viernes, 9 de febrero de 2018

REMUÍÑO DE LIBROS (41) " Formigas, risas, flores e dinosauros", de Euloxio R. Ruibal






TÍTULO:  Formigas, risas, flores e dinosauros.



AUTOR:  Euloxio R. Ruibal.





ILUSTRACIÓNS: Gloria García Iglesias.




EDITORIAL: Galaxia. Colección: Árbore.




Euloxio R. Ruibal dramaturgo, guionista, narrador, ensaísta e académico da lingua galega, achégalles aos lectores a partir de oito anos, agora na súa faceta narrativa, este libro que contén catro fermosas historias baseadas na oralidade e que, de seguro, engaiolarán tanto a nenos coma a maiores.

     Catro contos que seguen a tradición oral, sustentados na forza da palabra que cobra vida cando é dita en voz alta. Catro pequenos contos cun fío condutor común: o humor e a maxia que conleva a verba ben construída e dirixida dun xeito directo ao corazón.
 
Euloxio R. Ruibal
     Catro contos cheos de tenrura no que conviven o mundo animal e vexetal xunto co universo fantástico dos nenos, onde todo é posible porque a imaxinación non entende de límites. Pero que tamén convidan á reflexión ao contar con diferentes niveis de lectura.
     
     Así dende o primeiro “A formiga revirada”  ata o cuarto “Santi e mais Iago” , pasando por “O xardín de Claudia” e  asumindo “Unha triste perda” descubrimos os diferentes protagonistas que nos desvelan os seus desexos, temores, acertos, experiencias vitais capaces de derribar os muros da intolerancia, dos prexuízos pero tamén de afondar na forza da unión e a perseverancia para lograr os obxectivos e a importancia da risa como elemento imprescindible para acompañar a ledicia.

     Formigas, flores, risas e dinosauros  susténtase  nunha prosa fluída, dunha aparente sinxeleza, que engaiola pola súa  riqueza léxica para amosar un universo propio formado a  partir da mestura do mundo real e o ficticio que convidan á reflexión.
 
Ilustración e capa de Gloria García Iglesias
     As  expresivas ilustracións de Gloria García Iglesias danlles vida aos diferentes protagonistas que aparecen focalizados e en sintonía co ton textual.


                                                                                                                          ALBA PIÑEIRO

lunes, 5 de febrero de 2018

DARDO POÉTICO (LIII) "A TENRURA DE MARÍA VICTORIA MORENO FEITA VERSO PARA OS MÁIS PEQUENOS"




Diáfanos, sutís, cheos de emotividade e de sinxeleza son estes tres contos en verso que María Victoria Moreno escribiu pensando na rapazada. Tres contos  de animais e nenos que aman os animais. Tres contos recollidos nun libro que Edicións Xerais publicou en 2005, ano da norte da escritora, que reeditou na colección Merlín o ano pasado e que leva por título Eu conto, ti cantas. Tres contos humorísticos, cheos de tenrura que son ¡Xa non teño medo!, Can branco, can negro e ¿Un cachiño de bica?

     


     María Victoria Moreno tiña unha vea poética moi evidente. As narracións de María Victoria  posúen ritmo poético e están ateigados da poesía da vida. Ela foi quen de darlle un ton poético a todo o que tocaba. Cando falaba, ben veces facía poesía. Cando escribía, tamén. Sabía perfectamente a necesidade da lírica na vida dos seres humanos que tanto amaba. E conxugaba a realidade co lirismo. Isto pódese comprobar nus versos coma estes:

Ilustración de Manuel Uhía
 Cando a nai mata as luces
nace un silencio
que é redondo e escuro,
mais non dá medo.

     Pertence esta estrofa ao primeiro dos contos do libro e nela xa lles está a dicir aos pequechos como se pode expresar poeticamente a noite, no momento que se apaga a luz para durmir.     Unhas estrofas moi ben artelladas e contadas con moito agarimo, que nos falan dese tema universal que é o medo á escuridade de tantos nenos e nenas durante un tempo.

     No segundo deles, Can branco, can negro, cóntanos e cántanos a realidade de dous cans, Nicolau e Correcamiños. Un, o primeiro, foi recibido por todos con festas e aloumiños. Era un can bonito, de moi boas maneiras. Un canciño moi feito / de capa brillante e negra. O segundo naceu na beiravía da estrada onde un home malo e feo / botara a cadela branca, / que levaba na barriga / seis cadeliños de nata.
     Dúas vidas, dúas situacións de partida. Pero, chegarían a coñecerse?

