XOÁN NEIRA (Lugo, 1953)
A TREBOADA
No corazón do verán
a calor rompe a tarde
e descarga a treboada
Xoán Neira |
no xardín onde arde o aire.
E cando o ceo escampa
na luz da raiola branca
volve o paxaro que canta
encher o papo de auga.
Daquela todo revive
e ten recendo a frescura
e así toda a bichería
acalma a súa secura.
A herba esmorecida
volve reverdecer
e a última flor do estío
resiste outro amencer.
O VAGALUME
Unha noite no xardín
paseando ás escuras
un carreiriño de luz
chamou a miña atención.
Vexo catro vagalumes
que os meus pasos aluman,
contendo a respiración.
Que non se apague o prodixio!
Un carreiriño de luces,
tan só catro vagalumes,
catro estreliñas no chan
a un palmo da miña man.
ROSA DE LUME
Unha rosa de lume
naceu no meu xardín,
cal chama acesa do sol,
perfume de primavera
que rube ao corazón.
Lapa de cacharela
vermella e amarela
vertida no solpor
para incendiarme as pupilas
e facerme soñador.
(Do libro Un niño no xardín, editado por Edicións Xerais, 2012)