martes, 14 de marzo de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (16) "As pescadoras", de Nadia Menotti







TÍTULO:  As pescadoras.


AUTORA DAS ILUSTRACIÓNS: Nadia Menotti


EDITORIAL: Kalandraka. Colección: MareMar.



As pescadoras é un fermoso e suxestivo álbum ilustrado que nos achega a editorial Kalandraka e que vén avalado por ter mención do xurado do VII Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados. Xosé Ballesteros foi o encargado da adaptación do texto a partir dun conto popular hindú. E a ilustradora arxentina, Nadia Menotti, a responsable de crear todo un universo plástico- visual moi atraente para os lectores infantís.

     A partir dun argumento sinxelo, propio da tradición oral, pero non simple, descubrimos como as tres protagonistas do conto viven, traballan e mesmo se mimetizan co medio que as rodea.  
Nadia Menotti

     A excelente proposta de Nadia Menotti, que ten a súa orixe nun proxecto académico, é o produto de investigación e experimentación baseado na creación dos  personaxes, dos escenarios (onde destacan tanto a distribución do espazo coma a luz, necesarias para formar a atmosfera narrativa) e dos elementos simbólicos. Todos eles cobran vida grazas ao emprego de diversos materiais: madeira, tea, fíos…que axudan para narrar a historia das tres pescadoras. Cada personaxe está caracterizado de xeito individual, de aí que non precisan de ter rostro para identificarse.

     En definitiva, toda unha eclosión de sensacións olfactivas, visuais e sonoras que espertan a imaxinación e certa análise crítica ao formular, dun xeito sutil, a importancia do esforzo no traballo cotián, o respecto aos diferente gustos, a solidariedade e tolerancia co que consideramos distinto, pero que nunca debe ser excluínte.



                                                                                                                                             ALBA PIÑEIRO

sábado, 11 de marzo de 2017

ESCAPARATE POÉTICO (XCVII) Francisco Cortegoso








                       FRANCISCO  CORTEGOSO  (Pontevedra, 1985 – 2016)





RECÓLLOTE NO COSTADO; alí non hai frialdade:

aníñase o ar e agardamos que unha palabra o escancie,

brindarás?
 -Que voz o servirá á copa do día de mañá?-

Ofreceráseche como viño vello que no seu vibrar
contemplas a rizadura da pel,
xa exhalación da túa imaxe que turba o espazo
onde o corpo contribúe como testemuña do tempo:
Francisco Cortegoso
só serás no seu dicir, pois, camiñas cara ao seu labio.

Brindaremos.

Semellante a unha cicatriz, perfilada no rostro, suavemente,
unha luz azul de alción
recórdase sobre a túa boca.
Esvara sen profusión. Contense.

Ofreceranche as augas. Beberás.




TOMAS DA MAN o espazo oco que aboia
cada vez que o bafo embaza un azulexo
baixo deste lado do costelar
son crachoir

tomas da man unha palabra –reverberante-

mentres salivas con abundancia
e a palabra xorde ouleo de animal
son signal

e: vibrante: tendes as mans para amarrar
unha frase: esganada: o veo do padal





AQUÍ CANTO DO MUNDO é humano e en ti
de punta a punta un pano
que se dobra sempre indistinta
mais branca de materia só semella por pura
cativada. Se de coto a coto tiro
de carpo en carpo prego
parezas a figura do vivo vida desde un lenzo de algodón
por esa enruibada sede
que che anoa no colo.

aquilo que de ti pega contra si
sempre se corresponde
inelutablemente
dobregada a delirio

aínda afervoada e celúrea de proba fe
aínda oclusa e lívida de razón
a túa forma te desasiste
canda o laio que é nome

único da carne,
te ata




ACUBÍLLATE   unha natureza falsa

o teu lombo relucente a dúas augas
partido nunha veta mineral
concluía igualmente volto
sobre si até a medula do esterno

único o embigo
unha voluta testemeuña
a orde





(Do libro Suicidas, editado pola editorial Chan da Pólvora, 2016)

jueves, 9 de marzo de 2017

DARDO POÉTICO (XLIII) "A emocionante palabra de Ledicia Costas nun manifesto rosaliano




Hai unhas datas no Panteón de Galegos Ilustres  a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELGA)  celebrou un acto para conmemorar o “Día de Rosalía” que é o día 24 de febreiro, data de nacemento da nosa poeta, que tal día coma hoxe cumpriría 180 anos.
     
