Páginas

jueves, 27 de febrero de 2014

"PENÚLTIMAS TENDENCIAS", ÚLTIMO POEMARIO de CARLOS NEGRO: UNHA RAPAZA NA BUSCA DA VOZ DE SEU.



          Non teño dúbidas de que Carlos Negro é un dos poetas máis interesantes e inquedos do noso panorama poético.
Carlos non se resigna endexamais a facer obras previsibles. Sempre está a buscarlle as voltas á realidade que o rodea e, a partir de aí, crea e pon á vista dos lectores e lectoras o seu discurso normalmente poético. É un discurso arriscado na forma e comprometido no fondo. Consciente do carácter poliédrico desta realidade, Carlos Negro afía o gume da navalla e fai cortes naqueles temas que o desgustan: a situación da muller, a violencia de calquera clase, a inxustiza social, os modelos dunha sociedade enferma, a publicidade enganosa e todo aquilo que soa a manipulación do ser humano.
Xa vimos como Makinaria, un poemario orixinal e necesario, deixou a súa pegada nos mozos e mozas, incluíndo a todos aqueles que vivimos preto deles. Xa gozamos os seus lectores con Abelcebú, ese tratado científico de escarnio e maldicir, con ese humor negro (non hai xogo co apelido do poeta) que desvelaba as trampas e vergoñas que nos presenta este mundo.
Carlos Negro
Agora sae do prelo, editado por Edicións Xerais, na colección Fóra de Xogo, Penúltimas tendencias, un poemario que volve rachar esquemas poéticos, directo e cru, e que reivindica, dende a palabra literaria, os dereitos da muller tan pisados no día a día. Nel, a xeito de diario ou cuestionario, unha adolescente négase a ser unha moza obxecto, alguén tiranizado polas modas e tics da superficialidade e dos modelos baleiros que presenta esta sociedade, cada volta máis gris. 
                 Unha rapaza que quere ser ela mesma, alguén auténtico, que pensa, que loita contra a manipulación social do fashion, cool, chic e sexy, que desexa acadar esa voz que non tivo. Non lle gusta este universo que fere sen compaixón, pois ela quere ser, por riba de todo, persoa. Si, persoa rebelde, que pon os demais no seu sitio. Persoa que pensa e decide os camiños por onde transitar. Persoa que pon a súa dignidade por riba de todo.E isto, preséntanolo o autor, a través de poemas convertidos en autocuestionarios (Cal é a túa pose favorita? / A posición dunha percha no armario (…) Es feliz? / Nin che me pasa pola cabeza ser un parrulo no estanque), en declaracións rexas ( Fai favor, vai liscando. / Provócasme inapetencia. / Vas a saco pola vida, / con ese xeito de andar / que arrasa con todo, / hormonas, piercing / e camiseta axustada (…), en pistas para que entre alguén na súa vida: Como me mola que entres. Como se non existisen os puños. / Como se mirases con ollos cegos. / Como se non agardases resposta. / Como se non importasen as linguas. / Como se apenas fose necesario) e, mesmo, expresando a que sabe o amor: A porta sen casa. / A vento do norte. / A cabo do mundo. / A luz de tormenta (…) Son algúns exemplos da riqueza expositiva deste poemario.


                      E chámame moito a atención, como curiosidade, o poema Barbie girl, un ataque frontal ao universo rosa da muller, a partir da estrutura do famoso poema de Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra. Comeza así: O noso universo é rosa / Rosas son os muros / da prisión das princesas. / Rosa o amor / e o estampado dos vestidos. / As fadas, / as bonecas, / a luz, / a laca de unllas, / as máscaras, / son todas rosas (…).
                   En fin, unha mostra máis dos camiños que se poden elixir para achegar a poesía aos mozos e mozas, para facer que sintan a chama da poesía como algo próximo a eles. Camiños intelixentes, directos, que Carlos Negro leva percorrendo con soltura e acerto polas paraxes da nosa poesía.
Un libro, xa que logo, para que os versos estean presente na vida, demasiado superficial e mentireira, da nosa mocidade e de nós mesmos.

         
                                                                                 
                                                                                                                                  ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO


martes, 25 de febrero de 2014

UN COMUNICADO MÁIS QUE NECESARIO, POR DESGRAZA.



Era necesario. Mesmo, urxente.
Xa está ben de que nos ignoren.
Non pode ser que os poderes públicos apoien a “cultura de escaparate”.
Si, eses actos  que lles serven para dicir que fan, sen facer nada.
Esas mostras nas que levan a prensa para presumir de estar moi interesados polo noso ben cultural.
 Mentira. Viven de aparencias. Pintan con pinceis de xeo os seus cadros e discursos. Por iso, non permanecen.
Non lles importa o máis mínimo nin a educación nin a cultura galegas.
Queren lavar a cara e sorrín con falsidade.


