Páginas

lunes, 12 de agosto de 2013

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (XXIII) Xosé Neira Vilas





 XOSÉ NEIRA VILAS (Gres, Vila de Cruces, Pontevedra, 1928)



A XOANIÑA ANDEIRA

Sobre o lombo do regueiro
navega unha xoaniña
nunha folla de salgueiro.

Vaise do eido nativo.
Quere ter diante dos ollos
paisaxes que nunca tivo.

Dende o intre que embarcou
sente unha fonda morriña
do prado onde se criou.

Mentres deixa atrás o val
vai dicindo polo baixo:
“ volverei ó salgueiral “.

E unha mañá raioleira,
por entre vimbios e fentas
voltou a xoaniña andeira.

   


XOGUETE

O neno pobre cabalga
nunha ponla de carballo.

-          Arre, cabalo rabisco
galopa e rincha voando.

Así vai de beira en beira
suorento, ilusionado.

Ben sabe que é pouca cousa
enredar cunhos follacos.

Na tenda hai xoguetes finos
pero non poden mercarllos.

Por eso anda o neno pobre
sobre dun pobre ramallo.




FORMIGAS

Unha formiga leva,
outra formiga trai.
Todas xuntas carrexan e carrexan.
Tralarai.

O monte ponse escuro
cando a noitiña cai,
pero segue a medrar o formigueiro.
Tralarai.

Están ledas por teren,
tras de tanto fai fai,
unha casa de seu feita por todas.
Tralarai.




SUBIOTE

Subiote
meu chifrote
de ameneiro,
cantareiro,
paxariño
querendón.
Subiote,
meu chifrote
sempre amigo,
vas comigo
espallando
unha canción.
Subiote,
meu chifrote,
na camposa
todo amosa
o grileo
do teu son.
Subiote,
meu chifrote
recendente,
pau ridente,
bibimbao
do corazón.



(Do libro Cantarolas, editado por E. Xerais, 1995)