     
María Victoria Moreno
     
     No terceiro conto, ¿Un cachiño de bica?, María Victoria conta a historia, un conto ledo / coma os ollos dun can/ e a voz dun neno.. Nica era unha cadela e Iván un neno que andaban sempre xuntos e sempre ledos… Ai, Nica! Esa foi a cadela que máis acariñei nos anos da miña relación con María Victoria. Iván ofrece á cadela un cachiño de bica para que a probe e a Nica lambe/ mainamente o regalo / que máis lle sabe… Conta a historia a autora que se converte en contadora das andainas deses dous seres marabilloso. E faino nunha linguaxe delicada en verso.
     O conto remata así:

Mª Victoria cos meus fillos Antón e Noa
Se che gustou o conto
ben cho agradezo.
Quero mandarche un bico
máis un consello:

     fai como Iván
     busca o amor nos ollos
     doces dun can.

     Tres contos emotivos, ilustrados de xeito maxistral por Manuel Uhía, grande amigo da autora e o seu ilustrador favorito. Non é de estrañar pois Manuel Uhía é un dos ilustradores pioneiros da nosa LIX. As faces dos personaxes están dotadas dunha expresividade que te deixa abraiado, cunha tenrura e unha dose de humor verdadeiramente conseguidos.
     
Con Begoña, a súa filla, e Pedro Ferriol, o seu compañeiro nos últimos anos
     

     Para rematar, dicir que me emocionou a dedicatoria á súa filla Begoña, a quen adoraba María Victoria:
     Para Begoña, que chega á casa ao solpor e regálame todas as luces do día.
     Pura poesía de alguén que pasou toda a súa vida amando.
     
     
Manuel Uhía con Mª Victoria e Pedro Ferriol


     Un libro necesario que saíu á luz uns días antes de morrer unha das autoras que puxo as bases necesarias para que a LIX en lingua galega teña hoxe o brillo que ten.
     
     Leámolo en alto e gocemos coa súa maneira de facer felices aos demais.



                                                                                                                                         ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

jueves, 1 de febrero de 2018

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (LXIV) "O baúl de Domingos Quintas", de Xoán Babarro







                                 XOÁN BABARRO ( Calvelo de Maceda, 1947)



Vaca cachena,
linda melena
que o vento ondea,
Xoán Babarro. (Foto tomada do blog Palabras y mundos)
vai de verbena.
E ao son da lira
que a fantasea,
versos, romances
co seu menú,
vaca cachena
é unha artista
da pasarela de Hollywood.

·                    
          *Funlle pedir leite á vaca e a vaca pediume herba; funlle pedir herba ao prado e o prado pediume rega, canta a copla.





Era unha xoaniña,
barrosiña,
costureira,
voaniña,
que veu e que foi,
que dez dedos
me contou,
que un…

e que dous…
Dous puñiños me deixou
e aínda non me casou.


·         
        
          * Buburuzá-ruzá, zboará; çi unde vei zbura, acolo má voi márita [Xoaniña-niña, voa da folliña;e, onde vaias voar, aló irei casar], dinlle en Moldavia.





Fermosa dama,
a donosiña,
vaise de marcha.
Donda elegancia
nos seus andares
cando ela pasa!


·         
      * Donosiña, donosiña, come pan, come sardiña!,dicíaselle na Coruña. En Sicilia, bérranlle para que non leve as galiñas…Baddòttula, baddottulìna, nun tuccari la gaddina!




Ilustracións de Estefanía Padullés

Pintasilgo é un frautín,
o galano do xardín.
E do cardo para a coella
espilido arco da vella.
E o seu dedo monín…,
onde o ten?, que non llo vin.



·         *Arco da vella, revólvoche a pedra co el dedín moneco. Antes da noite que te vexas seco!, dise en Ibias.



 O piratiña
ten cen goridas
e nas cen xoga
Ilustracións de Estefanía Padullés
ás escondidas.

Mostra o fociño,
mostra o bigote,
os dous olliños
e o rabichote.

Aí vén o gato…!
Xa está seguro
noutro burato.


·         

        * Vale máis estar fraco no souto, ca gordo no cu do outro!, dixo o rato do monte ao ver o gato na casa.




(Do libro O baúl de Domingos Quintas, editado por Hércules de Edicións, 2017)




domingo, 28 de enero de 2018

REMUÍÑO DE LIBROS (40) "Xandra, a landra que quería voar", de Mercedes Queixas Zas e Paula Pereira Carreiro





TÍTULO:  Xandra, a landra que quería voar

AUTORA:   Mercedes Queixas Zas


ILUSTRACIÓNS:  Paula Pereira Carreiro


EDITORIAL:  Urco Editora


Álbums ilustrados coma Xandra, a landra que quería voar, de Mercedes Queixas Zas e ilustrado por Paula Pereira Carreiro, son os que me enchen de felicidade cando ven a luz. Un álbum, este, que cumpre os requisitos que eu lles esixo aos libros dirixidos ás primeiras idades: claridade expositiva, linguaxe coidada, historias sinxelas ben artelladas, posibilidade de dobre lectura ,facultade de facer pensar e que as imaxes estean ben coidadas.

     De todo isto hai neste álbum editado por Urco Editora. Mercedes Queixas, con sensiblidade e intelixencia, artella unha narración orixinal: unha landra, que agarda o momento de descender polas pólas das árbores, resístese a caer e desexa con todas as súas forzas poder voar. As demais landras esfórzanse en que desista da súa idea, pero Xandra non se dá por vencida.
     
