Portada de Another self portrait. Pintura de Bob Dylan |
Os seus
dous álbums anteriores, John Wesley Harding e Nashville
Skyline entusiasmaron a todos os que amabamos as cancións de Bob Dylan. Semellaba a volta ás súas
raíces, e de que maneira!
De
súpeto, no ano 1970, aparece un álbum sorprendente. Para moitos, o disco máis
odiado da súa carreira, Self portrait. Por que o fixo? Non
se saben as razóns. Todo foi moi escuro.
Un traballo
desconcertante e zorregado pola crítica. Pode pensarse que gravou unhas
cancións que lle importaron ao longo da súa vida. Unha broma? Un xeito de expresar
unha pausa na súa dinámica vital e musical? Un acto de rebeldía perante a
crítica e deixar fluír a tranquilidade da vida familiar daquel momento?
Difíciles
respostas, porque ben sabemos que Dylan agocha as pistas sobre os seus
obxectivos. Vólvese hermético.Ten completamente desconcertados os seus
seguidores. Sobre un total de 24 temas, Dylan
asinaba só 14. Facer versións, pois, era o seu desexo. A maioría das sesións
tiveron lugar nas instalacións de Columbia en Nashville.
Ben é
certo que non hai unidade ningunha nesta obra. Dylan,
está claro, buscaba demostrar que podía facer algo con retallos unidos ao chou.
Pero non dubidemos endexamais da
intelixencia deste home. Nunca fai as cousas sen ter razóns, aínda que sexan
ocultas. Semella, talvez, querer amosar que estaba sereno e tranquilo. Esa tranquilidade
que lle proporcionaba o mundo rural no que vivía daquela.
Versións
de standars de P. Clayton,Warner e Lomax; un Blue Moon, de Rodgers e Hart, demasiado lixeiro e
temas de Gordon Lightfoot ou Paul Simon, entre outros.
Para min,
persoalmente, foi unha rareza, un aparte na discografía do de Duluth.
Quero
destacar algunhas pezas que me encantaron. Por exemplo, as dúas partes de Alberta # 1 e 2, Copper Kettle ou Wigwam,
ademais de The mighty Queen, She belongs to me ou Living the blues.
Podemos pensar,
tamén, que Self portrait era un acto
deliberado para rachar a súa imaxe de voceiro dunha xeración, un acto de
iconoclastia. Bob Dylan, xa estaba farto
daquela, de ser un gurú para a xente. El só quería ser músico. Como dicía, a
crítica foi moi cruel co disco. Consideraban que era unha desfeita debida a
descartes e certos arranxos que non viñan a conto.Quizais haxa algo de razón
nestas afirmacións dos críticos e moitos dos seus seguidores.
Ninguén
pode esquecer a primeira frase do crítico Greil
Marcus da súa crítica en Rolling Stone: “Que é esta merda”?
Portada do disco Self portrait. Pintura de Bob Dylan |
Confeso
que, malia desconcertarme, eu gocei e escoitei moitísimo Self portrait. E Dylan, coma sempre, volve sorprender
no mesmo ano co seu fermoso New morning, para algúns, un capricho; para min, un capricho
delicioso. Mellor dito un disco fermoso.
Agora,
corenta e tres anos despois aparece no mercado Another Self portrait. Un
dobre disco que redescubre aspectos novidosos na forma xenial de cantar do
mestre, quen sempre está a darlle nova vida ao folk contemporáneo, o mesmo que
fai coas súas cancións.
En Another
Self portrait, volume 10 de The bootleg
series, atopamos un Dylan cantando temas clásicos, blues, country,
folk… Verdadeiras xoias neste dobre CD (tamén saíu en vinilo) de Self
portrait
e en menor medida de Nashville Skyine e New
morning.
Marabillosas
recreacións de orixinais, fermosas relecturas dos temas, demos, versións
alternativas de cancións incluídas en Self portrait, descartes…Un Dylan máis espido que prescinde de
excesos, nótaselle unha contención natural e resulta enfeitizante.
Bob Dylan en 1970 |
Un
pracer escoitar a guitarra de George Harrison
nalgún tema e dá gusto gozar do traballo de músicos como David Bromberg ou Al Kooper na súa vertente máis auténtica. O sinxelo converte a Dylan nun ser máis íntimo. Non debemos
esquecer que sempre foi un artista en pescudas permanentes, con altibaixos en
certos momentos pero cun nivel altísimo de forza creativa.
Para el
non hai cancións boas e malas; hai boas e diferente tipo de boas. Coa súa obra
pasa iso xustamente. Os peores discos, así catalogados pola crítica, teñen
temas de auténtica calidade. Moitas persoas pregúntanse que sería de Self
portrait se se incluísen outra clase de cancións, se se prescindise de
arranxos que desvirtúan a beleza dos temas e o disco tivese unha maior coherencia
musical.Sería outra cousa. Pero Bob non
sería Bob. É así. Xa dixen antes que
este home sempre ten algunha razón (a súa) para facer o que fai.
Pero as
intencións de Bob Dylan son
insondables e, como un xenio que é, vai elixir os seus propios carreiros sen
permitir a presión de ninguén. Bob Dylan
segue a crear álbums extraordinarios e ten a intelixencia de reactualizar o seu
pasado con temas dunha enorme calidade. Non é de estrañar que cada lanzamento
seu sexa agardado cunha expectación inusitada.
Dous
CDs, trinta e cinco cancións para deixarse levar pola arte dun mago da música.
Paga
moito a pena mercar este disco. Pezas como If
not for you, Only a Hobo, Wigwam, I threw all away, a nunca editada Pretty Saro, Days of ’49, Sign on the
window, If dogs run free ou unha New
morning cun acompañamento de trompas son algunhas das marabillas que nos
farán gozar escoitándoas.
Non podo
rematar este artigo sen facer mención ao disco que Dylan gravou en directo con The
Band, no ano 1969 na Illa de Wight. Un auténtico tesouro.
Que guitarra, que sons lle saca o gran Robbie
Robertson. Extraordinaria batería e a voz particular de Levon Helm. E canta calidade atesouran Richard Manuel, Rick Danko e Garth Hudson.
Grupo e cantante dan unha lección de sublime jam, perfectamente axustados e converten este disco nunha sesión en
directo inigualable.
A mágoa
é que este CD só se pode conseguir na edición cara: a que consta de dous libros,
dous CDs e o concerto comentado. Ten un prezo excesivo que, coido, vai impedir
que moitas persoas se fagan con el.
Así que
estamos de noraboa, coa publicación, exquisita, deste Another self portrait (1969-1971),
que fai o número 10 das bootlegs series, que van amosando
todo o potencial do vello Bob ao longo dos anos.
O xenio
máis grande da música popular estará presente cada día en todos aqueles que
amamos a súa obra, deixando fóra os caprichos, a excesiva frialdade nos
concertos (cando toca, non. Eh?) e certas actitudes desconcertantes.
Mentres
a súa voz non cale seremos felices.
O que
dicimos acotío: Bob Dylan é único.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO