Páginas

lunes, 22 de abril de 2013

LEVAMOS TODOS UN POETA DENTRO . FRANCISCO CASTRO, TAMÉN



Busto de Antonio Machado en Baeza

Levo afirmando,dende hai ben tempo, que todos nós levamos dentro algo de actores de teatro e bastante de poetas.                    
Que nesta sociedade nosa non nos queda máis remedio que actuar por hixiene mental, coido que non existe a máis mínima dúbida.
E como somos persoas, temos sentimentos. Sentimentos que se ven e outros que viven no máis intimo de nós mesmos. Aí aparece a nosa faceta de poetas. Sempre que preguntas a alguén se escribiu, nalgún momento da súa vida, un poema, resulta ben difícil que ese alguén o negue. Miras a persoa  directamente aos ollos, fala pensar, titubea un chisco e logo remata dicindo que si. E, por suposto, non se trata do típico poema que che mandan na escola, case sempre sen ferramenta ningunha. Non. As persoas, nun determinado intre da nosa vida, recorremos á poesía. E facémolo en segredo. Sen contárllelo aos demais. Por suposto, eses poemas son de tema amoroso principalmente ou nacen da necesidade de expresar a nosa impotencia na vida. Eu cheguei a dicir que todos somos poetas. Iso si, potenciais. Logo esquecemos esa forza que nos empurra cara ao verso e desistimos. E desisitimos porque non lemos poesía. Ai, amigos, a poesía esixe un esforzo especial que non todos están dispostos a realizar.
Francisco Castro
Isto  que estou a contar sucedeume a min. Nos momentos de rebeldía, de querer ser eu mesmo, de enfrontarme aos meus propios fantasmas, escribía poemas. Téñoos gardados. Son moi malos. Foron produto desa guerra que eu mantiña contra o mundo, tanto persoal como colectivo. Nesa época, precisaba deles. Cumpriron a súa función. Se algunha vez fixen poemas dunha certa calidade, foi a partir da lectura dos grandes poetas. Neles aprendín a ver a poesía dende ángulos ben diferentes. Cheguei ao fondo da obra de moitos mestres. Non vou nomear a Paco Ibáñez. Está dando concertos por Europa. E no medio dos versos, cheguei a darme conta dos temas, das formas, da riqueza do vocabulario empregado, da evolución poética, das vangardas, da poesía urbana etc. Deseguido, ou mellor, ao mesmo tempo eu estaba a aprender as profundidades poéticas mergullado nos versos. Eu estaba a procurar o meu propio camiño para ser poeta de verdade e non de circunstancias.
Para  Versos e aloumiños, grandes  narradores como An Alfaya, Xabier P. DoCampo ou Jordi Sierra i Fabra, por exemplo, enviáronme poemas, que agradecín moito.
 Escritores de narrativa como Paul Auster, Miguel Torga, Houllebecq,  José Saramago ou Peter Handke, entre moitos outros, foron publicando senllos poemarios. E non é a poesía o que os fixo famosos. Pero non se pode esquecer que un gran narrador ou narradora, estou seguro, debe ter moi presente a poesía se quere que a súa prosa teña ritmo, teña vida, teña forza e, con todo iso e máis, poida afondar na palabra literaria para sentirse a gusto co que escribe.
Ben, pois iso, tamén lle ocorre a Francisco Castro. Narrador recoñecido, director  de cursos de creación literaria, editor en Galaxia, autor de novelas para adultos e outras excelentes para mozos e mozas, Francisco Castro leva a poesía moi dentro. Nalgunha mesa que compartín con el, traía algún poema e era feliz recitándoo. Francisco Castro, gran comunicador da palabra literaria, ama a poesía. Está instalado na narrativa, pero eu non me estrañaría se calquera día aparece nas librarías un poemario seu. A poesía é un veleno. Ás veces, está agochada no máis fondo de nós. E en demasiadas ocasións non a deixamos saír por non sei que prexuízos. Francisco Castro é un bo exemplo do que estou a dicir. Ten moitos poemas soltos que, afirmo, o axudaron a facer estupendos traballos narrativos. Non ten poemario ningún, porque a poesía flúe nel en diversas direccións e está a rabuñar a súa maneira de escribir sen que el se dea conta. É un labor xordo, pero moi eficaz.  Algún día dará un paso máis e publicará un libro de poemas. Encántame como se define Francisco. No correo dime: Antonio, son un Poeta de Contrabando. Gustoume moito esa definición. Se vos decatades, xa asume o papel de poeta.
Teño que agradecerlle moi sinceramente a Francisco Castro que nos amose esa parte tan especial da súa tarefa creativa. Leamos a alguén que, de contrabando ou non, ama a poesía.  (AGT)




LUZ


Renuncio a que entendas
esta apoplexía da idade.
Cedo ao abismo
de aceptar que non me comprenderás nunca.
Declárome infectado pola vida
que me ataca a destempo desafinándome feliz.
Non espero aplausos nin os vítores encebolados dos que todo o pretenden.
Abóndame con colisionar coa beleza.
Non podo pedir que me entendas.

A luz é inexplicable.

Estatua de María Mariño




E DOUS POEMAS DE AMOR


1.

Fronte do gris en escala decrecente globalizado
diante da hiperestesia anegada nos pulmóns do waltstreet planetario
de costas ao sepia dos xornais
invento unha illa ácrata
para deitar
á beira da serea mariña que
cada mediodía
sae dende as súas augas de hidromel para acariñarme.
Eu, náufrago feliz, síntome poeta e escribo versos
coa punta das dedas
na area dos seus muslos.




2

Convidáronme a unha festa
un 27 de outubro de 1966.
Non sei canto hei vivir.
E non me importa.
Teño a túa man que colle a miña
firme e feminina de unllas pintadas en roxo
neste presente eterno que Whitman envexaría
se puidese cantarnos.


                                                                                                    FRANCISCO  CASTRO


Antonio cun  poeta excepcional, Fernando Pessoa