             Ousan silenciar á nosa POETA (si, con maiúsculas) por excelencia. No seu calendario oficial non aparece o día 24 de febreiro como o Día de Rosalía. Vergoña debería darlles. Isto non pasa en ningures. E son tan falsos, que non dubidan en citala se a ocasión lles parece axeitada para os seus intereses.
          
             Resulta grotesco que despois se dirixan ao pobo como defensores da cultura de noso. Que fachendan de preocupados por ela, mentres lles dan coiteladas ao teatro, á literatura, ás artes plásticas, ao cinema, á música, a todo aquilo que é imprescindible para unha Galicia máis sa educativa e culturalmente.

Esmagan o noso idioma e pretenden disimular que o fan. Pero non estamos dispostos a deixarnos enganar.

Son quen de deixar orfa a industria cultural galega e mirar para outro lado, como se a cousa non fose con eles.


Chegan  ata roubarnos os escritores se, con iso, conseguen dar  a imaxe de abertos. Vénme á cabeza o “tema Castelao” e danme ganas de vomitar. Pura fachada. De portas cara a dentro, nada de nada.

E esa industria cultural, tan abandonada por eles, loita por acadar unha supervivencia digna, cada volta máis complicada.

Por iso era necesario este comunicado de tres asociacións que veñen loitando, dende hai ben tempo, a prol  dunha cultura galega tan maltratada.

E seguen a mostrar o seu compromiso con ela. Denuncian a situación e renovan o compromiso de esixir a estes poderes públicos o fomento cultural ao que están obrigados . Queren promover o entusiasmo pola nosa creación artística e convocan ás administracións galegas a normalización dunha lingua que amamos todos (ou case todos).

Versos e aloumiños súmase a este comunicado da AELGA, de GÁLIX e da Asociación Galega de Editores, incluíndo este comunicado conxunto, porque cre no que nel se expón ao cen por cen.

Xa o dixemos.

Era absolutamente necesario.








A cultura galega, a nosa angueira, comunicado conxunto da AELG, a Asociación Galega de Editores e Gálix
O panorama cultural galego identifícase hoxe máis ca nunca con aqueles lembrados versos de Díaz Castro no poema Penélope. Porque son tantos e tan dolorosos os pasos atrás
Hoxe, tantos anos despois daquelas iniciativas culturais que na década dos 70 do pasado século ergueron o facho para alumearen o camiño da recuperación cultural de Galiza, segue sendo a iniciativa popular asentada en asociacións, colectivos, estruturas profesionais e algunhas institucións conscientes, a que mantén viva a nosa cultura, moitas veces contra o vento e a marea institucional que, escusándose na crise, practican a destrución cultural de noso e, por tanto, da industria cultural, empobrecendo o noso país ao privalo dun dos medios de produción propios.


A defensa da oralidade e das expresións orais, soporte de comunicación básico e primordial para garantir o futuro da nosa lingua e da cultura tradicional do noso pobo determinounos a non renunciar ao legado histórico recibido, procurando a resistencia á invisibilidade e negación desde o reforzo colectivo, aproveitando plataformas, medios e soportes de uso, tanto os tradicionais como os máis novidosos desde o punto de vista tecnolóxico. A consciente necesidade de continuar con criterio progresivo a apostar pola creación e difusión da cultura que facemos e en cuxos valores potenciais acreditamos, arraigada no imaxinario e expresión lingüística propios, motivou a tradicional interconexión con outras culturas que define a nosa, para partillar o escenario plural da diversidade global e pular pola formación das novas xeracións produtoras e consumidoras de cultura.
A confirmación sucesiva das alertas e ameazas de inacción dos postulados oficiais do actual Goberno galego, coincidentes coas do actual Goberno de España, reforzou o noso compromiso para coa sociedade á hora de ofrecerlle un produto cultural propio, de calidade, asequíbel e accesíbel a todos os formatos e sectores cidadáns. Abonda citar para confirmalo medidas fortemente gravatorias e impositivas para o seu desfrute individual e colectivo, que non sofren outras actividades de ocio, de cualidades formativas e educadoras ben cuestionadas, como os espectáculos futbolísticos ou taurinos, como acontece coa suba do gravame do IVE cultural até o 21%.


Significativo resulta apelar desde o Goberno galego ao herdo rosaliano, neste proactivo ano en que a cidadanía non cansou de ler, musicar, interactuar e interpretar, para maior admiración e recoñecemento, a modernidade da obra e pensamento rosaliano a nos aloumiñar e falar hoxe desde o poder da palabra compromiso e o alento vivo, ao mesmo tempo que desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria se elimina de raíz o Día de Rosalía do Calendario do Libro e da Lectura, logo de ter impedido nos últimos anos que esa data, 24 de febreiro, día do nacemento de Rosalía de Castro, formase parte do calendario escolar como data conmemorativa referencial próxima.

Sorprendente semella parabenizarse dos recoñecementos a nivel estatal dos nosos creadores culturais cando desde o Goberno se desvirtuaron os mesmos premios homónimos galegos, anulando a súa identificación como cultura nacional, así como a dotación económica.
Mais a destrución da cultura galega escúsase decote en motivos económicos e acúsase de ser un produto illado, dependente e subvencionado, mentres percibimos as intencións espúreas dos que ao pór a garabata xa non saben falar a fala nai, a fala dos avós que teñen mortos.



Desde 2009 loitamos contra a redución da presenza da nosa lingua nas aulas, un elemento fulcral para o sostén da nosa cultura, mesmo por motivos económicos, se nestas escuras tebras en que vivimos haxa quen só entenda estes argumentos. Porque a produción de libros, materiais didácticos e diferentes ofertas culturais en galego para acompañar a docencia ou para servir como actividades complementarias ou extraescolares se traduciría en incremento do PIB, isto é, emprego e riqueza, que se multiplicaría tamén fóra do ámbito docente e dentro do corpus social.
 
Unha redución que vai conseguir que o proceso de desgaleguización comprobado que viven as xeracións máis novas non poida ser debidamente freado e perdamos así a sociedade futura que debería manter viva a nosa cultura e se perden a fala non serán ninguén.
O ano 2013 confirmou unha praxe política de desmantelamento dos sectores culturais, tamén xeradores de fortaleza económica como industria cultural, o que, desde actitudes desafiantes e provocadoras, se concretou na asfixia económica que pode levar á súa invisibilización e, na práctica, á súa ilegalización social.
Non son alleas á política cultural do actual Goberno galego (redución drástica de fondos destinados á adquisición de novidades editoriais para bibliotecas públicas -un 64,8% menos- e das axudas para a edición de materiais didácticos en lingua galega (un 75 % menos) situacións dramáticas como as que sofre o sector da edición galega, que dende 2008 perdeu o 38 % do seu emprego directo, e que no mesmo período leva perdido o 16,76 % da súa facturación total.


Tampouco é inocua á realidade dramática das compañías de teatro galegas nin aos datos que acaba de nos ofrecer o Instituto Nacional de Estadística confirmando o peche de 45 bibliotecas públicas en Galiza entre 2008 e 2012, o que converte o noso país na comunidade que máis espazos públicos de lectura e acceso á información perdeu en todo o Estado, mentres que neste o balance é positivo. Sorprenden neste contexto as recentes declaracións do Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, calificando o pasado ano 2013 como «ano vizoso para a cultura galega» (!).
Entendemos a cultura galega como tecido creador de cidadanía cohesionada con valores democráticos, depositaria e defensora da nosa identidade como pobo, humus irrenunciábeis para conseguirmos maiores espazos de decisión propios, que permitan o desenvolvemento cultural e social en función unicamente dos intereses do pobo galego e que doten a Galiza da vacina protectora para non sermos varridos polo mal vento da globalización, que pretende unha homoxeneización e uniformización dos valores culturais e lingüísticos dos pobos a conta de amolecer e engulir toda diversidade cultural e plural.


Recoñécennos alén das nosas fronteiras. Creadoras e creadores galegos son premiados fóra de Galiza e mesmo a lingua galega é recoñecida lonxe das súas orixes, pois o certo é que a cultura galega e quen a produce podería competir, se de tal se tratase, a todos os niveis e en calquera lugar. Mais, pola contra, é sistematicamente esquecida por aqueles que deberían ser os seus primeiros valedores, por aqueles que deberían esforzarse cada día do seu mandato por buscar fórmulas de proxección da nosa cultura, por buscar recursos para actividades culturais que, ademais, creen emprego e, por tanto, riqueza.


Non aceptaremos que pretendan enmudecernos ou facernos estranxeiras na nosa patria, por iso seguiremos soñando coa chuvia e desorballando os prados e prendermos o lume que quente a lareira da que seguen a nacer proxectos. Entre todas e todos, seguiremos a lembrarlle a quen debe representarnos que os números non serven para saber que altura é o reino do paxaro e que tamén precisamos da palabra para alimentar o espírito, a palabra nos libros, na escena, no pentagrama. Seguiremos creando con gracia ou sen ela, na lingua que falamos porque a nosa angueira é que a nosa lingua e a nosa cultura sexan plenamente normais e estean presentes en todos os lugares e en todos os tempos.
E é tanxíbel, porque nunca é tan posible como cando é un desexo.
Galicia, febreiro de 2014