Páginas

domingo, 16 de junio de 2013

PASEOS POÉTICOS ( II ) Con ROMÁN RAÑA



Cada día que pasa gústame máis pasear e facelo cun libro na man.
Cando o fago cun poeta, home ou muller, a satisfacción é maior, por suposto.
Hoxe paseo co Poeta, bo amigo e un dos mellores autores de poesía do noso país galego.
Imos paseniño pola Avenida d´O incendio das palabras.
Asústame o nome e dígollo. El sorrí. É un home intelixente a quen admiro e quero. Un melómano coma min. Dime que non me preocupe, pero deseguido sóltame nun murmurio ben baixiño, no oído: Pra que os mortos respiren vou / bautizalos de xúbilo e de quérote / para que teñan pel os seus desexos / e vivan entre nós cando amañeza… Fico mudo. Miro as plantas que están abaneándose pola doce caricia da brisa e reflexiono. Camiñamos sen falar un pedazo.  E sigo pensando nos mortos bautizados do seu xúbilo. Canto xúbilo, canta ledicia, canto esforzo, quizais chegou a haber neses mortos a quen o Poeta quixo poñer pel a uns desexos vivos que non se cumpriron endexamais.
E penso naquelas persoas ás que a fouce cortou as súas arelas de loitar aquí, sen dar voltas inútiles polo deserto, e cruzar o inmenso mar da vida.
Novos e maiores, baixo unha árbore que chora con bágoas de resina din adeus sen remedio. A ningún deles ninguén lles pediu permiso para esa viaxe.
Véndome perdido nos meus pensamentos no medio do paseo, o Poeta móveme o ombreiro e libérame do afogo que me estaban a producir. El decátase.

Seguimos camiñando paseniño. A temperatura é perfecta. O Poeta xesticula moito. O Poeta sabe que os seus ollos pisan os vagalumes e así nacerá o mosto que beberá cando morra. Non me di nada disto pero eu lino nunha das pólas dunha árbore na Avenida d´O incendio das palabras. Sei, tamén, que o Poeta  ama de verdade. Ama fondamente. Razóns ten para amar, porque a muller amada é un ser excepcional. Non pode ser doutra forma que sentir o silencio, como respirando para adentro, que o Poeta sinta o amor de forma repentina, que teña forza para abrir os segredos todos, e coa persoa amada pise tamén a luz cando lle di que amar é algo que nunca se termina.
Si, a verdade é que tanto o Poeta como este Paseante, teñen razóns abondas para afirmar que o paraíso  está no corazón.
Deixamos os mortos atrás.  Viven nas veas da terra, no noso interior máis fondo e na luz que incendia os soños.
Agora falamos de amor. Sentamos nun banco de pedra. Unha chea de bolboretas ocupan un espazo máxico diante de nós.
O Poeta apoia a man na súa faciana, quita os lentes e dirixindo a súa ollada cara ao ceo ponse a escribir nel, cos seus dedos, palabras invisibles que se converten en filmogramía celeste.
O milagre prodúcese e eu comezo a ler en voz alta:

Román Raña
As casas son o meu trigo mentres as cousas nos cantan
e que me importan os libros cando na noite te marchas,
roupa ausente sobre a lúa, roupa de lanzas amadas,
os corpos sempre se queiman na fortaleza das chamas,
só fican no teu tecido as primaveras pasadas.

Ai, que ribeira teremos cando amañezas sen pálpebras,
que río terá o teu corpo cando te deites Sahara,
sede viaxeira, saliva, celuloide que nos ata,
asín son doces as uñas que nas palabras se cravan
felices sexan as rúas, todo o vento que as abarca.

Amor, sé moza para sempre mentres a tinta nos ama,
dime se a aurora ten lumes no rumor dunha pantalla,
alí estarás sempre viva, penetrante coma a auga.
Todo se rompe e renace polas raíces máis brancas.
E que me importan as cinzas cando os teus ollos me faltan.

Abraiado quedei tras ler no aire poema tan fermoso.
O poeta volve sorrir. Érguese. Fáiselle tarde. Dáme unha aperta.
Eu sento, de novo, no banco e sigo a ler un libro seu.
No meu interior, moi baixiño, escoito unha aria dunha ópera de Haendel.
Inesquecible paseo.
Inesquecible o Poeta.
                                                                                                   



                                                                                                                  O POETA PASEANTE