Mostrando entradas con la etiqueta bicos e non balas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta bicos e non balas. Mostrar todas las entradas

jueves, 26 de marzo de 2020

VERSOS NO CONFINAMENTO I : Bicos e non balas

Nestes días tan estraños nos que, no mellor dos casos, a xente se atopa confinada entre as catro paredes da súa casa, sen saber con certeza o que vai ocorrer nin ata cando continuará esta situación, a poesía é aínda máis necesaria que de costume. Por iso, Antonio García Teijeiro está a publicar en Facebook e na súa canle de YouTube unha serie de vídeos nos que recita textos extraídos dalgúns dos seus poemarios. Velaquí tedes dous vídeos nos que Antonio recita versos dun dos seus libros máis recentes, Bicos e non balas (Editorial Galaxia). 

BICOS E NON BALAS, Parte I




BICOS E NON BALAS, Parte II



miércoles, 8 de enero de 2020

MALORES VILLANUEVA ESCRIBE E FALA DE "Bicos e non balas", de Antonio García Teijeiro





TEXTO DE MALORES VILLANUEVA NA PRESENTACIÓN DE “Bicos e non balas”, de ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO


Boa tarde amigas e amigos,
Hoxe convócanos a palabra, a poesía e a forza de Antonio García Teijeiro. O primeiro que debo é agradecerlle a súa confianza e xenerosidade por escollerme para dar a benvida a este libro-aloumiño. Xa hai uns meses que me dixo que lle gustaría quelle presentase o seu vindeiro traballo e ese día confésovos fun moi feliz, sentinme afortunada, pero hoxe aínda máis despois de ler Bicos e non balas.

     Este libro-aloumiño é un canto a prol da solidariedade, da paz, da xustiza, da infancia, un libro para reparar nas pequenas cousas, nos pequenos acenos que cambian o mundo. Unha obra que é chave ou mesmo porta entornada para entrar nun camiño cheo de tenrura, onde se transita entre a tristura e a esperanza.
Alborece nesta fraga,
alborece neste val,
mais non alborece nunca
para aquel que non ten pan.

     Porque Antonio García Teijeiro non mira para outro lado, sabe que non hai tregua para aqueles que sofren e pousa a súa mirada neles, dálle voz. Debuxa nos seus versos a tristura e somos quen de ver nitidamente os ollos dos nenos e das nenas e sentimos dor, unha dor punzante e dela só nos salva o amor e as letras.

Un neno fixo unha vez
un barquiño cun xornal.
Había tantas desfeitas
que á auga lle sentou mal.
As novas tanto pesaban,
que o barco se foi ao fondo.
O neno salvou as letras.
Con elas creou un conto.

     
Malores Villanueva
O mundo presentado coa súa crueza: as guerras, a auxe do fascismo, da xenofobia, en realidade, o desprezo aos pobres, a aporofobia que invade a sociedade e que vemos cada día nas noticias, que como di no verso pesan tanto que nos afunden. E fronte a iso a palabra e a fantasía, os contos para crear utopías, para soñar mundos posibles polos que loitar. Un mundo máis solidario con aqueles que se ven obrigados a deixar atrás as súas raíces. Os pobres tamén cantan, teñen un berro de loito, pero cantan, e a súa voz estremécenos e sentimos frío, moito frío. Sentimos desacougo que se mitiga cando os nenos pintan paraugas vermellos, unha casa de moitas cores, pero tamén bolboretas en branco en negro, porque os nenos de África que non teñen nada, teñen soños, aínda que o seu mundo llos negue. Estes días escoitamos falar dos Menores Estranxeiros Non Acompañados, e hai quen lle chama polas siglas, MENAs, porque así parece unha banda mafiosa e encóbrese que son nenos, nenos e nenas como os dos poemas de Antonio García Teijeiro, nenos e nenas que chegaron nun caiuco procurando “as fronteiras da paz”. Nenos e nenas que senten “a tristura do desarraigamento”, nenos e nenas que son estigmatizados por ollos sen sentimentos, por voces sen corazón. E ante tanta miseria é

Tempo de bicos
tempo de arrolos
tempo de apertas
tempo de soños.

     Fronte á pólvora magnolias, que escribiu o gran Ferrín, e fronte ás balas bicos, escribe agora o noso Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. A infancia no centro da súa obra e aquí está a que sofre, a que sabe o que é unha guerra, o que significa a morte, a destrución, a miseria, o medo... Están os nenos soldados, as nenas e os nenos refuxiados, as crianzas ás que se lle nega a educación, o futuro, aqueles que non poden camiñar por un campo sen pensar se haberá minas, os nenos e as nenas ós que non se lles permite ter infancia porque precisan traballar...

A lúa chove no río
e bica no corazón
de todos aqueles seres
que perden a súa voz.
A lúa chove no río
e no corpo dos meniños
que vagan de rúa en rúa
na busca dun aloumiño.

    
      Iso é o que debéramos darlle ós refuxiados, ós Menores Estranxeiros non Acompañados, a todos os nenos e as nenas que son vítimas de situacións crueis. Ante tanta indignidade que escoitamos cada día, ante eses discursos aporofóbicos, están as palabras, as palabras como armas para loitar contra as inxustizas e contra os que queren apropiarse dos significados.

     Así pois, este máis ca un libro, é unha arma poderosa coa que loitar, non é un adoquín, un paralelepípedo, é un artefacto cheo de esperanza para cambiar o mundo, para que os nosos nenos e nenas, que tamén sofren, sexan solidarios, recoñezana situación inxusta dos demais e sexan quen de reparar esa tristura con aloumiños e miradas cómplices. Como dixo Agustín Fernández Paz, o único que nos queda é o amor.
Nestes poemas está Antonio García Teijeiro en estado puro, como poeta, como lector, pero tamén como persoa. Un recoñece nestas páxinas as pegadas de Curros, de Celso Emilio Ferreiro, de Aute, de Bob Dylan, de Ferrín, de Iglesia Alvariño e de tantas lecturas que el acumula, porque para escribir cómpre ler e para transmitir tanta emoción cómpre sentila e ser boa xente, como el é.

     Dicía Gabriel Celaya que a poesía é unha arma cargada de futuro e se está nas mans de Antonio García Teijeiro esta poesía é o noso futuro e ten que chegar a todas as casas. El pide a paz e danos a palabra, porque agora son nosas, desta sociedade que está necesitada de referentes reais.

     Grazas Antonio por facer esta antoloxía poética na que mostras o teu compromiso inquebrantable coa sociedade. Grazas por facernos reflexionar e soñar e grazas por invitarme a compartir mesa contigo e con Paz, a miña querida amiga Paz, a paz é o que buscan estes versos e na lectura de Paz acadan de seguro toda a súa proxección, poucas veces os nomes das persoas din tanto, eu só vou engadir que a quero e que estou desexando escoitala. Bicos e non balas é un libro-aloumiño e entre Antonio e eu hai moito cariño, espero que hoxe o sentise e vós tamén. Este libro permítenos “tocar a tenrura que viste de seda as vidas máis duras”, agora está nas nosas mans.

viernes, 13 de diciembre de 2019

Entrevista con Antonio García Teijeiro no Faro de Vigo: "Á RAPAZADA HAI QUE QUITARLLE PRESIÓN"

Co gallo da recente publicacion da antoloxia Bicos e non balas, Antonio Garcia Teijeiro foi entrevistado na seccion Faro Educa do Faro de Vigo por Selina Otero. Unha entrevista interesante e chea de boas preguntas na que, amais deste novo libro, Antonio ten a oportunidade de falar de temas como a paz, os adolescentes e a lectura, internet e as novas tecnoloxias ou os valores presentes na nosa sociedade actual, entre moitos outros. Na edicion en papel soamente apareceu unha pequena parte da entrevista, a que pode accederse na sua totalidade a traves desta ligazón. Agardamos que vos resulte de interese.



martes, 3 de diciembre de 2019

"POESÍA TAN TRANSPARENTE E TAN ABRUMADORAMENTE COMPLEXA", texto da presentación de PAZ RAÑA sobre o poemario "Bicos e non balas" de Antonio G. Teijeiro





         Sobre Bicos e non balas, de Antonio García Teijeiro, poesía tan transparente e tan abrumadoramente complexa.

         A paz, además dun antigo, marabilloso e aínda non acadado degoro da humanidade, é un proceso que nos afecta a todas en algo tan esencial, inmediato e tanxible como é a vida. No lugar e na forma de vivila. Un proceso, e quero insistir no inacabable deste proceso, que non é algo alleo tal e como, con frecuencia, nolo presentan revestido nos escenarios da alta política e dos significados ocos e mesmo perversos.


    
Paz, lendo o seu fermoso texto
Neste primeiro cuarto de século caracterizado, entre outras cousas, polo ascenso de ideoloxías neoliberais, vulneracións dos dereitos humanos, destrución sistemática de emprego, crise ecolóxica, violencia de xénero, rebrote da xenofobia, racismos e neofacismos, profundización dos desequilibrios entre o norte e o sul, carreira armamentista e comercio das armas, institucionalización da pobreza, aporofobia, (ese odio social cara os desposuídos), os conflitos bélicos que non cesan en máis ou menos 20 puntos do planeta neste mesmo instante.

     Perante isto,perante a felicidade ameazada, como resposta activa do conxunto da cidadanía, o primeiro paso sería preguntármonos polo significado e as implicacións persoais,  políticas e máis ecolóxicas da idea de paz, tantas veces reclamada, como manipulada, e do seu antónimo real que, como se sabe, é a violencia, non a guerra.Violencia física e estrutural, na maioría das enfermidades sociais denantes sinaladas.

Antonio e Bea Gregores (ilustradora)

     A paz, máis ca o punto final dun conflito, é o inicio dun equilibrio colectivo(comunitario) que esixe e implica xustiza social, desenvolvemento equitativo dos pobos, igualdade de xénero, ou o que vén sendo o meso, a vivencia dos dereitos humanos, dentro e dende a sociedade, nun medio ecoloxicamente san.

     Dicir que hai paz nunha situación na que imperan a pobreza, a represión e a alienación non deixa de ser unha parodia.

     Pero vaiamos á cerna do que nos convoca: o libro e o autor.

     Porque Bicos e non balas é un libro  (eu afirmo indispensábel),  que nos axuda a recuperar e repensar,dende o primeiro ao último verso, a idea de paz en todos os ámbitos de actuación humana, partindo do lado máis luminoso, o poético. Contribúe a alfabetizar nos contidos e valores dunha cultura de paz que nos permite desvelar a realidade complexa, conflitiva, desigual e violenta na que vivimos, para poder facela máis transparente e, deste xeito, facilitar o compromiso consciente perante ela. Só é necesario desentrañar o poema.O versos máis fermosos comenzan cun latexo.

     Se a infancia é a patria do home, a patria da infancia é a educación, e, digo eu, a patria da educación é a palabra!

      

As ensinanzas de Antonio conducen a que  a (nosa) imaxinación viaxe a mundos que nunca foron. Son ensinanzas que nos indican que algo incríble está agardando por nós para ser descuberto e para non conformarnos co que nos vén dado. “Vivir outros mundos, sentir outros sentimentos, pensar outros pensares, abrir portas que ninguén poderá pecharnos xamáis”. Obra o prodixio, e… nolo entrega.

     Antonio pensa as palabras, pondera os conceptos que nelas se reclúen e despexa os horizontes das teorías, para servir ás novas formas en que se presenta a linguaxe…e así escapar ao interesado cultivo da ignorancia e a falsidade, da resignación e o abandono, que ás veces se fan co poder do “aire semántico” no que viven os nosos soños e as nosas realidades.

     Lewis Carroll díxolle nunha ocasión a Alice Liddell e ás súas irmás, antes de que estas atravesasen o espello: “O resto da historia (a historia que lles estaba a contar) para a próxima vez”. E Antonio, sen dubidalo, recolle o testigo e, traballador infatigable como el é, reclama coas palabras de Alicia: “Xa é a próxima vez!!!”

     Estou convencida de que Herman Melville escribiu o comezo da súa, fondamente poética, Moby Dick pensando en Antonio, cando o arponeiro di: “Hai anos pensei ir navegar un pouco por aí, para ver a parte acuática do mundo. É un xeito que teño de botar fóra a melancolía. Cada vez que me sorprendo poñendo unha boca triste, cada vez que na miña alma hai un novembro húmido ou chuviñento…entón entendo que é máis que hora de facerme ao mar… “ E é así que o poeta, este poeta, se fai ao mar cargado de arpóns poéticos cos que ten alumeado os libros máis fermosos de poesía. Antonio poema o mar.

     Os seus versos, ao tacto, son cálidos e estouran felices cando son pronunciados


“Ai, se eu poidese plantar
sorrisos nos nenos,
camelias no mar,
cen bicos na chuvia
e luz no areal”

 

     Nos momentos encedidos de articulalos, estes versos teñen un toque de audacia: o porqué das ardentías das ondas, das brisas que as salpican, de que materia está feita a nostalxia, os afectos, a sensibilidade… envíanos unha mensaxe reparadora.

     O poeta ten o devezo de aprendernos os misterios agochados na música das palabras, …hai un carácter harmónico que sobrevoa por riba de todos os poemas e converten esa música no arroubo esencial, ela é impulsora no seu proceso creativo e ao mesmo tempo o seu efecto poderoso. Sabemos que  jazz, folk, blues, country, clásica o acompañan sempre.

    
Aperta ao remate do texto de Paz Raña


     Atopa na súa rima gozosa a aventura de querer descifrar todo o que é observable, e o que non o é, a paixón por comprender, comprenderse  e comprendérmonos para, así,  facernos posuidores da enerxía que precisamos para engrandecer o mundo…É unha Voz entrañable que agroma ao compás do corazón, no territorio dun tempo vivido…….


      Tan transparente e tan abrumadoramente complexa!!!, así é a súa escrita, que busca potenciar o desexo de irradiar, de facernos presentir que formamos parte dunha tradición entroncada coa cultura.

A lectura de Bicos e non balas é unha experiencia deslumbrante…lévanos a camiñar sobre o terreo inabarcábel da cultura, coa palabra, coa emoción, co apetito de entender a contorna e poñerlle nome aos sentimentos. Eses espazos innovadores…espazos humanos e de paz. Irmandándonos co universo.

Pombiña que escribes

co peteiro paz,
debuxa no ceo
 as algas do mar.
Escribe un poema
cos versos de sal,
e cóntalle ao vento
historias do val.
Pombiña que escribes
co peteiro paz,
rebole algareira,
aquí no pombal!

     Co entusiasmo e xenerosidade  que manifestan as súas palabras escritas, recitadas, reafírmanos na idea de que non podemos descoidar a busca dos enigmas da vida, de non querermos ser brasas apagadas. Activa en nós un afán esencial, o afán do descubrimento de ter unha maior estima cara nós e cara ao noso.
     
     O importante é que non deixemos de facérmonos preguntas coa lectura porque nos urxe conquistar a luz que brilla á saída do túnel. Hai un sendeiro fermosamente poético dende a tebra ata a luz rutilante da súa palabra.
     Antonio coñece ben que o saber perde o seu valor se non se transmite, se non se ensina, se non se utiliza para potenciar a necesidade de compartir e educar. E aí está con Susi cruzando o mar ensinando en Nova York, Tennessee, Teis, Buenos Aires, Chapela, Cuba
De esqda. á dereita: Noa, Iván, Paz, Malores, Antonio e Susi

     Cando hai xa dez anos me pediu que escribise algo para o seu fermosísimo blog Versos e aloumiños lembro ter parafraseado e adaptado o verso de Manuel Antonio: “a nosa amizade vén de tan lonxe como as horas do reloxio”.
     A memoria uniu varias vidas que a tenrura agrupou en amizade, nun día antiguo de alborozo, para que, pasado o tempo, a xeito de compás perseverante cada un de nós interpretase a súa felicidade e a súa tristura.

     E como os seus libros son produto da subversión e da tenrura, quero acabar cunha frase de Gabriel Celaya: “para educar uno tiene que llevar en el alma un poco de marino, un poco de pirata, un poco de poeta…”

Para o mellor mariñeiro, para o mellor pirata, para o mellor poeta…

Bicos como balas

Balas de cartón, Antonio.


jueves, 7 de noviembre de 2019

ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO NO CÍES PODCAST, OUTUBRO DE 2019

Hai uns días, Antonio García Teijeiro pasou polos estudios do CÍES Podcast que dirixen e presentan en Vigo os xornalistas Rafa Valero e Guada Guerra. Nesta ocasión, a interesante e sempre agradable conversa entre os tres xirou arredor da recenta visita de Antonio aos Estados Unidos, onde, entre outras cousas, pronunciou unha conferencia sobre a súa obra poética na Universidade de Tennessee en Martin. Neste novo episodio do podcast, Antonio falou tamén dos seus dous últimos libros, Bicos e non balas e Vento, ventiño, venteiro, que chegaron ás librarías recentemente. A conversa pódese escoitar nesta ligazón, a partir do minuto 29. E os lectores e lectoras de Versos e aloumiños que seguides o CÍES Podcast, estade atentos porque Antonio comezará no mes de novembro unha colaboración mensual no programa.




                                                                             ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ

lunes, 28 de octubre de 2019

"BICOS E NON BALAS" ESTARÁ PRESENTE NAS ESCOLAS VIGUESAS POR INICIATIVA DO CONCELLO DE VIGO

A nova antoloxía poética de Antonio García Teijeiro, Bicos e non balas (Galaxia, 2019), que contén textos de temática pacifista e contraria a calquera tipo de violencia, terá presenza nas aulas das escolas viguesas grazas a unha iniciativa do Concello de Vigo, que distribuirá un milleiro de exemplares da obra en varios centros escolares da cidade. A iniciativa anunciouse no transcurso dun acto no que participaron, xunto ao propio Antonio, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, o director de Galaxia, Francisco Castro, e a ilustradora do libro, Bea Gregores.

Deixámosvos aquí un vídeo sobre o acto publicado na páxina web da SER Galicia (aquí). Ademais, varios medios de comunicación fixéronse eco da aparición da antoloxía. Se vos interesa, podedes ler a recensión do acto na edición dixital do Faro de Vigo (aquí) e unha breve entrevista con Antonio na do Atlántico (aquí).


Os catro participantes no acto de presentación no Concello de Vigo.

O libro xa está nas librarías e presentarase ao público en xeral na primeira quincena de novembro.                                                   

                                                                               ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