Poder falar con este autor sen dúbida foi unha moi boa experiencia. Cambiou a nosa perspectiva de ver o mundo da Literatura. Ver como é capaz de expresar o que sente escribindo, dun xeito do que todos/as gostamos, con poesía, historias... Quedounos moita pena de non poder encontrarnos co poeta en persoa, e saber máis del. Pero estaba a traballar na súa Antoloxía, e agasallounos con parte do seu tempo contestando as nosas preguntas, polo que non temos máis ca
agradecemento.Lemos moitos poemas del, e gustáronnos especialmente "Ventiño" e "Chove nos versos", e aínda que xa rematamos o traballo temos pensado buscar os seus libros e seguir léndoo.Facer traballos deste tipo parece que nos introducen máis no que é a escrita e ganas de ler.
"Afondando na poesía". Vídeo realizado por Antía e Nuria
O día 23 de abril deste ano, dúas alumnas do I.E.S. Pintor Colmeiro de Silleda puxéronse en contacto comigo para facerme unhas preguntas. Enviaríanmas un puco máis adiante.
O motivo era que estaban a facer traballos sobre escritores/as galegos e elas escolléranme a min.
O traballo está reflectido, de marabilla, (parabéns, amigas!) no vídeo que temos arriba.
Pero eu contestáralles, o mesmo día que recibín as preguntas, xa en xuño, e reproduzo abaixo preguntas e respostas que xurdiron deste encontro vía correo electrónico.
Con isto, queda completado o fermoso vídeo que elas mesmas realizaron.
Grazas, amigas e a seguir navegando polos mares da poesía.
Boas tardes de novo Antonio! Tes que disculparnos pola
tardanza de mandarche as preguntas, pero antes de comezar co traballo quixemos saber
algo máis de ti e ler algún que outro libro. Cando teñas un anaquiño libre, se
queres, adícasnolo para contestar as preguntas :
1.Cando e
como foi que te empezaches a interesar por
escribir?
2.Polo que
lemos vese que che gusta máis a poesia, por que?
3.Dos
libros que escribiches,cal é o que máis recomendarias para ler?
4.Gústache
tamén ser mestre ou é un traballo duro?
5.Es moi
defensor da nosa lingua?
6.Nunca
escoitamos o teu programa da radio; que facedes realmente?
7.Para
escribir, inspirácheste en cousas que ves, oes e colles apuntamentos ou como o
fas?
8. Algunha anécdota da túa vida de escritor.
E isto é
todo; agardamos as túas respostas.
Un saúdo!
1.
Vivía nun mundo gris que non me gustaba. Sentía que me
presentaban unha vida falsa e que había outra agochada.
Entón, sentín a necesidade de escribir, de expresar os meus sentimentos, de
coñecerme mellor e ía escribindo todo aquilo que desexaba sacar de dentro. Non
tiña valor literario pero si, valor persoal. Só cando me convertín nun bo
lector o que escribía comezou a coller solidez. Foi cando comecei a facer
literatura.
2.
Gústame a literatura boa. Teño tres novelas,
varios libros de relatos…e moitos de poesía. A poesía é a alma da literatura.
Todo escritor de narrativa debe ser un lector esixente de poesía. Eu necesitaba
expresar o que sentía en clave poética. E sempre quixen que os meus alumnos
gozasen dela.
3.
Pois, curiosamente, agora acaba de
saír unha antoloxía de toda a miña poesía infanto-xuvenil, Un rato díxolle á
lúa, con tres poemas musicados por Paco Ibáñez. Este.
4. Dende ben novo gustoume dar clase.
Sempre quixen ensinar o que sabía, abrir canles aos meus alumnos. Si, amo a
miña profesión. É duro, non atopas motivacións próximas, pero co paso do tempo
podes ter moitas satisfaccións. Iso si, cansa moito se o tomas en serio. E levo
ben de anos loitando contra demasiadas
cousas. Pero, pode haber algo máis fermoso que formar con
responsabilidade a rapaces/as, mozos e mozas?
5.
Eu fun educado en castelán contra o
galego. Doeume moito. Na miña casa o galego era a lingua dos pailáns. Cando fun
consciente da barbaridade e a atrocidade que se estaba a cometer contra o
galego, rebeleime, sentín noxo e decidín comprometerme literaria e socialmente
con el. Estou moi satisfeito da miña reacción.
6.
O programa durou tres anos, máis ou
menos. Desgraciadamente faleceu o meu compañeiro, Xosé Manuel Freire, e
deixeino de facer. Era un programa que se dedicaba a un músico, grupo, etc.
Poñíanse cancións do protagonista e falabamos da súa traxectoria. Tamén había
un poeta de quen liamos poemas. Veu sendo unha conxunción interesante de música
e poesía.
7.
Para escribir tes que ser un bo
lector. Hai que ser curioso. A vida, as pequenas cousas da vida están ao teu
redor sen que ti te decates. Nas lecturas atopas frases, versos situacións que
ti fas túas e podes desenvolver como obra propia. Son ideas que conflúen cos
teus puntos de vista e coas túas emocións. Hai que andar pola vida cos ollos
moi abertos, cos oídos moi atentos a todo o que pasa. Iso que outros non ven.
Así que VIDA e LECTURA son as fontes principais da miña literatura.
8.
Coñecer a Rafael Alberti, vivir unha
amizade que durou 10 anos(ata que faleceu), rematar un dos poemarios máis
importantes para min, Na fogueira dos
versos, na súa casa do Porto de Santa
María (Cádiz). Escoitalo recitar, falar de Lorca, Guillén, Salinas, Dámaso
Alonso…Algo incrible. Máis ca unha anécdota é unha vivencia.
Susi e Antonio con Alberti en Madrid |
ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ / ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO