Gustaríame que se lles prestase atención a tres novelas que me parecen importantes: O exiliado e a primavera, coa que gañou en 2004 o Premio Xerais; Lois e Helena buscándose un día de tormenta (2006), publicada por Galaxia, Premio Manuel García Barros, e O profesor de vegliota (Edicións Xerais, 2008). Novelas literarias que convén coñecer.
Tamén en 2012 tirou do prelo, o xa comentado, Do G ao Z. Diccionario indignado e humorístico (Ed. Xerais).
O texto, co que nos agasalla, é puro Manuel Veiga, pola súa calidade, a crítica que envolven as súas palabras e a fina ironía, tan típica deste magnífico escritor.
Notas sobre a literatura futurista
O meu avó, quizais porque viviu a época do auxe da aviación, pensaba que nun futuro máis ben próximo as persoas serían capaces de voar por si mesmas, simplemente colocando un aparato, non sei se cunha hélice, debaixo de cada brazo.
A pesar deste interese humano e natural por imaxinar o que sucederá dentro de vinte, cincuenta ou talvez cen anos, o futuro como escenario narrativo encóntrase presente na literatura só dun modo marxinal ou secundario e sospeito que existen poderosas razóns para que así sexa.
Hai poucos días, dispúñame a ler Ola América, novela de J.G. Ballard, un dos autores de ciencia ficción máis valorados polos seguidores deste xénero. A trama transcorre case cen anos despois dunha gran crise enerxética que transforma o continente americano nun deserto. Pero velaí que, xa na terceira páxina, un encóntrase con que as columnas xemelgas do World Trade Center, entre outros edificios característicos de Manhattan, continúan dereitas. Nese momento, percibín como se rompía esa complicidade que eu, como lector, debería ter mantido coa historia que estaba lendo.
Pouco tempo despois, tiven nas mans Algo supostamente divertido que nunca volverei facer, de David Foster Wallace, un libro que non cabe adscribir á ciencia ficción, nin sequera á ficción, pois trátase dunha longa reportaxe verídica, realizada orixinariamente por encargo dunha revista. Na páxina 126, edición de peto, leo: “O capitán explica que o barco usa algo que se chama GPS: Este Sistema de Posicionamento Global emprega todo o tempo os satélites do ceo para coñecer a posición e entón dálle o dato ao ordenador”. Cantas explicacións! Penso. Miro a data da obra, é de: 1995. Ese ano, o GPS aínda era un aparato practicamente descoñecido para os norteamericanos.
Venme entón á cabeza algo que se ten recordado bastante, ultimamente: ningún libro de ciencia ficción do século XX foi capaz de imaxinar un obxecto, que hoxe nos parece tan simple, como o teléfono móbil.
Cando na actualidade lemos esa recompilación panorámica titulada O futuro, unha visión do ano 2000 desde o século XIX, elaborada por Isaac Asimov, dámonos conta de que as súas ilustracións e textos dinnos infinitamente máis da época na que foron realizados, é dicir de hai uns cen anos ou máis, que do ano 2000. Estamos ante unha obra curiosa, agradábel de mirar e de ler, pero que non presenta ningunha anticipación ou parecido co fin do milenio. Son textos e imaxes que, aínda que precedidas ás veces polo epígrafe “No ano 2000” e aínda que a súa vocación fose futurista, hoxe fálannos, de modo evidente, de como era o século XIX. O seu acerto preditivo é case nulo.
Creo que só existe un libro na historia que acertou, en boa medida, ao describir o que anos, incluso séculos, máis tarde ía suceder. Trátase do Vello Testamento. Se admitimos que o Novo Testamento conta algo que ocorreu realmente, como é a vida de Xesucristo e todo o demais, entón debemos admitir tamén que o Vello Testamento é un libro que acerta, nunha porcentaxe elevada, nos seus vaticinios, dado que alí xa se fala de que virá un Redentor, que se encargará de salvarnos, etc.
Ora ben, desde un punto de vista que podemos chamar agnóstico ou simplemente histórico, debemos aclarar que o mérito dos acertos non é dos autores do Antigo Testamento, senón dos que redactaron o Novo, que xa coñecían o que fora escrito antes e simplemente procuraron adaptarse, confirmando así a profecía, ao estilo do guionista da segunda época dunha serie que debe seguir a estela xa trazada polo guionista que o precedera nos capítulos anteriores.
Manuel Veiga