Be
water , de Antía Yáñez,
entre a auga e a afouteza
Antonio García Teijeiro
Gústame a poesía que
denuncia, pero que sexa literatura.
Gústame a narrativa ética,
tamén en consonancia coa estética, pero que sexa literatura.
A literatura coma
ferramenta para criticar certas realidades, pero sen que se convirta en algo
impostado. A tensión narrativa, o feito de enfrontarse ao discurso literario a
través de situacións intelixentes e que fagan da palabra un edificio que sexa
literatura.
E Be
water é un deses casos que me seducen por posuír as características
dunha obra literaria capaz de sinalar, de poñer ao descuberto situacións inxustas
a través da creación seria e sen aditamentos
|
Antía Yáñez (Foto de Concha Salgado) |
Be water, escrito por Antía
Yáñez, é un relato tremendo sobre unha realidade dura na que
un cataclismo- o Gran Cataclismo- deu a
volta a unha sociedade inxusta : a Era Superficial xa non existe no planeta Terra e a humanidade
sobrevive soterrada nunhas estruturas
elípticas chamdas Colmeas. Con dous sectores ben diferenciados, trala
catástrofe, atopamos moita represión nunha contorna que non dá opción aos
sentimentos.
Terrible e dura a vivencia nesa Colmea
piramidal, obxecto dunha terrible ditadura onde nada é o que debe ser. Unha
novela distópica na procura da utopía da liberdade e da xustiza moi ben tecida pola autora.
Unha novela de personaxes moi ben
construídos: a Raíña (ditadora do abuso do poder, do diñeiro e dos privilexios,
alguén que ten afogado o pobo que conseguiu sobrevivir ao desastre).
Unha muller loitadora,
Iolanda, que revive os seus sentimentos maternais con Lucrecia,a súa pequeña
filla, e busca a felicidade e a supervivencia. A presenza fonda da avoa, muller
afouta quen, malia desaparecer nun determinado intre, deixa unha pegada
fundamental na neta e no seu curmán, Fabián, porque vén sendo un referente do
mundo exterior e, talvez, da ansiada liberdade. Un relato que nos fala da
situación da muller e do papel que é capaz de asumir na sociedade malia os
atrancos que lle poñen.
E debemos salientar unha personaxe fundamental
(amais de Aquiles): a auga, un ben prezado sobre o que xira boa parte da acción
controlada polas elites. Cada habitante ten unha cota determinada dela, sempre
exigua nas clases baixas. Non existe o diñeiro en Colmea e todo se compra con
auga. Un aviso intelixente da autora sobre o que ocorre con ela no noso mundo.
Unha maneira perfecta de denuncia sobre un medio ambiente moi maltratado polo
ser humano.
.
|
Presentación en Vigo na Libraría Cartabón |
Hai un Sector Superior
(que domina) e un Inferior, no que os obreiros traballan para acadar auga e así
sobrevivir.
Manteñen a orde do Sistema
os Abázcaros, educados para non teren sentimentos nin seren débiles.
Pero algo sae mal con
Aquiles, o preferido da Raíña, sobre todo ao aparecer un cadáver nun lugar de
difícil acceso e atópase fronte a fronte con Iolanda, no intre en que ela,
Lucrecia e Fabián dan con el.
Iolanda é unha muller con
coraxe que fai dos sentimentos case bandeira.
Ela comenzará a derruír o
sistema superando moitas dificultades, entre a cautela e a decisión.
É Be water unha novela de loita, de
desexo de liberdade, de torpedear un sistema tan inxusto ou máis que o que foi
destruído.
Escrita cun rítmo áxil (algo que se
agradece), cunha linguaxe ben coidada, non leva o lector ou lectora, a confusión
pois está tecida con naturalidade, cunha certa maneira de narrar que amosa que
Antía Yañez é a dona do relato. Cunhas pasaxes eróticas moi ben contadas, cunha
pugna entre o ben e o mal, entre un sistema amputado e xélido e a felicidade
que provocan os sentimentos, o lectorado vai saborear as virtudes da boa
literatura. Esa que, pola súa calidade, non precisa de adxectivos.
Unha novela da conciencia que rexeita a
explotación da muller (e do ser humano en xeral) sen dicir máis do que debe
(apálpase), que afronta o prexuízo da escaseza de auga, das ditaduras, dos
privilexios das clases dominantes sobre seres humanos que viven soterrados e
aos que lles custa liberarse.
Pero ten tamén trazos de
aventura, de amor maternal e, mesmo, de amor sen adxectivos. Unha novela de
rebeldía, de loitas persoais, de camiños a percorrer, coma o de Iolanda, que
loita por salvarse (e salvar) e que, malia certa axuda, sabe moi ben que certas
vitorias só dependen dun mesmo.
Os paratextos que encabezan os capítulos
non poden ser máis atinados. Palabras moi acaídas de El Perich, Paul R. Ehrlich, Banki-moon ou Jacques Cousteau sobre a importancia da auga, como dixen, un
personaxe esencial neste novela.
Parabéns a autora e a Cuarto
de inverno, unha editorial que dá os seus primeiros pasos con solvencia
e boa dirección.