     Houbo recitados de poemas, actuacións musicais e un manifesto da asociación que leu a escritora Ledicia Costas.
     
Acto da AELGA en Santiago
     
Dende que lin a súa primeira novela, Unha estrela no vento, arredor do ano 2000 , fiquei  seducido pola escrita dunha moza que comezaba no complicado mundo da literatura. Sabía que ía chegar lonxe. Notei que, malia ser unha ópera prima, Ledicia Costas posuía un don excepcional para crear. E non me trabuquei. Hoxe é unha das referencias esenciais da nosa LIX, gañadora, ademais, do Premio Nacional de Literatura co seu libro Escarlatina, a cociñeira defunta, editada por Edicións Xerais.


     Debo confesar  que teño por ela unha certa debilidade.  E cando lin o manifesto rosaliano, emocioneime. Marabilloso, pensei. Así que, en canto tiven a primeira oportunidade, lle pedín o texto para publicar en Versos e aloumiños e todos os lectores e lectoras do noso blog-revista puidesen saborear palabras tan belidas.
     
Con Ledicia e Helena Pérez o día da presentación de "Escarlatina..."
     
     Ledicia, xenerosa, non tardou nada en enviarmo. Un luxo que hai que valorar na súa xusta medida. Está ben o “Día de Rosalía” pero un, que cre que todos os días son bos para ler a nosa poeta universal, aplaude textos coma este para que os seus versos vivan en nós acotío dun xeito permanente. 

     Podedes ler o manifesto. Enchoupádevos da palabra ben dita, ben escrita, mollada en emoción. Un dardo poético necesario.


     Grazas e parabéns, Ledicia.




Manifesto polo Día de Rosalía

                                                                                         Ledicia Costas

En Galicia existen infinitas formas de amencer: abrente, alborada, clarexa, luzada, rompente. A lírica que abraza os versos de Rosalía, posúe as cores reveladoras da primeira luz.
Imaxino a Rosalía no S.XIX e vexo unha muller que se aferra ás palabras sen complexos e fai con elas o que o corazón lle pide ao oído en cada instante: fitas de encaixe, diamantes, armas de construción masiva ou versos predestinados a furar as conciencias e facer cambalear os piares do inmobilismo.
Esa é ela. Unha xigante que non precisa respiración asistida, nin prantos, nin ritos florais. Os pulmóns da súa obra aférranse ao futuro e ínflanse coa forza dun país que respira cultura por cada fenda.
En Galicia existen infinitas formas de querer e nós querémoste paxaro, lume, emoción. Querémoste eléctrica e lúa. Insubmisa e valente. A voz que hoxe portaría unha pancarta na cabeza dunha manifestación contra a violencia machista ao berro de: Basta xa, querémonos vivas! A que quedaría afónica de solicitar, día tras día, unha maior presenza do galego na escola, na rúa, na vida. Na Galicia nosa que se estremece por momentos.

Imaxino a Rosalía e véxoa afirmando: Son muller e son galega. Reivindícome como escritora na miña propia lingua e non consinto que ninguén apague a miña voz. Estou tan viva que os meus versos rabuñan as paredes do panteón de galegas ilustres ata facelas sangrar. Négome a ser unha estranxeira exiliada na miña patria. Quero abarcar toda a luz e contaxiarte.
En Galicia existen infinitas formas de chover,
Como chove miudiño,
como miudiño chove,
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove.
E con esa maxia pronuncio: babuxa, chuvisca, poalla, chuvieira, barruzo, dioivo. A lírica que arroupa os versos de Rosalía é un bico anfibio. Debaixo da auga nada a pracer, presumindo das súas branquias. Fóra dela, quita o traxe de escamas, mete as mans na terra e arrinca un libro e unha flor. Esa coa que hoxe queremos agasallar ao mundo. RosalíaTe!
Con Ledicia no "Día de Rosalía" en Vigo


martes, 7 de marzo de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (15) "Poemas birollos para ler cos ollos", de Fran Alonso






TÍTULO: Poemas birollos para ler cos ollos.

