Mostrando entradas con la etiqueta concerto.. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta concerto.. Mostrar todas las entradas

sábado, 6 de junio de 2015

DE NOVO, PACO IBÁÑEZ CANTOU A EMOCIÓN DOS VERSOS QUE SEGUEN VIVOS NO TEMPO.

Paco Ibáñez durante o concerto en Vigo

      E Paco Ibáñez, una vez máis, cantou en Vigo. E fíxoo cun repertorio magnífico e, ademais, galeguizado.
     Ata catro cancións cantou na nosa lingua. Un fermosísimo “Chove” de Celso Emilio Ferreiro e tres cancións baseadas nos meus poemas: “Que ocorre na terra?”, que xa é habitual nos seus concertos , “O vento dorme” e “Pomba de lume”.

     Chegado o momento de interpretar esta última, convidoume a  subir ao escenario. Momento incrible, único, máxico. Fíxome cantar con el !!! Non o podía crer.
Pois ben, alí arriba, despois de loitar coas letras que esvaraban polo atril, cantei co mestre a esa pomba de lume, de amora, de menta, pomba que chora. A emoción invadiume. Superei o nerviosismo para non quedar mal no intento. Paco sorría, tocaba a guitarra, cantaba. E o público, que tiña o fermoso cartón coa pintura da pomba que creou Xulio García Rivas, acompañaba no retrouso. Éxtase.
 
Con Paco no escenario. A emoción viva.
     Uns intres para non esquecer. Algo fondamente emotivo.

     Eu sen Paco Ibáñez non sería o mesmo. Tería máis eivas das que teño. Débolle moitísimo. Sempre estivo nas alturas e, ao tempo, moi preto da xente. E eu acababa de cantar, ombro con ombro, con el no teatro García Barbón.Sen palabras.

     Paco estivo dúas horas longas no escenario. Repasou una chea de cancións que son memoria viva de todos nós.
     
     Vibramos con Celaya, Góngora, Quevedo, Goytisolo, Lorca, Miguel Hernández, Brassens, Neruda, Alfonsina Storni … Esa nómina inmensa de poetas que encheron de forza e compromiso poético a miña vida e a de tantos outros.
     Sobrepasados os oitenta anos, Paco Ibáñez segue emocionando pola calidade dos seus temas e a autenticidade nos seus comportamentos.

     Próximo coma poucos artistas, o público vibrou coas súas interpretacións (marabilloso coa súa guitarra Mario Mas, nos tres temas nos que interveu) e aplaudiu con forza  as mesmas.
 
Mario Mas acompaña a Paco Ibáñez  (Foto de Tito Toscano).
     Paco Ibáñez é un mito. Un mito que vive preto de nós. Un mito que nos agasalla versos e que nos fai sentirnos máis felices despois de escoitalo.

     Así saímos todos do concerto: felices e renovados por dentro.


     Un pracer sen límites.


                                                                                                                         ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO

miércoles, 20 de noviembre de 2013

CONCERTO "75 Aniversario da Batalla do Ebro". PACO IBÁÑEZ, chamando a que non esquezamos nunca os vencidos.

Paco Ibáñez
Danme noxo todos aqueles que intentan silenciar a Paco Ibáñez. Semellan querer que non exista.
Mais iso resulta imposible.
Paco vive.
Paco respira cando canta e faino moi a miúdo.
Si, Paco Ibáñez está vivo.
E segue a sacudir conciencias ao longo de España, Europa e América.

Ao longo de 2013, Paco deu unha morea de concertos.
Non saen na prensa nacional, claro. A súa dignidade, a súa voz, as súas cancións emocionan a moitos, pero amolan a demasiados "personajillos", eses que, normalmente, teñen o poder político, o poder económico; a eses que manipulan a xustiza, a eses que viven mergullados na corrupción con todo o descaro do mundo.  Ladróns de sentimentos. Magos ruíns que pisan todo aquilo que o pobo reclama. Desnaturalizadores da sociedade, queren títeres e non cidadáns que pensen, cidadáns con iniciativas, reflexivos, loitadores. Son os que dormen o paso dos días e afogan todo intento de reivindicacións xustas.
 
Paco diante dunha foto dun campo de concentración. Argelès-sur-Mer

Con Paco Ibáñez non poderán. Leva moitos anos resistindo. E milleiros de persoas ateigan os seus concertos, xa sexan en Uruguai, Chile ou Arxentina, coma en Francia, Bélxica, Túnez  ou o territorio español que percorre coa súa guitarra na man e a poesía na súa gorxa, saíndo do seu corazón rexo e xeneroso.

Ben, pois o día 28 de decembro no Auditorio Felip Pedrell, de Tortosa, un dos enclaves históricos da guerra civil, Paco Ibáñez dará o "Concerto 75 aniversario da batalla do Ebro", con todo o orgullo de pertenza aos ideais derrotados naquela encrucillada.


E Paco Ibáñez, artista comprometido, representante dos poetas, humanista, cantará as súas cancións nun concerto de conmemoración e testemuño para lembrar os republicanos españois e os membros das Brigadas Internacionais, eses homes que o deron todo no nome da liberdade.

É unha chamada democrática. Estamos cansos de escoitar a historia, a deles, e, como dicía León Felipe, de"que nos duerman con cuentos". Pero somos moitos os que espertamos, e non aceptamos nin o esquecemento nin falsas versións dunha historia que se debe coñecer en toda a súa dimensión e, xa que logo, en liberdade e con rigor.
Trátase da dignidade humana.

Fotografía de Llibert Teixidó
E nestes tempos duros, nos que a indignación está a flor de pel, escoitar a Paco Ibáñez faise necesario.
Que moitos outros e outras tomen nota do que este home fai, resiste e non permite que ninguén o domestique.

Podedes picar nesta ligazón para entrar na súa páxina, saber algo máis do concerto e ver tres vídeos do noso trobador cantando a Luis Cernuda, Rafael Alberti e Pablo Neruda.


www.aflordetiempo.com/concierto-ebro
 
 
Batalla do Ebro
 
 Menos mal que, ademais dalgunha que outra cousa, nos queda a súa palabra.
 
                                                                                           ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO