lunes, 22 de julio de 2013

DARDO POÉTICO (IV): Voando cara a un soño


Tres avións leváronnos a Martin, no estado de Tennessee.

No aeroporto de Memphis

agardábanos o noso fillo.

               O pai da rapaciña.

                             Da nosa neta.

                                       Da nosa andoriña.

O meu fillo agardaba en Memphis
Chegamos ben entrada a noite,

cansos pero cheos de emoción e moi ilusionados.

E aínda faltaban dúas horas para chegar a Martin.

Estaba claro, ata o día seguinte non poderiamos vela nin a ela, nin á súa nai.

                   A espera facíase interminable.

Daquela, collín o libro Tempo de ría, de Xohana Torres, a quen tanto admiro.

                   Quixen pensar un poema.

                                 Non fun quen.

As verbas, despistadas, tropezaban entre si.

Non era capaz de artellar un discurso coherente.

Aínda tiña na miña cabeza

                                         o moito espazo aéreo percorrido.

Cando chegamos á casa, tras a porta souben que durmían a nena e mais a súa nai.

Pensando nelas e sabendo que era imposible bicalas, abrín o libro da gran poeta galega e lin:


Xohana Torres, unha poeta que me encanta
POEMA, Amado meu,

Vello Señor da Auga

que perpetúa o xogo da orela.


Cada simple palabra afirmará

sentenciado clamor,

máxica furna escura.


A min seguía sen saírme nada.

Inutilidade diante dun papel.

Semellaba escoitar como as palabras rían e voaban tolas pola miña cabeza.

Deixeinas.

Mañá será outro día, dixen para min.

Volvín ao libro de Xohana Torres.

Gocei lendo un poema, cunha referencia ao gran Pessoa:


"Há tão pouca gente que ame as paisagens
que não existem"

POESÍA, convicta natureza de illa,
a banda outra que nos confina e pesa.

Vagas que por dentro nos baten,
os fachos que nos cruzan,
os signos que nos poden.

Se ardemos, sopra o vento.
(Inventar a palabra)

Necesita tamén praias enormes,
un corpo para a dor,
o máis duro naufraxio.

Madrugada. Atravesei o mar.
Verbas que tocan
xusto as pedras do fondo.


E quedei durmido agardando a visión fantástica que me prometía o día seguinte.

ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO