martes, 29 de noviembre de 2016

REMUÍÑO DE LIBROS (2) "Cepillo", de Pere Calders e ilustracións de Carme Solé Vendrell






Título: CEPILLO

 Autores:
 Pere Calders (texto)
 Carme Solé Vendrell (ilustracións)

Editorial: Kalandraka. Colección: MAREMAR.



     Da man de Kalandraka e da tradución de Xosé Ballesteros, chega ás nosas letras este clásico da Literatura Catalá. Trátase dun fermoso álbum ilustrado cuxos autores, de referencia internacional, obtiveron en 1981 varios recoñecementos: Premio Lazarillo, Premio Serra d´Or e un ano máis tarde o Premio Generalitat de Catalunya.
Pere Calders

     Cepillo conta a historia do pequeno Salas quen, a partir dunha decisión unilateral e lóxica por parte dos membros adultos da súa familia,  se ve obrigado a afiar a súa imaxinación para encher o baleiro de “afecto” que a ausencia do seu cadelo lle provocou. Isto dará lugar a unha busca incesante pola súa parte ata conseguir darlle vida canina a un cepillo e facer partícipes do xogo os adultos.

Carme Solé Vendrell

     Por medio da simbiose entre texto e imaxe e cunha linguaxe clara, directa e expresiva, salferida dunha pátina de ironía e tenrura, os autores logran reivindicar a importancia da imaxinación na vida, non só na infancia, coma unha ventá aberta que nos amosa a realidade dende a perspectiva dos ollos dos nenos.


                                                                                               Alba Piñeiro

domingo, 27 de noviembre de 2016

CONVERSACIÓN CON ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO SOBRE EL "BLONDE ON BLONDE" DE BOB DYLAN

Basándome en la columna "Discos memorables" que publico en Versos e aloumiños, he tenido recientemente la idea de iniciar un podcast sobre música popular bajo ese mismo título que estará disponible en portales de internet como Podomatic o YouTube. La intención es conversar con diferentes amigos sobre elepés que, por una u otra razón, les resultan memorables e indispensables en toda discoteca que se precie. El primer programa es una conversación con Antonio García Teijeiro sobre uno de los discos de Bob Dylan que más le han impactado personalmente: el Blonde on Blonde, que Dylan grabó entre Nueva York y, sobre todo, Nashville en el año 1966 y que fue el primer disco doble de la historia del rock, además de ser uno de los más influyentes de la música del siglo XX. El programa completo, de unos 50 minutos de duración, puede escucharse aquí:




A lo largo de la conversación, Antonio y yo charlamos acerca del papel del Blonde on Blonde dentro de la carrera de Dylan y del lugar que ocupa en el imaginario del rock. Destacamos también a algunos de los excelentes músicos que participaron en estas sesiones (miembros de The BandAl Kooper, Charlie McCoy, Hargus Robbins) y finalmente desgranamos el disco y lo comentamos canción por canción. Por cuestiones de copyright, no nos está permitido poner ninguna de las canciones, pero animamos a quienes escuchen el podcast a que tengan también de fondo el disco sonando, o que lo escuchen antes o después de oír nuestra conversación. Dejamos aquí una versión alternativa de una de las canciones más fabulosas de las catorce que componen este disco ya atemporal y lleno de textos de una sensibilidad poética inigualable: "Visions of Johanna".



                                                   ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ

miércoles, 23 de noviembre de 2016

UNHA MENSAXE QUE DICÍA: "Ha muerto Leonard Cohen"

Leonard Cohen en plena actuación


Eran as tres da mañá e estaba sentado na cama lendo a extraordinaria novela de Antón Riveiro Coello, Laura no deserto.
     Sentín unha chamada na miña tableta. Ao principio non lle fixen caso. Seguín mergullado nestas memorables páxinas nas que Laura vai tecendo a súa desmemoria.
     


     Antes de apagar a luz botei unha ollada ao iPad. Había unha mensaxe do meu fillo, que vive nos EE UU, tan conciso coma demoledor. Dicía unicamente: “Ha muerto Leonard Cohen”. Fiquei abraiado, doído, desconcertado.
     Unhas horas antes estivera falando co meu amigo Anxo Cabada sobre as idades dalgúns músicos. Comezamos por John Mayall (a razón da conversa) e rematamos con Leonard Cohen. Grandes músicos con máis de oitenta anos, dixemos. Foi un aviso? Un presentimento?
     

     Tras a noticia pasaron pola miña mente moitos feitos relativos ao poeta canadense. Reparei nos anos que levo abeirado á súa música, as discusións de hai certo tempo con persoas que dicían que o seu estilo era deprimente, monótono, que non cantaba, que aburría… Lembrei a emoción que me produciron hai ben anos (e seguen a producirme) as descubertas de”Suzanne” e de “Bird on the wire”. Logo virían todas as demais. Lembrei a paixón compartida con el por García Lorca, o concerto de Castrelos no 2009, as horas sentado nun sillón, en soidade, deixándome levar por esa voz grave , envolvente, que soaba no medio dunha música celestial.
    
     E tantas outras cousas.
     
     Ao día seguinte volvín escoitar o testamento musical que nos deixou con ese precioso  e doente “You want it darker”, producido polo seu fillo Adam, co que te transporta a espazos sen lindeiros. Murmurios envoltos nunha música (cordas, coros…) marabillosa ; murmurios dun home que sabía xa a morte preto.
     
     Un home, Leonard Cohen, ben singular, que como di Luis Lapuente “buscaba  a luz penetrando máis e máis na escuridade”. Un home cunha vida na procura de si mesmo que se illou do mundo en Hydros, que se agochou entre as sabas do Chelsea Hotel ou que ingresou nun mosteiro budista para atoparse. Un home que nos inxectou emoción con cancións de amor e odio, que nos convidou a vellas cerimonias falándonos dunha nova pel; un home, en definitiva, como di Lapuente, “atrapado entre os seus desexos carnais e os seus demos espirituais, luzadas de silencio que nos lembran a nosa condición mortal, agora que el, tamén el, nos abandonou e só nos quedan as súas cancións”.

     Pois ben, deste visionario fun ao longo do tempo recollendo algunhas das reflexións que ía lendo en xornais ou revistas. Unhas reflexións poéticas, críticas, cheas de ironía e case metafísicas. Unhas reflexións ben preto do ser humano e das súas circunstancias.
     
     Un  Leonard Cohen auténtico dando pistas para que pensemos.
     
     E aquí están tres delas. Pensamentos que quero compartir cos lectores do noso blog-revista. Paga a pena deterse neles para sentir a intimidade dun home tan grande.
     
     Que vos interesen é o desexo de quen isto escribe.
   
     

     “A historia e o tempo fan á poesía obsoleta, agás as grandes obras. Eu non estou interesado na posteridade, que é, como alguén dixo, unha pálida forma de eternidade. Gústame escribir cousas que teñan unha proximidade horizontal, non cousas que vaian perdurar. Non estou interesado nunha póliza de seguros para a miña obra.”


     
     “Eu non establezo criterios para a felicidade; a min simplemente me gusta cantar, pero non quero crear un programa a través da miña música. Quero poñerme en pé, cantar a miña canción e volver sentar e escoitar os demais.”


     
     “Un sabe cando é feliz. Falouse demasiado sobre a mecánica da felicidade: a psiquiatría, as pastillas, pensar en positivo, a ideoloxía… Pero eu creo que o mecanismo xa está aí. Todo o que hai que facer é gardar silencio durante uns intres e un se decata de onde se atopa.”

     
     Quero rematar este texto cunha canción que sempre me emocionou:  “Bird on the wire”, que Cohen interpreta no concerto de Londres de 2013.





                                                                                                      ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO

lunes, 21 de noviembre de 2016

RACHANDO BARREIRAS POÉTICAS COA "XERACIÓN BEAT" AO FONDO




A miña segunda aportación ao Festival Kerouac de Vigo 2016 foi un recital poético en La Fiesta de los Maniquíes.
     Rodeado de xente nova, con ganas de comunicar, con talento. Persoas que cren na forza da poesía, da palabra, das artes visuais, do cosmos poético da denuncia, decidín deixar á parte os meus libros chamados “de adultos” e seguín a liña que estou a defender dende hai un tempo: rachar certas barreiras, derrubar muros e ler eses poemarios que “tamén poden desfrutar nenos e mozos/as”.

     De aí a lecturado meu poemario Petando nas portas de Dylan, un libro editado pola Editorial Galaxia, na súa colección Árbore. É este un libro, cuxos poemas nacen de versos de Bob Dylan  para artellar un discurso poético aberto e que produza reflexión.
 
Bob Dylan e Allen Ginsberg diante da tumba de Kerouac
     Antes, fixen unha introdución, unha pequena referencia á “xeración beat” para contextualizar  o que ía ler, relacionándoo con Bob Dylan.


     Podedes ler deseguido este texto e tres poemas do meu libro con algunha ilustración de Xosé Cobas.



CHEGAR A PETAR NAS PORTAS DE DYLAN DENDE JACK KEROUAC


Non collín Cadillacs prestados nin Dodges escangallados. Non fixen viaxes entolecidas, nin coñecín hipsters de madeira, nin percorrín o continente americano. Pero si, sufrín golpes traidores, angurias e puñadas hostís nas odiosas tebras da vida.

     Sentinme revivir cando dei con Jack Kerouac, con Neal Cassady, Allen Ginsberg, Gregory Corso ou William Burroughs entre algún outro. Esa xeración beat, a través dos seus versos surrealistas, cheos de imaxes e sempre iconoclastas, abríronme camiños e notei a súa disidencia preto de min.

Compoñentes da "xeración beat"
     
     Camiñei on the road polos vieiros dun mundo que non me gustaba apoiado na potencia dos seus versos, dos seus relatos.


     Quixen ser Sal Paradise e Dean Moriarty e moitos máis, pero resultoume imposible.
Fiquei desorientado, perdido nas pantasmas do absurdo.
E bebín das súas palabras para non entolecer.
E roubei os seus versos para sobrevivir.
E vin o teito do encanastrado cuarto da Terceira e Harrison que ten a Belfast pintado negro sobre amarelo no costado da vella madeira de Frisco.
 
Jack Kerouac
     E vin en certo lugar, entre a neve, nenos violados, maníacos decididos a facer disparates, pistolas nas mans de obsesos paranoicos e quixen contarlles aos nenos fermosos relatos máxicos, loucuras múltiples e as tristezas da nena, a máis pequena de todos os irmáns no presebe feito de xiz (azul na lúa).

     Dende estes versos e outras palabras de Kerouac achegueime a alguén que bicou a súa tumba: Bob Dylan.
Dylan e Ginsberg

E aínda que a bruma sexa bruma mentres o ceo queira, as súas palabras, as súas cancións, a súa voz   esgazaron o aire para que mozos e mozas reaccionasen diante duns poemas dedicados a quen escribiu:
                           
                           Eu son un home normal e corriente
                            Son como el, igual ca ti
                            Son o irmán e o fillo de todo o mundo
                            Non son diferente de ninguén
                            Non ten sentido falarme
                            É o mesmo que falar contigo mesmo
                                              
                                            ou
                           
                            Fóra na inhóspita terra
                            un frío coiote oulea
                            Os teus ollos fixos na escopeta
                            que está colgada na parede
                           
     E non quixen fríos, nin coiotes que ouleen, nin escopetas penduradas do desatino.

          Quixen seguir no camiño da palabra escollida, e pensando nos mozos e mozas perdidos en terras sen versos, petar nas portas de Dylan como el petou nas portas do ceo.
E de aí saíron estes poemas.
Con eles naceu este libro.













viernes, 18 de noviembre de 2016

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS ( LIV ) Ana María Fernández






                        ANA  MARÍA  FERNÁNDEZ  (Palma de Mallorca, 1949)





HORIZONTE


O horizonte era unha vela,
Ana María Fernández
un enxame de barcos,
un poema de brumas
con veos brancos.

Soaban os claríns
do concerto mariño,
xiraban os delfíns
no zigzag do camiño.

O horizonte era unha vela
que se estendía,
mentres un mar de raios
de sol caían.


RÚAS

Rúa viaxeira,
rúa con esquinas,
con tres curvas longas,
con casas torcidas,
rúas con farois,
con pombas perdidas,
con cans, con caxatos,
con xente, con vida,
rúa que reúne
amigos e amigas
que abre os comercios
se ve a luz do día…,
rúa con zapatos,
bicis e tranvías,
rúa longa, longa,
con dez travesías
por onde pasean
bágoas e alegrías.



O PERFIL DO BOSQUE

O perfil do bosque
está mollado.
Hai bágoas de chuvia
nun froito asustado.
As follas teñen lumes
de laranxa pintado
e, no camiño da lesma,
brilla un sol imaxinado.
Sinto no ambiente incerto
a música dun mundo antepasado;
está prendido no aire,
que hoxe fala calmado.
O perfil do bosque
é dun soño agochado.



A CHUVIA

A chuvia cae devagar
nun acorde de ramas.
A orquestra gris das nubes
fala que fala.
En si bemol un vento
maino, que a abala,
trae latexar contento
de auguiña clara.
Piano, piano…
decorren os minutos
eiras e fragas.
Piano, piano…
e a orquestra gris das nubes
xa logo cala.


(Do libro Versos de tarde laranxa, editado pola Editorial Galaxia. 2016)