E a ti, Marcos, o máis vello, heiche pedir perdón por non che bisbar en galego “quérote” naqueles teus primeiros días... Malditos tempos nos que todo se me ocultou en luces de mentira!

Non deixedes de apañar palabras, nin amorodos nos valados canda os vosos fillos. Ensinádelles a amar mesmo a chuvia. Facede medrar o alento cando lles faledes e non permitades que os manquen definitivamente. Convencédeos pola transparencia das vosas vidas.

Oxalá teñades centos de razóns para vos sentir honrados por vos ter dado canto puiden, mesmo a lingua que de voso vos pertence”.



En fin, xa ves que coincidimos. Oxalá esa tan desexada Sabela viva do mesmo xeito aqueles “invernos e risas de hai anos, cando non sabiamos de aldraxes nin danos”, desculpa que che roubase estas palabras túas, pero é que… que te quero, e pracíame despedirme con Versos e aloumiños.

Unha aperta forte coma unha vella ponte de pedra


Fina

Eu, polo menos quedo sen palabras. Emoción en cada liña. É Fina Casalderrey.