Mercedes Queixas. Foto de Mariña Ramos Queixas

     A protagonista soña, non quere ser coma as demais e loita por ser dona do seu destino. Voa coa ollada e imaxinación cara ao inmenso ceo da devesa. E, pasada a primavera e mais o verán, Xandra nunca esqueceu un segredo que coñecera a través da súa amiga, unha sabia andoriña e que só ela coñecía.
     
     Este é un relato que se desenvolve, como podemos ler, no Courel. Todo el está contido nun medio natural que serve de escenario para que a historia  teña cor e teña identidade. A paisaxe,  coas árbores e toda sorte de paxaros xoga un papel imprescindible para entender moito mellor esas arelas de liberdade da protagonista e consegue un ambiente natural que se agradece. Todo isto nun marco cromático fermoso. Con cores vivas, figuras de trazos planos ben expresivos, limpeza de formas e espírito alegre, Paula Pereiro consegue un discurso aberto que permite dialogar co texto da autora. As súas ilustracións teñen moita vida e son moi nidias.
 
Paula Pereira Carreiro
     
     E se falamos do Courel, non pode faltar unha referencia ao extraordinario Uxío Novoneyra. E fica patente, xaora, nesas liñas que din que Xandra ollaba sen descanso o ceo, na procura da amiga andoriña, que chegara no comezo da primavera, canda o canto do cuco, para aniñar disimuladamente no balcón da Casa do Poeta.

     
A casa de Novoneyra no Courel. Foto toamada do blog "O Courel foto a foto"

     En definitiva, que estamos diante dun álbum magnífico para compartir lectura cos rapaces e rapazas das primeiras idades ( e adultos), establecer con eles un diálogo interesante, do mesmo xeito que Mercedes e Paula o fan a través das palabras e as imaxes.

     
     Libros coma este son os que fan que a literatura prenda nos lectores e lectoras teñan a idade que teñan. Son imprescindibles para que a nosa LIX sexa valorada xa dende o principio.  Fornecen o cada vez máis amplo catálogo de obras que convidan a saborealas dende os primeiros intres das nosas vidas.

                                                                                                    ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

miércoles, 24 de enero de 2018

ESCAPARATE POÉTICO (CXIII) María Victoria Moreno






 MARÍA VICTORIA MORENO (Valencia de Alcántara. Cáceres, 1941- 2005)


    

     
     Namorada de outonos e solpores,
peregrina nas gándaras da vida,
buscaches no tremor da atardecida
fragancias vellas de ilusións e amores.
María Victoria Moreno

     Sorriron para ti tódalas flores,
fíxose a luz roibén na túa ferida
e, por nidios ronseis, a alma durmida
foi desde o abismo ós altos miradores.

     Inefables paisaxes de harmonía
abríronse ante ti coma agasallo
en volutas de lúa opalescente.

     Desposaron en lene melodía
os pétalos da luz, a paz do orballo
e o teu corpo, xa lirio evanescente.



    

     
     Eu quero darche as grazas, meu amado,
mais grazas é palabra torpe e fría
para cantar en luz esta elexía
ó tempo de arredrarme do teu lado.

     Canto chorei por ti… O noso fado
foi unha crúa e pérfida ironía:
matou o xeo negro ó sol do día
e o chumbo ardente ó aire sosegado.

     Por seres auga e luz na cega sede
eu quero darche as grazas… Mais lamento
non ser verba de amor, música pura,

     nin pomba morna que a friaxe alede,
nin faísca de orballo, luz de vento.
… Só silencio que treme en noite escura.




     
     Eu quixera esculpir en luz e aire
non o corpo do amado,
non a imaxe que gardan os meus ollos,
mais a traza do paso
luminoso que enchera a miña alma
de flores, soño e pranto.

     Eu quixera tecer en fíos de auga
non as verbas do amado,
non as conversas que o solpor arrola,
mais este doce laio
que habita nas distancias asequibles
resolto en vento maino.





CANTIGA

     Neste amencer de pombas indecisas
conversarei coas fontes
onde beben pesares cristalinos
as sombras que se axitan pola noite.
     Esa lúa de prata
     atopou o tesouro
que eu perdera na auga.

     No laio dos farois agonizantes
evocarei os nomes
que acenderon lucernas balbucintes
nas fragas mestas onde os medos dormen.
     Esa lúa de prata
     atopou o tesouro
     que eu perdera na auga.

     Neste tremor de chumbo e de diamante
serei luz que se esconde
no ardor aceso que xerou os días
ou na xerfa esfiañada en surtidores.
     Esa lúa de prata
     atopou o tesouro
     que eu pedera na auga.

     No rubor das estrelas acaladas
achegareime á morte,
sentirei o feitizo dos seus ollos,
e o seu bico na fronte.




(Do libro Elexías de luz, editado por Edicións Xerais. 2006.)