CLAUDIA CASTRO (Santiago de Compostela, 1972)
Idea
Cando teñas unha boa idea
tes que oír, ver e falar.
Se os demais non te escoitan
ás veces cómpre berrar.
Vida
Eu quixera gozar
da vida coma un paxaro,
camiñar coa elegancia
do gato,
cantar coa ledicia do galo
e vivir coma un becho raro.
Pensamentos
Pensar é sachar
nas leiras da vida.
É facerse preguntas
Sen que ninguén nolo pida.
Se pensas, existes.
Se existes, dubidas.
Se dubidas, es sabia.
Os pensamentos son cores
con cinco pétalos de tres cores.
Tempo
No verán construín un castelo
coa area dun reloxo.
Tiña torres, tiña ameas,
unha ponte e un gran
foso.
O meu castelo de praia
o mar quíxoo para el,
envolveuno co seu saio
e nunca máis souben del.
Lingua
A lingua é unha maneira
de comprender a vida e o tempo.
Nunca mordas nin agoches
este baúl invisíbel
que acubilla os pensamentos.
(Do poemario Seis
leiras e un piano, editado por Edicións Xerais. (2025), na colección Merlín, e ilustrado
por Laura Tova).