AUTOR: Fran Alonso.


EDITORIAL: Edicións Xerais. COLECCIÓN: Sopa de libros.



Edicións Xerais achégalles aos lectores infantís este suxestivo e atraente poemario da man de Fran Alonso. Autor recoñecido no eido da nosa LIX tanto pola súa obra poética coma narrativa, na que sempre amosa diferentes vías de transmitir e compartir a forza da palabra e o gran poder que conleva o seu uso.
    
     Desta volta, Fran Alonso non só é o autor do texto senón tamén das ilustracións e do deseño do libro. O resultado non podía ser outro que esta magnífica proposta literaria que convida a xogar, a interpretar, a observar, a crear e recrear, a soñar…
Fran Alonso

     Trátase dun conxunto de poemas que beben da tradición oral (cancións e xogos infantís da nosa e doutras culturas) e da poesía visual a través da especial disposición tipográfica dos versos, da combinación das cores con carácter simbólico, da mestura de imaxes reais (fotografía) con debuxos (onde destaca a presenza do gato poeta coma unha chiscadela ao lector) dentro dos cadros poéticos que se crean. Tecéndose deste xeito uns poemas-imaxes moi evocadores que dan lugar a diferentes interpretacións e que espertan a imaxinación do lector que se deixa envolver polas sensacións sonoras e visuais.

     Toda unha invitación a xogar coas letras, coas palabras, cos versos con rima e sen ela, cos sons e coas onomatopeas adubadas con humor. Invitación que ten a súa continuidade na creación dun videoxogo específico do libro para que os nenos sigan familiarizándose coa palabra poética.


                                                                                               

                                                                                                             ALBA  PIÑEIRO

domingo, 5 de marzo de 2017

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (LVI) Xoán Carlos Domínguez Alberte






        XOÁN CARLOS DOMÍNGUEZ ALBERTE (Escudeiros. Ramirás, 1966)






ILUSIÓN

Xoán Carlos Domínguez Alberte


Bule que a bubela rebole
o leque das súas ás
de cor no ar.

O sol abala as raiolas nas follas
e a bubela devala o baile
entre as bolboretas que a envolven
e revoan con ás de cristal.

Os teus ollos son o espello
polo que eu vexo.

Escólloche paxaros multicolores
e ti cólleslles o nome
                   bubela, cotrola, cotromela
e acolles as súas flores
de plumas que bolen e abalan
en leques de luces.

Bule que a bubela rebole
o baile das súas ás
de cor no ar.






VERSOS PARA RESOLVER UNHA ADIVIÑA



Eu fálovos dun paxaro
que se oe moito cantar
entre as árbores do bosque,
máis non se ve, está oculto.

É un paxaro moi cantareiro
que enche de notas musicais
no ar os sons da natureza,
mais só se oe, é moi astuto.

Se soubese pintar ben
collería un lapis de cor,
mais non sei que cores poría
ás súas plumas nun debuxo.

O seu canto ao raiar
o sol xa enche de son
ledo o día na primavera,
mais cala ao luscofusco.

Se aínda non te decataches
quen é voute axudar;
é unha ave case invisíbel
mais ten nome: é o cuco.






DURME E REPOUSA


Durme e repousa
e non lle teñas medo
a ninguna cousa.

Son os biosbardos
que andan no monte.

Luz no monte
e luz na fonte
e nunca, nunca
o trasno encontres.






A LÚA LÚA LUEIRA



A lúa lúa lueira
é unha señoriña
moi fituqueira.

Eu son nube
e ela é brincadeira.

Ela é meiga
e eu son paparateira.

Eu son soño e ensoñó
e ela é rebuldeira.




(Do libro Versos para conversar, editado por Editorial Galaxia. 2016)