Páginas

martes, 30 de abril de 2013

ASÍ É, PARA MIN, O ACTO DE ESCRIBIR


Diante dun cadro de Xulio García Rivas
Escribir converteuse, dende hai ben anos, nunha necesidade para sobrevivir a todo  aquilo que me afogaba. Escribir foi sempre parapetarse tras as palabras para procurar a luz que me roubaran as tebras que o mundo utiliza a miúdo.
Chegou un punto no que eu non sabía quen era. Só o deporte me mantiña en relación coas persoas. Aprendín moito co deporte. Pero, no meu interior, necesitaba algo máis. Algo que me impulsase a dar o salto necesario ata min mesmo. Daquela, tiña un caderno e escribía. Pero non lía practicamente.
Houbo un momento que libros e deporte confluíron. E a música formaba parte íntima dos meus intereses persoais.

E lin. Lin moito. Poesía, por suposto. Mais, tamén, novela, algo de ensaio, diarios, dietarios etc.
Entón, sentín que o meu enfoque da vida estaba a cambiar. E o feito de escribir converteuse en necesidade.
Axiña comprendín que na escrita e na lectura se agochaban elementos para dar cos enigmas que eu desexaba desentrañar. Comecei a entender algunhas cousas ao meu redor nas que antes non reparara. E o máis importante: sentía que me achegaba a un maior coñecemento de min mesmo a medida que escribía e escribía. Era como se estivese rachando un molde duro, que recubría a miña forma de ser cos meus medos e os meus demos que me impedían moverme con liberdade. Principiaba a respirar. Unhas canles aparecían canda min, como convidándome a dar pasos a través delas. Axudoume, e segue a axudarme, a continuar na procura de min mesmo.

Escribir, pois, significa buscar os sendeiros que debo seguir. Significa coñecer mellor as persoas que habitan este feo mundo, facer da palabra un instrumento imprescindible para evocar, sentir que vives. Significa poder denunciar, crear espazos variados no mapa das actitudes a partir das diferentes realidades que na xente habitan. Escribir é transcender as limitacións persoais que te amolan. É ser consciente de que os lectores precisan da palabra literaria, aínda que nunca cheguen a ler un libro. Escribir é percibir a individualidade e o individualismo das persoas para que se decaten de que hai posibilidade de facer cousas en común moi estimulantes.  A individualidade é unha cousa e o individualismo feroz vén sendo outra. Resulta san saber das diferentes culturas, porque nos fai máis libres. É magnífico recrear vidas, que teñen características distintas pero moitos puntos en común co escritor e, especialmente, co lector ou lectora que vai ler o libro.
Billetes de avión, servilletas...escritas

Eu escribo decontino. Sempre comezo a escribir na cabeza. Doulle voltas á idea dentro de min, sen papeis polo medio. Nunha cafetaría collo unha servilleta, nun avión escribo no billete ou, por exemplo, na parte de atrás dun tícket. Nos momentos libres no colexio, escribo ben veces. Todo isto, se saio á rúa sen bolso. Se o levo, dentro hai un caderno que vou enchendo de ideas ou de proxectos de poemas.Algúns non verán a luz endexamais. Outros, serán poemas que rematarán na papeleira. Así é a creación.
Logo, chega o momento de dar visibilidade a todo o que fun matinando ao longo dun certo tempo. Prefiro a tardiña e mais a noite para escribir. E fágoo con luz directa sobre o folio, a man, rodeado de libros e con música clásica, jazz ou blues.

Todo o que me rodea é fonte de inspiración. O escritor sempre vai cos ollos abertos, pois debe ver o que ocorre canda el; ten que ler xornais (noticias que aparecen neles ou algunha foto poden abrir un camiño para escribir), ler poesía, algo fundamental, e notar que as persoas respiran.  Vivir, en definitiva. Coñecer os sentimentos dos demais enriquece e humaniza. Dalgunha maneira, un escritor ou escritora pode converterse no reflexo e no mensaxeiro das reivindicacións agochadas daqueles que o rodean e, xa que logo, del mesmo.
Proceso dun poema de "Na fogueira dos versos".

Xa dixen que certa idea aniña bastante tempo en min. Que apunto frases, versos, que releo algún poemario. A idea segue aí sementando de irritabilidade a miña forma de ser. E no momento que madura, que me oprime e racha certas cordas imaxinarias dentro de min, comezo a darlle forma a aquilo que estou desexando expresar no papel, para que chegue aos meus lectores e lectoras.
Créase en min, demasiadas veces, un estado de tensión e de excitación incontrolables. Nalgúns intres é duro; noutros, o pracer non o podo describir. Xa está creada a atmosfera da que non podes fuxir. 
Hai períodos de atascamento. Hai períodos de temor a ser repetitivo. Hai momentos de desesperación e outros de euforia. Debo ser moi reflexivo para non deixarme levar polos distintos estados de ánimo.
Son moi minucioso. Corrixo moito. E nunca estás satisfeito completamente. Se isto no se converte en algo obsesivo, coido que é bo. Sempre debe haber un motivo de superación.

Unha vez o libro está nas librarías, deixa de ser teu. Míralo con agarimo. E sentes o moito que che deu. Faiche comprender todo o que remexeches en ti mesmo e comprendes que te coñeces un pouco máis.
Así, máis ou menos, con este bosquexo do meu acto creativo, van saíndo todas as miñas obras.

                                        
                                                               

                                                                                     ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO