Mostrando entradas con la etiqueta fran alonso.. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta fran alonso.. Mostrar todas las entradas

sábado, 12 de octubre de 2013

ESCAPARATE POÉTICO (XXVII) Fran Alonso






 FRAN ALONSO  ( Vigo, 1963)


Refuxieime, amor, no trasteiro.
Coma un neno desterrado.
Entre as vellas cortinas, apodrecidas,
entre sucios cadros de paisaxes remotas,
entre aquela enorme e vella radio de salón,
a carón da memoria dos avós,
desdebuxando un mapa e
interpretando un álbum de fotos estrañas,
ata que me liberei da túa presencia abouxante.
Refuxieime por uns instantes no esquecemento do trasteiro,
Fran Alonso
pero dei coa lencería e co enxoval.


      *****************************

Todo está aí fóra sen ti,
¡tan ben e tan pobre!
Sucede entre nós algún achádego;
a xenreira que nunca coñecimos,
a paixón inédita de amarelecer no aburrimento,
o aquel querido daquela querencia.
Mais ti es caixón de segredos e censuras.
Impía, loba, inquisidora.
Ti es o meu peto de rabias, de farturas.
Pero sucede entre nós algún achádego,
o bo coñac que nos fermenta nos sexos,
a gaivota puta que nos peta na ventá
polas mañás,
derrotados.
Sempre brilla unha presencia que nos xungue
polos pelos.
Sempre ti, e ti; ti, comigo.
¡Tan ben e tan pobres!


     *********************************


Mareos, arcadas, e un deserto de pedras no salón.
Ti dobrada sobre o chan,
eu vencido no sofá.
Derrotámonos entrambos, amor,
sen crómer nin algodón.
Só a bile dos dous,
sobre o parqué da desolación.

      *************************************


A nosa vida é de cor sepia.
Sabemos de medos difuminados entre papel antigo,
ou ulimos decote o chumbo atrapado nunha persiana.
Na casa, os rancores vense nos espellos.
Non hai bufandas, luvas ou sombreiros
que non sexan forno de reproches,
niños paranoicos de soidades e incomprensións.
¿En qué século vivimos?
O ser humano é sempre o mesmo.




(Do libro Persianas, pedramol e outros nervios, editado por Alacrán, 2002)